Bienvenido

#DendeAnexaConAmor

lunes, 25 de mayo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EDUCACIÓN EMOCIONAL.
A situación producida polo COVID-19, trae consigo unha nova normalidade á que adultos e nenos temos que adaptarnos progresivamente: desenvolvemento de hábitos de hixiene persoal con lavado continuado de mans, emprego de mascarilla, distanciamento social...

Durante estas semanas sen clases, as recomendacións semanais centráronse na literatura infantil como recurso de achegamento á lecto-escritura, na lóxica-matemática como estratexia de resolución de problemas cotiás a partir de habilidades propias deste tipo de razoamento e pensamento, na expresión artística en diferentes variables: linguaxe plástica, musical, corporal,... mesmo na linguaxe audiovisual e TICs que neste tempo, máis que nunca, contan cunha presenza significativa.
Alén disto, o máis importante nestas semanas, é comprender e sobrelevar todas as novidades que se producen nas nosas rutinas. Así, para nenos/as e adultos, resulta necesario, o descubrimento, identificación, control e xestión de emocións e sentimentos.

A Educación Emocional cobra unha especial relevancia en Educación Infantil, converténdose no fío condutor das actividades propias de cada xornada escolar. Así, desenvolvemos numerosas habilidades sociais a través da resolución pacífica de conflitos que xorden na convivencia da aula, fomentando a toma de decisións autónomas e responsables. Porén, cedemos no conflito regulando impulsos e emocións negativas, -adoptando segundo a situación o mellor comportamento posible-, traballamos en equipo colaborando cos demais, -valorando e respectando a diversidade como elemento positivo e enriquecedor-... etc
Alomenos polo momento, toca adaptarnos a esta nova situación que, para comezar, debemos entender. Neste senso, que mellor que identificar, comprender e controlar emocións e sentimentos propios e alleos...
Para isto, resulta interesante que sexamos nós mesmos os encargados de identificar situacións con risco de conflito emocional, artellando a resposta máis axeitada en cada caso. A verbalización de estados de ánimo e de reaccións emocionais: ledicia, tristeza, enfado..., convértese nunha estratexia ideal como lanzadeira de ideas previas, expresando sentimentos e emocións en situacións cotiás, traballando o autocontrol de reaccións e estados de ánimo, o aprazamento de demandas e recompensas...

Ao longo destes 3 cursos, as emocións convertéronse en fonte inesgotable de ensinanza-aprendizaxe. Xuntos axudamos a El Monstruo de Colores (Edit. Flamboyant) a poñer en orde as súas emocións. Asociamos emocións a cores e, sobre todo, asociamos emocións a situacións cotiás, xestionando as emocións negativas a través dunha actuación flexible e dialogante.
Xuntos aprendemos a identificar emocións e sentimentos en nós mesmos e nos demais, tamén recoñecemos motivacións persoais e grupais, erros e acertos, empregando un pensamento alternativo que vai máis alá dos nosos propios intereses. Agora xa, familias, deberedes seguir afondando na linguaxe das emocións para que o comezo da etapa da Educación Primaria supoña o menor custo emocional para os nenos e nenas.

A vindeira semana, a partir da entrega do material impreso de MUNÍBAL, poderedes poñer a proba a atención, comprensión e perseveranza dos nenos e nenas, traballando a tolerancia á frustración, a perseveranza e o afán de superación persoal... estas tarefas suporán unha excelente oportunidade para fomentar a construción dun autoconcepto e autoestima positiva.

Familias, cos nosos máis e cos nosos menos. Coas nosas malas decisións, pero tamén coas mellores ideas do mundo. Toca volver a ser un mesmo... Á N I M O!

#RecordandoCarvalhoCalero

lunes, 18 de mayo de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión, como non podía ser doutro xeito, toman como eixe vertebrador a conmemoración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Cada mes de maio celébrase a Semana das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeábase a Ricardo Carbalho Calero.
Dada a situación excepcional que atravesamos, o Día das Letras Galegas, que tradicionalmente se celebra cada 17 de maio, será este ano o 31 de outubro, data que coincide cos 110 anos do nacemento do intelectual e escritor ferrolán.

