Bienvenido

"A MUNA NO LE GUSTAN LAS DESPEDIDAS".

viernes, 25 de mayo de 2018

Coa ollada posta no inminente final de curso, entre as actividades de peche desenvoltas durante estes días, reservamos un tempo para descubrir a que será a nosa mascota de 4 anos: MUNELA.
MUNELA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se ocultan ao seu redor.
Na historia motivadora da primeira unidade didáctica: “La cama nueva de Munela”, coñecemos elementos tan disparatados como que para pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras... que locura!
Axiña coidamos que ambas mascotas contan con cornos de cor amarela e de forma triangular... cornos idénticos... MUNA e MUNELA son familia!


“Los increíbles MUN” son uns monstros pequenos, peludos, con moitos dentes e de moitas cores. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: MUNA, MUNELA e... MUNÍBAL?


Exacto!, MUNÍBAL será a mascota de 5 anos o curso no que seremos os súper-maiores do mandilón; pero impacientes por este novo monstro, PEDRO, o profe de Psicomotricidade, foi onda a clase de 5 anos e colleu emprestado a MUNÍBAL... fantástico!
Por uns días, MUNA, MUNELA e MUNÍBAL presiden a zona da asemblea, suscitando un senfín de faladoiros nos que descubrimos semellanzas e diferenzas: cor de cada monstro, obxectos propios, segmentos corporais característicos (ollos, boca e dentes, pelo, brazos e pernas...)...


Neste senso, e para despedir a MUNA como ben merece, escoitamos con atención a súa derradeira historia titulada: “A Muna no le gustan las depedidas” na que MUNA nos di adeus e nos deixa en compaña de MUNELA.
MUNA, grazas por estar presente connosco en cada centro de interese (a escola, o corpo humano, o museo e o teatro, a rúa, oficios e profesións, a vida na granxa...), grazas tamén por facernos coprotagonistas en cada unha das túas historias motivadoras e por transmitirnos valores de amizade, solidariedade, axuda..., por motivarnos en cada actividade... GRAZAS MUNA por estar sempre ao noso carón!


Porén, para deixar constancia do traballo desenvolto ao longo de todo o curso, decoramos sendas actividades impresas nas que MUNA, unha vez máis, é o elemento motivador ideal.
Comezamos coloreando un marcapáxinas non sen antes lembrar as cores propias de MUNA: laranxa, amarela e azul... ao xeito!


Xa logo, redecoramos un marco de fotos no que se ve a MUNA protagonista... estupendo!


E para rematar... que mellor que gozar con MUNA-MUNELA-MUNÍBAL no tempo de xogo libre nos rincóns... excelente!

  
Agora xa... preparados!, comeza o sprint final de curso e a conta atrás para vivir pequenos-grandes momentos que se artellan para o mes de xuño: a colleita da horta escolar o luns 11 de xuño, o picnic que, se o tempo o permite, realizaremos o venres 8 de xuño nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro, e o pasarrúas do venres 16 de xuño co que festexaremos a orixe romana e castrexa da nosa cidade... o ArdeLvcvs MMXVIII xa está aquí!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2018.

jueves, 17 de mayo de 2018

Esta semana, puxemos o colofón final á Semana das Letras Galegas 2018 participando nas actividades propostas a nivel de centro.
O mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a María Victoria Moreno.
Así pois, comezamos realizando achegas a algúns detalles da vida e obra desta autora nada nunha vila de Cáceres e que con 22 anos veu traballar á nosa terra. Adicou a súa vida a escribir obras de literatura en lingua galega, ao tempo que deu clase aos rapaces e rapazas de Instituto en Sanxenxo, Pontevedra, e mesmo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso centro.


