Bienvenido

MUNA, MUNELA E MUNÍBAL.

viernes, 27 de septiembre de 2019


Logo de levar a cabo diferentes actividades que puxeron a proba as nosas aprendizaxes previas; esta semana comezamos os tan ansiados materiais de 5 ANOS.
Neste senso, e mergullados en “Los increíbles Mun”, o primeiro que fixemos foi observar, identificar e nomear algunhas das características de MUNÍBAL, -mascota de 5 ANOS-, establecendo comparacións con MUNA e MUNELA, -mascotas de 3 e 4 ANOS-.
Axiña coidamos que MUNÍBAL tiña o corpo, o pelo e ata a boca de cor azul, así que diferenciamos de que azul se trataba en cada caso: azul mariño para pelo e boca e “azul cielo-camuflado” para o corpo. Asemade,  descubrimos que, do mesmo xeito que MUNA e MUNELA, MUNÍBAL, ten os cornos de cor amarela e que as pernas e os brazos non son dobres... “Los increíbles MUN”, teñen brazos e pernas de “espantapájaros”!...


Así pois, para rematar esta etapa como ben merece, contaremos como mascota con MUNÍBAL, un monstro aventureiro e tenro que, entre outros cometidos, propiciará un achegamento cara a lecto-escritura.
Este curso, MUNÍBAL atoparase situado nun lugar privilexiado da aula e converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese: a familia, o corpo humano, a literatura infantil, os medios de comunicación, a natureza,... canto traballo!



Indubidablemente, ao estar na aula de 5 ANOS, debemos prestar máis atención que nunca ao traballo propio, despreocupándonos do traballo alleo, sen présa, amodo, con paciencia e bo facer... non todo vale!



Agora xa, non hai escusas, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor que sabemos, desenvolvendo por orde as instrucións que se indican en cada actividade: rodeamos, riscamos, unimos, coloreamos, pegamos gomets, escribimos palabras, trazamos números... 


Do mesmo xeito, no tempo adicado ao traballo obrigatorio en mesa, debemos cumprir as normas establecidas: traballar en silenzo, non erguerse ata rematar a actividade e, de ser o caso, borrar ao final... que complicado! 


Non se trata duns libros calquera... nooon!! Trátase duns libros diferentes, especiais; son libros de súper-maiores, con actividades que nos axudarán a comprender o noso pequeno-gran mundo... fantástico!
E a vindeira semana?... A vindeira semana cadaquén celebrará as festas da nosa cidade ao seu xeito, dando conta do vivido nas asembleas e nos tempos de faladoiro porque siii, o San Froilán 2019 xa está aquí!... preparados?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

COMA SÚPER-MAIORES!

viernes, 20 de septiembre de 2019


Mergullados nas rutinas que rexerán a nosa aula durante este curso, esta semana farémosvos partícipes das nosas primeiras actividades impresas de 5 anos como preludio ao traballo máis sistematizado que levaremos a cabo nos caderniños de MUNÍBAL que comezaremos a vindeira semana.
En primeiro lugar, lembramos as normas de obrigado cumprimento no momento de traballo obrigatorio. Este curso máis que nunca, ao ser un dos grupos de 5 anos, debemos concienciarnos de que non todo vale e que, na medida do posible, tentaremos dar o mellor no tempo de traballo individual.
Neste senso, e parece ser que cada vez máis concienciados disto, os nosos traballos resultan elaborados con máis detalle, alomenos amosámonos máis relaxados e libres de tensións... marabilloso!


Con todo, sabemos que no tempo de traballo en mesa debemos estar máis atentos na explicación de cada actividade; isto séguenos custando especialmente, temos demasiada ansia por organizar o traballo alleo e os resultados ás veces son caóticos, propios da interpretación libre do traballo establecido. Cómpre prestar máis atención, e así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas familias queden abraiadas co traballo desenvolto.


Indubidablemente están resultando uns días intensos para comprobar todo o que lembramos do curso anterior e tamén todo o que esquecemos, neste senso, as tarefas do súper-encargado poñen a proba as nosas aprendizaxes... xenial!
Porén, case case comezamos dende o principio coas letras do abecedario a partir da escrita real e contextualizada de palabras significativas como “COLEGIO” e “MUNÍBAL”, co trazo de números seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos formas distinguibles, repasamos conceptos básicos (diante/detrás, pesado/lixeiro...)...
Unha das actividades impresas que máis expectación levantou foi a que nos serviu para descubrir algunha das características de MUNÍBAL, a mascota de 5 ANOS. Axiña advertimos as súas cores: os cornos de cor amarela coma o resto da familia MUN, azul escura para pelo e boca, azul clara ou “azul cielo-camuflado” para o corpo... estupendo!


Ao tempo, consolidamos estes descubrimentos debuxando cadanseu MUNÍBAL coas cores indicadas en cada caso... fantásticos resultados!


E que mellor maneira que combinar todo este traballo de avaliación inicial que co xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns... Este curso, sempre que a xornada se desenvolva con normalidade, introducimos como novidade os “rincóns exprés”... vaia feira!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CURSO 2019-2020: COMEZAMOS!

viernes, 13 de septiembre de 2019

Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses, parece que foi onte cando rematabamos 4 anos... como pasa o tempo!
Así pois, a volta ao cole estase convertendo nunha experiencia chea de sorpresas.
Neste senso, de sobra sabiamos que este curso ademais de mudar de aula, tamén mudariamos de andar, pasando do semisoto á entreplanta onda a outra aula de 5 anos.


Ao tempo, atopar a porta da nosa aula resultou ben doado, non por atoparse como en cursos anteriores a mascota de nivel como elemento identificativo, senón pola nosa fotografía de grupo... estupendo!


Xa na aula, axiña sacamos a prenda de abrigo para colgala no percheiro. Este curso, o noso nome e fotografía non están na mesma orde que o curso pasado... moita atención!


Quedamos abraiados coa disposición das mesas, co panel das rutinas, coa variedade de xogos, xoguetes e pezas desta aula... diversión garantizada!
Máis tranquilos, cadaquén sentou, alomenos de momento, onde prefería e, casualmente as parellas de “mellores amigos” non dubidaron en sentarse onda o seu “mellor amigo ou amiga”... estabamos encantados!


Por outra banda, e para dar inaugurado oficialmente o curso como ben merece, lembramos de xeito xeral a nosa asemblea. 


Como é habitual, a orde alfabética establece que PABLO A. se converta no primeiro súper-encargado do curso, lembrando parte das rutinas establecidas ata o momento. Xa logo, foi a quenda de MARIO...


O que non sabiamos é que na asemblea de 5 anos haberá novas rutinas que probarán as nosas aprendizaxes para lembrar, reforzar e/ou consolidar conceptos tratados o curso pasado: cálculo aritmético de sumas e restas, ditado de letras, lectura individual e/ou grupal, iniciación á escrita en minúscula a partir do propio nome... e todo en encerado de rotulador... fantástico!
Estes días de volta á escola están sendo diferentes, son días de sorpresas, de festa e diversión, días de reencontros e lembranzas que, a modo de avaliación inicial, nos serven para determinar os coñecementos previos de cara ao inicio da primeira unidade didáctica coa que coñeceremos máis detalladamente a MUNÍBAL, a mascota de 5 anos.


Este curso preséntasenos de novo un gran reto: desenvolver a tarefa cotiá todo o mellor que sabemos e traballar en silencio... acadarémolo?
Non sabemos como se desenvolverá o resto do curso, pero alomenos de momento estamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, xa estamos na clase de 5 anos e... este curso promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!