Neste senso, sabedores das posibilidades que ofrece o traballo con textos escritos, pódense desenvolver múltiples actividades que sirvan de preludio ao que, dun xeito seguramente máis formal e sistemático, levemos a cabo en 1º de Educación Primaria co gallo do Día das Letras Galegas.
Son moitas e variadas as posibilidades de traballo que ofrecen os textos de tradición e cultural do contorno: adiviñas, refráns, cantigas, trabalinguas, retahílas, poemas...
Indubidablemente, a lectura en voz alta de contos e outros textos significativos, debera converterse estes días nunha tarefa diaria para gañar seguridade, confianza, velocidade, comprensión lectora... Para esta tarefa, ademais da cartilla de lectura de “Letrilandia”, contamos con numerosas coleccións que toman o noso idioma, o galego, como lingua vehicular: Kalandraka, OQO editora, Xerais, Galaxia... con historias de sobra coñecidas como: A que sabe a lúa?, Cocorico, Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis, A bruxa regañadentes, Un agasallo diferente...
Paralelamente, o traballo con textos poéticos (poemas), tamén serve de alicerce para seguir afondando en determinados aspectos vencellados á lecto-escritura: buscar letras, fonemas e/ou palabras significativas e rodealas, rematar algúns versos sen perder a rima... enfatizando moi especialmente a súa dramatización, cadencia rítmica, inflexión e modulación da voz, entoación e acompañamento xestual...
Todas estas actividades poden ir acompañadas do recoñecemento da bandeira propia da nosa Comunidade Autónoma, mesmo descubrir o significado do Escudo de Galicia, recreando ambos mediante o emprego de elementos, materiais e técnicas propias da expresión plástica. Que vos parece incluso caricaturizar a Ricardo Carvalho Calero?...

Alén disto, non esquezades os materiais e actividades para Educación Infantil sobre o autor homenaxeado que cada curso se publican no Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.  Desta vez, o xurado acordou concederlle o premio da categoría A ao traballo co lema “Recordando Carvalho Calero”, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), onde se combinan recursos TICs como a realidade aumentada coa fin de dar a coñecer detalles significativos: vida, obra e época,  deste autor ferrolán.

Agora xa, nestes momentos nos que comezamos a ver L U Z, facede máis diso que vos fai feliz, que vos fai rir. Rir, rir e rir... Como cura de todo, como base de todo.

#TicTacTepToc

lunes, 11 de mayo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador o uso das TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN (TICs).
Indubidablemente, dentro das recomendacións de traballo que semanalmente engadimos ás rutinas propias da casa, non podiamos deixar á marxe o impacto das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), en tanto que dende que nacemos convivimos con todo tipo de equipos tecnolóxicos: teléfono móbil, tablet/Ipad, ordenador… que integrados de xeito responsable, enriquecen a nosa aprendizaxe.
Así pois, nun mundo sometido ao impacto dos medios de comunicación e da alta tecnoloxía, a escola, atópase na obriga de incorporar na súa práctica as suxestións que ambos recursos ofrecen ao posuír unhas características e virtualidades que non deben desaproveitarse no ámbito educativo.

Ao tempo, sabedores da necesidade de afectos, e nesta situación de confinamento máis que nunca, o emprego do teléfono, o correo electrónico e mesmo as videochamadas a través de APPs creadas para tal efecto, cobran un peso significativo neste tempo.

Na nosa aula atopamos o ordenador e o Encerado Dixital Interactivo (E.D.I) como recursos didácticos para traballar, reforzar, consolidar e/ou ampliar contidos propios da Educación Infantil: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…
Para isto, contamos con software educativo comercializado (que ás veces toman como eixo motivador os nosos personaxes de ficción favoritos), xogos LIM (para traballar a lectura, comprensión, razoamento…) e mesmo no Portal Educativo da Xunta de Galicia o Espazo Abalar que recentemente sufreu unha actualización no seu repositorio de contidos e actividades para dar resposta ás necesidades do COVID-19…

Alén disto, facer mención especial a Internet e ás súas ferramentas web 2.0., onde moi posiblemente os propios nenos e nenas sexan expertos na búsqueda, selección e emprego sistemático de diferentes enlaces de interese que poñen a proba a súa atención e enxeño.