A súa primeira novela Mar adiante, conta a historia duns nenos que fan escola dentro dun barco ao tempo que van navegando polo mar. O cataventos, conta a historia dun galo chamado Don Pío, que quería chegar máis alto que o resto das súas compañeiras do galiñeiro. A festa no faiado, Un cachiño de bica? e Xa non teño medo, son algunhas das obras máis representativas da súa traxectoria como escritora en lingua galega.
Ao tempo de todos estes descubrimentos e pescudas, o mércores, véspera do Día das Letras Galegas, adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración desenvolvendo varias actividades impresas nas que traballamos a figura de María Victoria Moreno.
Dende a asemblea matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento da merenda asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de centro, así que non había tempo que perder...
En primeiro lugar, comezamos dándolle cor a unha caricatura da autora homenaxeada, acordando na asemblea matinal a cor de cada parte: a cara e pescozo de cor carne, o pelo de cor negro, a chaqueta de cor azul clara ou escura e os beizos de cor vermella.


Xa logo, coloreamos de cor vermella un corazón “grande” nunha actividade impresa na que de novo aparecía a caricatura de María Victoria Moreno.


Sen decatarnos, a caricatura desta autora converteuse nun dos emblemas desta celebración, e boa proba disto foron os murais que decoraron os corredores de ambas alas do noso centro... bo traballo! 


Asemade, e dada a produción de textos infantís e xuvenís de María Victoria Moreno, recreamos un dos poemas da súa obra: Xa non teño medo, que trata sobre un neno que tiña medo a durmir ás escuras. Non se trata dunha actividade illada, senón dunha das propostas organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro no que participarán todas as aulas da escola e que axiña verá a luz en formato de conto ilustrado que pasará a formar parte da biblioteca do centro... excelente!
A nosa achega foi recrear os versos outorgados para tal efecto no que se falaba dun sol, unha ambulancia  e un raio... así que con rotuladores e ceras plásticas recreamos na súa quenda este fragmento ao que engadimos o fragmento adxudicado.


Posteriormente, logo da merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole, interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore popular... parabéns!


Houbo de todo e para todos os gustos, un acto no que algúns non perdemos detalle, outros aproveitamos para facer das nosas e mesmo houbo quen botou unha sesta quedando profundamente durmidos...


E para rematar... que mellor que facer unha roda e movernos ao son da música e celebrar todos xuntos un dos días grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras Galegas 2018.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

UNIVERSO MUNARI.

viernes, 11 de mayo de 2018

Coñecedores das posibilidades da expresión plástica como forma de comunicación e representación, o martes asistimos de novo á aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio... que sorpresa!
Como xa vos contaramos, alá polo mes de novembro asistiamos por vez primeira a unha das aulas con máis arte de toda a Facultade de Maxisterio para participar activamente nun obradoiro artístico no que creamos e recreamos diferentes esculturas a partir de materiais de desfeito e refugallo.
Pois ben, nesta ocasión o conto resultou ben diferente, e no canto de ser nós os artistas, foi a quenda do alumnado de 2º de Maxisterio que nos deleitou coa lectura de contos de elaboración propia onde de novo os materias de desfeito e refugallo convertéronse na súa materia prima fundamental.


Sen lugar a dúbidas, a narración e escoita activa de contos en Educación Infantil, artéllase como un valioso recurso didáctico que posibilita o desenvolvemento lingüístico, a consabida adquisición de técnicas de lecto-escritura, aprendemos a escoitar, a pensar, a adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación... contaxiándonos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.


No momento no que se parte dun conto como eixo motivacional, somos conscientes do éxito da actividade e, sen perder detalle das 3 historias contadas, respondemos ás preguntas formuladas para comprender o argumento e clarificar os feitos acontecidos.
Tamén, nesta sesión fixemos unha achega ao universo de Bruno Munari: artista e deseñador italiano que experimentou no campo da didáctica, cinética, gráfica, publicidade e fotografía... case nada!
Bruno Munari atopaba os libros infantís “aburridos e sen sorpresas”, así que decidiu elaborar el mesmo os libros para o seu fillo, ideando e realizando os Prelibros, libros para nenos e nenas que non saben ler nin escribir, e que lles axudan a familiarizarse coa lectura.
Así pois, en pequeno grupo, descubrimos o universo Munari a partir da manipulación de prelibros elaborados polo alumnado de Maxisterio onde se respectaba o formato dos orixinais (10 cm. por 10 cm.), facilmente asibles e con diferentes estímulos visuais, táctiles, olfativos, sonoros, térmicos...


