Bienvenido

EN ONDAS DE ESCUMA BRANCA...

viernes, 13 de junio de 2014

O xoves, realizamos a tan ansiada excursión de fin de curso á “Casa dos Peixes” e á “Casa do Home - Domus” en A Coruña, unha saída didáctica que resultou do máis froitífera para os nosos procesos de ensinanza-aprendizaxe.
En primeiro lugar, en canto á “Casa dos Peixes”, comentar que a pesar de que moitos xa foramos de visita coas nosas familias; é un destes espazos que non te cansas de visitar, descubrindo cousas novas cada vez que vas. Neste senso, pouco ou nada ten que ver realizar esta visita coas nosas familias que cos nosos amiguiños e amiguiñas, pois os descubrimentos e aprendizaxes son, se cabe, maiores.
A saída cumpreu as expectativas que levabamos marcadas, e xa nos días previos, nas asembleas matinais, cadaquén apuntou os seus coñecementos previos sobre o tema, coa fin de explotar didacticamente a actividade o máximo posible; incluso, debuxamos elementos do fondo mariño na unidade didáctica desenvolta hai xa varias semanas cuxo eixo motivador eran os medios de transporte.


Como podedes imaxinar, todos e todas tiñamos unha finalidade-ilusión común que era ver de cerca os tabeiróns, unha expectativa que marcaría a visita polo acuario, amosándonos ás veces impacientes, por non ver por nigún lado, aos que consideramos, os animais máis temidos do fondo do mar.
Ao longo da visita portámonos moi, pero que moi bien, máis ou menos atendimos ás explicacións da nosa monitora, facéndolle preguntas contextualizadas e de maneira ordeada.
Sen lugar a dúbidas, a actitude de escoita activa que mantivemos case en todo momento, é o indicador máis claro do interese e curiosidade que suscitou esta saída didáctica para todos nós, resultou ser un tema ben interesante do que nunca cansamos de escoitar e aprender cousas novas.


Ao final da visita, todavía quedaba o que todos e todas agardabamos, xa que tras coñecer algunhas curiosidades acerca dos tabeiróns, e máis concretamente de Gastón, o tabeirón máis grande do acuario... por fin os puidemos ver, alí... tan cerca!


No despacho do capitán Nemo, no mesmísimo submariño Nautilus, destacar reaccións para todos os gustos: algúns acercámonos o máis que puidemos ao cristal para “acariciar” aos tabeiróns cando pasaban ao noso carón, outros, máis reticentes, ficaron nun segundo plano, ata que pouco a pouco tamén se foron animando a “interaccionar” cos tabeiróns... foi alucinante!
Por outra banda, finalizada a visita polas dependencias da “Casa dos Peixes”, dirixímonos de novo ao autobús; desta vez o destino estaba máis preto: a “Casa do Home - Domus”.


Aquí, a visita non estivo guiada, así que, de forma máis ou menos ordeada, antes de dispoñernos a comer na zona de picnic habilitada nas instalacións deste museo, experimentamos cos materiais e actividades de cada espazo: deixamos marcadas as xemas dos nosos dedos en diferentes cores nunha tablet enorme, limos a mente do compañeiro para adiviñar cal era o debuxo que escollera en cada caso, mirámonos en diferentes espellos, comprobamos a potencia dos nosos goles, encestamos nuns bisontes prehistóricos, comprobamos como se movía o bebé na barriga da súa nai... sairá futbolista seguro!... Esta visita, continuámola tras o tempo adicado á comida, foi na segunda visita cando tivemos o museo só para nós... que afortunados!


Tras este cúmulo de intensas emocións, fomos comer e liberar tensións: corrimos, saltamos, xogamos... foi divertidísimo!
Para o día seguinte, xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas, adicámoslle, como non podía ser doutro xeito, unha conversa inicial nunha asemblea improvisada á saída a Coruña: comprobando as hipóteses formuladas os días previos, comentando o que máis nos gustou...
E por que dicimos que foi unha asemblea improvisada?... Pois porque os bombeiros e a policía local viñeron con todos os vehículos habidos e por haber para explicarnos como desenvolven o seu traballo cada día... isto é un non parar!


Non estivo mal, pero... e a festa da escuma?... Este curso quedamos sen refrescar a vaga de calor que asolagaba a explanada das pistas de E.Primaria... que mágoa!
Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! nun abrir e pechar de ollos chegamos á derradeira semana de curso, e con ela a derradeira semana de mandilón. Así pois, o vindeiro luns, ás 17:00h. estades todas as familias de 5 anos convidadas ao acto organizado pola profe Silvia e polo profe para despedir o mandilón... será unha despedida por todo o alto... contamos con vós!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MASTERCHEF!

viernes, 6 de junio de 2014

A piques de que remate o curso e de comezar as tan merecidas vacacións de verán, nestes últimos días estivemos traballando na nosa aportación á revista anual do cole: “Ondiñas veñen”.
As seccións e temáticas que integran a nosa revista escolar son para todos os gustos e públicos, dende traballos sobre as distintas celebracións que teñen lugar ao longo do curso como o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e curiosidades sobre o día a día no cole.
Este curso, somos os súper-maiores de mandilón, isto é algo que conleva varias cousas: o feito de que axiña nos despediremos por todo o alto do mandilón, e que para o próximo curso, xa en setembro, sen o mandilón, subiremos as tan ansiadas escaleiras para a planta dos maiores e comezar unha nova etapa: Educación Primaria.
Alí, agárdannos novos retos, novas rutinas e obrigas, actividades e... unha nova profe!!
Siii... todos e todas sacamos o mandilón, agás o profe que seguirá alomenos un curso máis no cole.
Uf, nova profe?... E... como nos gustaría que fose a nova profe?... Esta foi a pregunta que empregamos nas asembleas matinais que serviría como alicerce para a nosa aportación na revista.
Así pois, convertidos nuns excelentes masterchefs, decidimos recrear unha receita de cociña na que aparecen algunhas das características que non deberían faltar na nosa nova profe.
A ver, a ver..., a nosa nova profe deberá ser: contadora de contos, soñadora, extradivertida, fantástica e ideal, única e cariñosa, requeteboa, presumida e coqueta, mariñeira de primeira, unha osa súper-amorosa, debuxanta de soños, princesa ou principesa, estupenda bailarina...
Como vedes, houbo ideas e opinións para todos os gustos e si nalgo axiña nos puxemos dacordo foi que debe saber moitas, moitas cousas...



Uf, case nada!... Queremos unha profe do máis completa, a mellor do planeta!...
Agora xa, acompañádenos na conta atrás para poñer o punto e final a este curso 2013-2014 e á etapa de Educación Infantil. Será unha conta atrás repleta de diversión, nervios, actividades e sorpresas, moooitas sorpresas para grandes e pequenos.
Preparados para despedir o mandilón?…
Un saúdo e non esquezades que… o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!