Familias!... Lonxe da idea de que as TICs convértense nun medio de contaminación mental, racionalizade o seu uso e comprobaredes como os recursos tecnolóxicos son fonte de coñecemento, aprendizaxe e gozo… a navegar!


Agora xa, con este respiro, sentídevos fortes, con decisión e con ganas de V I V I R intensamente. Ollade o mundo con amor.

#RespiraImaxinaConfia

lunes, 27 de abril de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EXPRESIÓN CORPORAL.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos, materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples actividades que potencian o pensamento crítico, o respecto e aceptación dun mesmo e dos demais, a capacidade de observación, análise e representación...

Así, como unha das actividades propias desta linguaxe, está a integración do esquema corporal, posibilitando o descubrimento das posibilidades e limitacións de acción e expresión que ofrece o propio corpo. Neste senso, podemos desenvolver moitas e moi variadas actividades que toman o corpo como recurso principal: representacións individuais de personaxes animados, exercicios de imitación, adiviñas, xogos de mímica/pantomima... Imitar un personaxe ou animal para que o outro o adiviñe, interpretar accións cotiás (durmir, comer, hábitos de hixiene e autonomía: lavar os dentes, peitearse, vestirse/espirse...), representar o noso deporte favorito...

Tamén a representación de historias creadas e/ou inventadas convértese nunha fonte inesgotable de traballo da expresión corporal que pon en xogo distintos elementos relacionados: disfraces, maquillaxes, máscaras, títeres... Coidade para este traballo o uso de contos, cancións, poemas... que posibilitarán un achegamento gozoso coa expresión rítmico-musical-corporal.
Resulta doado crear un títere ou marioneta a partir de materiais de desfeito e refugallo no que integrar aspectos da propia personalidade, converténdose nun instrumento con grandes posibilidades para a estimulación da linguaxe, a imaxinación, control e xestión de emocións... Unha vez elaborado, podemos organizar un teatro de títeres, representando escenas e diferenciando as partes da historia en inicio-nó-desenlace. Ao tempo, o teatro de sombras a partir dos títeres elaborados, rediversificará a nosa adicación e diversión, manténdonos enganchados ao misterioso e descoñecido... que vos parece crear un super-heroe ou super-heroína para loitar contra o COVID-19?... soa xenial!

Alén de todas estas recomendacións semanais, non esquezades o importante que resulta sempre e, se cabe aínda máis relacionado coa expresión corporal, a actividade lúdica: o xogo. Para isto, podemos empregar os propios xoguetes para recrear un circuito e/ou conto motor que nos esixa a posta en práctica de posturas combinadas co corpo, tamén xogos populares de tanta tradición na nosa comunidade: a pita cega, escondite inglés, enredos-twister... familias, tócavos xogar!

Con toda esta situación, as novidades e cambios nas nosas rutinas sucédense case diariamente, de aí que comprender este momento e sobrelevar este tempo de confinamento do mellor xeito posible convértese no obxectivo principal. Para nenos/as e adultos, resulta necesario máis que nunca, o descubrimento, identificación, control e xestión de emocións e sentimentos. Para iso... que vos parece se nos iniciamos no ioga infantil e no mindfulness?... Existen numerosas obras publicadas sobre estas prácticas en Educación Infantil: Tranquilos y atentos como una rana (Edit. Kairós), Burbujas de Paz (Edit. Nube de Tinta), Cae una estrella (atoedición)... traballar a escoita activa, a pirámide da relaxación, a respiración, inhalando e exhalando, fomentará a nosa serenidade, concentración, seguridade... preparados?... Ooommm...

Siii, nada chega por casualidade. Todo ten unha explicación. Abre os ollos, respira, imaxina e confia. Todo vai saír ben.

#TodoVaiSaírBen

lunes, 20 de abril de 2020


Esta semana, seguindo de novo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, comezamos coas recomendacións propias deste 3º trimestre que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A EXPRESIÓN ARTÍSTICA.
Indubidablemente, a expresión artística convértese nunha linguaxe con numerosas posibilidades de comunicación. Deste xeito, os elementos, materiais, soportes e técnicas que emprega, permiten a realización de múltiples actividades que potencian a nosa imaxinación, curiosidade, pensamento crítico e creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...