Con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e cualidades destes prelibros, pero... ten que ser amodo!


Sen decatarnos, a actividade resultou un tempo de traballo en equipo no que cadaquén manipulou aqueles prelibros que consideraba, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Agora xa, nas vindeiras semanas pecharemos as actividades dos caderniños de MUNA, ao tempo que, sen querelo, despedimos a MUNA e damos a benvida a MUNELA, a mascota xa de 4 anos... que rápido nos facemos maiores! Anticipamos que a MUNA “no le gustan las despedidas”...

  
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"A VOLTA AO MUNDO EN 80 NOTAS".

viernes, 4 de mayo de 2018

Co gallo da conmemoración da Semana do Libro 2018, non vos contaramos que o martes 24 de abril, gozamos dun concerto didáctico a cargo da Escola Municipal de Música.
A Escola Municipal de Música de Lugo naceu no ano 2012, é un proxecto totalmente público e unha ferramenta para a cidadanía de todas as idades que se queiran achegar á música a partir das diferentes actividades que se ofertan cada curso: música e movemento, formación básica, materias instrumentais, agrupacións, materias teóricas...
Este curso, os compoñentes da banda de música prepararon un espectáculo no que baixo o título: “A volta ao mundo en 80 notas” nos transportaron a diferentes países do mundo.


Así, o martes comezamos a xornada coma sempre coa asemblea matinal, despois o momento de traballo individual e xa logo a merenda máis pronto que nunca... non había tempo que perder! Axiña nos apresuramos para acudir ao ximnasio no que ficada todo listo e preparado para que comezase o espectáculo... que emocionante!
Sen movernos do sitio grazas a uns entregados personaxes, viaxamos a México, Rusia, Italia, África... descubrindo elementos representativos de cada país: gastronomía, roupa, fauna mariña, folklore...


Sen lugar a dúbidas, este concerto didáctico permitiunos desenvolver a discriminación auditiva, recoñecer instrumentos musicais, valorar a música como medio de comunicación e expresión... ao tempo que coñeciamos a actividade da Escola Municipal e Banda de Música do Concello de Lugo.


Xa máis tranquilos de volta na clase, dado o cúmulo de situacións vividas antes-durante-despois do concerto, reunímonos en asemblea para comentar as nosas impresións, valoracións e conclusións; o suceso co “tiburón” resultou o máis valorado/aplaudido... fantástica recreación!
Paralelamente a estas actividades, hoxe mesmo, venres, último día da semana, puxemos o punto e final ao traballo desenvolto co gallo do comezo da primavera,... o mural do corredor precisaba das nosas achegas!
Deste xeito, nestes días picamos de novo outra flor, -agora grande-, para superpoñer á outra elaborada días atrás; tarefa sinxela que pon a proba a nosa perseveranza na actividade, non hai que desistir no picado con demarcación, paciencia, sen présa...


Ilusionados, organizámonos en silencio nunha fila para crear un marco de flores multicolor arredor da creación plástica dos nenos e nenas do mandilón de cor azul (5 anos)... non quedou de todo mal o resultado: bolboretas, xoaniñas voadoras, sol, nubes..., e flores, moitas moitas flores...


Agora si!... O noso corredor máis bonito que nunca ás veces semella un auténtico museo no que en función da época e/ou festividade de cada momento do curso muda a súa decoración... ata nos decatamos da fotografía de grupo dende esta mesma semana fica onda a nosa porta... excelente!


E xa a vindeira semana... que pasará na nosa cidade a vindeira semana?... A “XV Semana Internacional da Maxia”!!... Lembrade que un ano máis, Lugo  transformarase na capital do ilusionismo dende o 6 ao 12 de maio con numerosas actuacións no Auditorio Municipal e en diferentes lugares, rúas e prazas... lugomáxico!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!