Así, como unha das actividades propias da linguaxe plástica está a representación do esquema corporal. Lograr o esbozo completo do esquema corporal diferenciando cabeza, tronco e extremidades, ás veces segue resultando unha tarefa máis complicada do que debera.
  • Na cabeza: ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo.
  • No tronco: recrear a indumentaria propia de cada estación e/ou situación representada.
  • As extremidades poden debuxarse de formas variadas para aportar volume, sensación de profundidade, movemento, perfís, posturas combinadas... como obxectivos propios de 6º de Educación Infantil.
Xa logo, hai que completar os debuxos con elementos complementarios que contribúen a dar unha visión final de conxunto, ao tempo que ofrecen unha información persoal de cada neno e nena, unha visión global dos seus intereses... o proceso debe de ser coidado e elaborado. Rotuladores, ceras brandas, Plastidecor36, lapis de cores... para cada cousa unha cor diferente, sen présa, coloreando ao xeito, amodo...

Alén disto, tamén se poden desenvolver outro tipo de actividades que poñan a proba o uso de elementos e materiais propios desta linguaxe:
  • tesoiras: claro que todos somos quen de recortar libremente, pero ás veces o recortado con demarcación resístesenos,
  • punzón e táboa de picado: o picado con demarcación convértese nunha actividade que pon a proba a nosa paciencia,
  • plastilina, masa para modelar e ferramentas propias: dando volume, forma e proporción,
  • témpera, acuarela, pinceis de distintos grosores  e esponxas de estampación: para descubrir as propiedades da pintura, as cores primarias, as mesturas como medio para a obtención das cores secundarias...
Neste senso, podemos empregar todos estes materiais de maneira illada e/ou combinada con técnicas propias da expresión artística, experimentando distintas formas de traballo:
  • collage: a partir de material de desfeito e refugallo (recortar e pegar, picar e ensartar, estampar, engurrar...),
  • vidrieiras con distintos tipos de papel, compoñendo formas, mosaicos...,
  • actividades con pintura: estampacións, salpicaduras/batik, por inmersión...,
  • modelado: dando volume mediante pellizcos, estirados...
Todo este traballo verase complementado coas achegas de artistas de todos os tempos, estilos e países: Paul Klee, Vasili Kandinski, Piet Mondrian, Joan Mirò, Picasso, Jorge Peteiro, Leandro Lamas... Frida Kahlo, Maruja Mallo, e mesmo Julia Minguillón nada na nosa cidade...

Listo!... Agora xa, deixade voar a imaxinación e pintade de cores e de toneladas de purpurina concentrada todo o que nos agarda cando isto remate... Á N I M O !!

#ProhibidoRendirse

viernes, 3 de abril de 2020


#ContaAtrásParaBrillar

lunes, 30 de marzo de 2020

Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador A LÓXICA-MATEMÁTICA.
A partir das rutinas da aula, desenvolvemos actividades en clave de lóxica, poñendo en xogo e mellorando diferentes habilidades propias do pensamento e razoamento matemático: momemto da asemblea, actividades de psicomotricidade, sesión de contacontos, rincón de lóxica-matemática...

Así, para reforzar, consolidar e/ou ampliar estas aprendizaxes, estes días na casa podemos empregar a lóxica-matemática para resolver problemas e situacións cotiás.
Sabiades que cos contos dos que falabamos a semana pasada podemos traballar a lóxica-matemática?... Podemos contar as palabras do título, sumar letras, segmentación en sílabas... empregando o conteo como estratexia na obtención dun dato numérico.
Ao tempo, podemos poñer a proba as nosas habilidades manipulativas desenvolvendo actividades de papiroflexia: un barquiño de papel, unha pajarita, un comecocos e descobrir que aparece baixo cada solapa... No papel, tomamos medidas, dobramos, facemos simetrías, decoramos con formas xeométricas de cores e tamaños variados... imaxinación e paciencia ao poder!
As matemáticas atópanse tamén na cociña, e unha receita convértese nun alicerce excepcional para traballar cantidades necesarias para a preparación: número, gramos, culleres..., mesmo podemos contar en xogos de mesa coma o parchís, a oca, o dominó tradicional, o Monopoly... soa xenial!
Alén disto, podemos desenvolver outras actividades máis formais como a identificación e trazado de números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica ascendente/descendente, maior que/menor que/igual, operacións de cálculo mental con sumas e restas, conceptos de cantidade (moito/pouco/igual/tanto coma...), topolóxicos (diante/detrás, enriba/debaixo, esquerda/dereita...), temporais (onte/hoxe/mañá, días da semana, meses do ano...), cantar cancións asociadas a números...
Uf!... manipular cantidades con obxectos e materiais, identificar cualidades, comparar, seriar, realizar operacións de correspondencia... facer agrupacións de elementos atendendo a un ou varios criterios... a lóxica-matemática gusta, así que... aproveitemos esa motivación estes días na casa!
Ah!... e continuade coa idea de escribir no diario. Apuntar nunha frase o propio dese día, agora parece pouca cousa, pero máis adiante gustaravos lelo... ánimo!

Familias, aberto sempre a posibles suxerencias, esta semana gustaríame rematar cun fragmento de “El Principito” que nestes días, alomenos para min, ten un significado especial: “Duele. Duele un montón. Pero va a pasar, y cuando sane, más alto vas a volar, más libre vas a soñar”.

#EstamosXuntosNisto

lunes, 23 de marzo de 2020


Esta semana, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, deixo de novo unhas recomendacións que nesta ocasión toman como eixe vertebrador O CONTO.
Indubidablemente, a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir de distintas situacións cotiás.
Neste senso, a utilización dos contos como rutina de aula, sérvenos para crear un clima de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Incluso ás veces, a partir destes, elaboramos xogos de creación literaria inventando historias ou imaxinando finais diferentes para contos xa coñecidos.
Así, existe un amplo abano de posibilidades de traballo a partir da lectura de contos, destacando entre outras, algunhas das seguintes:
  • Actividades lingüísticas: traballando de xeito sistemático a lectura en letra minúscula, creando un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva onde equivocarse sexa un paso máis na aprendizaxe...
  • Actividades de comentar: facer preguntas para clarificar feitos, recoñecer no texto o nome dos protagonistas e outras palabras significativas, identificar as partes do conto (inicio-nó-desenlace), formular hipóteses que favorezan a imaxinación, a creatividade, o pensamento crítico...
  • Actividades de expresión plástica: recrear a escena e/ou personaxe preferido con recursos propios da expresión plástica (rotuladores, plastidecor36, témpera...) coidando os detalles: esquemas corporais elaborados, asociar unha cor a cada parte da composición...
  • Actividades de creación literaria: para o que vos recomendo empregar algunhas das técnicas aportadas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985): o conto sen final, o neno como protagonista, a ensalada de fábulas... etc
  • Actividades con medios informáticos: a partir das ferramentas web 2.0. como creAPPcuentos dispoñible para IOS e Android...
Alén disto, destacar unha vez máis as posibilidades que ofrecen as Tecnoloxías da Información e da Comunicación como fonte inesgotable de coñecemento. Nesta ocasión, propoño unha visita a Procomun, repositorio de recursos dixitais abertos (REA) do Ministerio de Educación e das distintas comunidades autónomas no que se compila material didáctico catalogado de xeito coherente co currículo de Educación Infantil. Mesmo a tv estes días convértese nunha valiosa ferramenta educativa. Boing lanza dende hoxe mesmo (23 de marzo) unha proposta centrada na aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Con Real Mom, programa presentado por Tania Llasera ás 13:25h., os nenos e nenas poderán aprender novas palabras en lingua estranxeira nas súas diferentes seccións: Let´s Play, Cooking with Tania, DIY (Do it Yourself) e Let´s Dance. Xa na nosa comunidade autónoma, TVG2 en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional tamén se suma a este tipo de iniciativas cunha programación especial de luns a venres, de 11:00h. a 13:00h..
           
Familias, aberto sempre a posibles suxerencias, non esquezades de aprender a ser máis fortes... Cando un se deixa levar, todo cambia, todo flúe, todo funciona... porque aínda quedan fadas de corazón puro que conceden desexos por sorpresa sen pedir nada a cambio...

#QuedaNaCasa

lunes, 16 de marzo de 2020


Dada a situación actual, e tendo en conta que o máis importante é que os nenos e nenas comprendan o que sucede e sobreleven este tempo de confinamento do mellor xeito posible, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, velaí van unhas recomendacións de traballo na casa para estes días. Neste senso, aclarar que non se trata de que os nenos e nenas fagan fichas similares ás que realizamos na escola, senón de aproveitar o potencial pedagóxico de situacións cotiás nas que traballar aspectos vencellados coa lecto-escritura, a lóxica-matemática, conceptos básicos... dende un enfoque lúdico, real e significativo.

En primeiro lugar, sabedores de que un lector non nace, faise, seguide transmitindo o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos. Aproveitade este tempo para reforzar, afianzar e/ou introducir, grafemas a partir da cartilla de lectura de Letrilandia. Agora xa, os nenos e nenas poden avanzar no descubrimento de novos habitantes de O País das Letras, coa consabida identificación e recoñecemento de grafía e son correspondente. A partir de aí, pódense desenvolver actividades de escrita espontánea como anotar ingredientes e cantidades para unha receita, escribir unha carta ou un mail simulando a MUNÍBAL, PABLO e BERTA, ou mesmo un diario no que apuntar nunha frase o realizado, acompañando o texto dun debuxo: esquemas corporais completos, elementos no chan, no ceo... que dean á actividade unha visión de conxunto elaborada.

Ao tempo, non debemos esquecer o traballo da lóxica-matemática a partir da resolución de problemas da vida cotiá: identificación e trazado de números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica ascendente/descendente, maior que/menor que, operacións de cálculo mental básico...

Por outra banda, neste tempo os nenos e nenas non poden permanecer á marxe das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Así, e lonxe de aportar un listado de enlaces dentro das ferramentas web 2.0., destacar Educlan, unha ferramenta educativa para as familias durante o peche preventivo dos centros educativos, en funcionamento dende hoxe luns 16 de marzo. Trátase dun proxecto de rtve coordinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional coa axuda de editoriais educativas. En Educlan as familias poderedes encontrar vídeos sobre as principais áreas curriculares: Ciencias Naturais e Sociais, Lengua, Lóxica e Matemáticas, Artística, Idiomas, Educación Física, Tecnoloxías ou Convivencia.
Alén disto, dentro dos propios recursos educativos do Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, podedes atopar o repositorio de contidos e actividades do Espazo Abalar con variadas actividades para alumnado de Educación Infantil; mesmo o noso blog de aula convértese nunha ferramenta ao servizo do proceso de ensinanza-aprendizaxe con enlaces de interese onde empregar as TICs como fonte de coñecemento, aprendizaxe e gozo.

Agardo vestir de novo o mandilón e vervos axiña, polo momento, familias, non esquezades estes días parar un pouco, ralentizarnos, pensar e imaxinar...

. . . N A V E G A R . . .

viernes, 6 de marzo de 2020


Estas semanas, a partir do conto “Muníbal el navegante”, estamos  descubrindo e valorando diferentes medios de comunicación e información.
Así, coñecemos que as persoas comunicámonos de moitas formas: falando, escribindo, mediante xestos, movementos...
O traballo sistemático dos mass media, permítenos corroborar que a principal forma de comunicarnos e expresarnos é a través do corpo. A través do corpo expresamos emocións, de aí que de cando en vez reservemos parte da xornada a mover o esquelete memorizando, cantando e mimando cancións que favorecen a comunicación vital libre non estereotipada.


Sabiades que medios podemos empregar cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe?... Cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe, podemos utilizar o teléfono, o correo postal e electrónico, a videochamada a través de APPs creadas para tal efecto...


Ao tempo, tamén podemos acceder á información a través de medios como a televisión, o xornal, a radio e mesmo Internet; de feito, actualmente a maior rede de información e comunicación que utilizamos é Internet.
Por outra banda, nun aula no que a organización dos tempos e espazos favorece progresivamente a continuidade entre Educación Infantil e Educación Primaria, non esquecemos o tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns.
Neste senso, combinamos distintos momentos ao longo de cada xornada, pois nada ten que ver o ambiente cálido e acolledor que se crea no momento do traballo obrigatorio individual no que o silencio e concentración resultan fundamentais, co momento dos rincóns no que o balbordo resulta inevitable... que cambio!


Como saberedes, durante este curso presentáronse diferentes rincóns cos que xogamos aprendendo e aprendemos xogando: rincón de xogo simbólico, de biblioteca, de lóxica-matemática, de construcións, de expresión plástica... espazos de xogo e traballo para aprender a compartir, resolver positivamente conflitos cotiás, imaxinar e recrear situacións, construír...


Agora xa, na vindeira semana ultimaremos os derradeiros detalles do traballo impreso propio deste trimestre, e así adicar a recta final ao traballo da identificación e grafía dos habitantes de Letrilandia– O País das Letras que coñecemos durante este tempo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ANTROIDO NA ANEXA.

viernes, 21 de febrero de 2020


Hoxe venres, como colofón á semana de antroido, viñemos ao cole cos nosos mellores disfraces e complementos... fantástico!
Así pois, nas asembleas matinais destes días, axiña coidamos que os disfraces e accesorios ocupan un espazo privilexiado nesta celebración onde grandes e pequenos deixamos voar a nosa imaxinación para converternos naquel personaxe que fai que vivamos o antroido de maneira intensa. Ao tempo, tamén aportamos outros elementos e características propias desta celebración como símbolos representativos e postres típicos.
Este ambiente festivo do antroido, favoreceu distintas propostas de traballo que nos permiten avanzar no noso proceso de desenvolvemento.
En primeiro lugar, improvisamos un antiface que pintamos coa cera acostada tentando cubrir de xeito uniforme todo o espazo. Para completar o deseño, pegamos papeis de cores ao chou para dar unha visión de conxunto.


Por outra banda, a véspera do antroido no cole, pintamos a carauta de MUNÍBAL, asociando a cada parte a súa cor: azul mariño para pelo e boca, “azul cielo-camuflado” para o corpo e cor amarela para os cornos... que doado!


Xa hoxe venres, vivimos o antroido no cole... que nervos!... Estabamos ilusionadísimos coa celebración, expectantes, descontrolados...
Hoxe non había tempo para as rutinas propias de cada día e, nunha asemblea diferente, descubrimos, coñecemos e identificamos cada disfrace: funcións, complementos e accesorios... estabamos xeniais!


Ao tempo, reservamos un tempo para debuxarnos con cadanseu disfrace: superheroes, princesas Disney, debuxos animados, personaxes de ficción... ata serpentinas e confete... canto detalle!



Xa a media mañá, no ximnasio, participamos no “Festival de Antroido” onda os compañeiros e compañeiras de 5 ANOS B para mimar e dramatizar “Te voy a esperar” (BSO - Tadeo Jones) de Juan Magán e Belinda que tan entregados preparamos estas semanas... que artistas!


Resultou un acto ameno e non perdemos detalle das cancións de todas as clases do colexio: canta variedade de estilos, cantos disfraces, canto traballo... parabéns ANEXA!... viva o antroido!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

HULA: HOSPITAL UNIVERSITARIO LUCUS AUGUSTI.

viernes, 14 de febrero de 2020

Siii, tras a pertinente conta atrás no calendario do panel de rutinas, o martes visitamos o HULA... foi xenial!
Ilusionados e expectantes, ese día desenvolvemos unha asemblea na que non había tempo para as rutinas propias do momento. Deste xeito, aproveitamos para repasar algúns dos contidos que aprendemos no 1º trimestre a partir do traballo sistemático do corpo humano.
Identificamos e nomeamos elementos internos que forman parte do corpo: CEREBRO, CORAZÓN, PULMONES e ESTÓMAGO, lembrando que os HUESOS sosteñen o noso corpo e protexen os nosos órganos e que os MÚSCULOS cobren os ósos e fan que podamos movernos... que memoria!


Ao tempo, repasamos as normas e regras de seguridade no uso da vía pública: camiñar amodo, en fila, prestando atención a cada indicación... controlado, todo en orde!


Xa no autobús, co cinturón abrochado, dirixímonos ao noso destino... o HULA agardábanos!


Comezamos no hall do hospital, onde descubrimos algunhas xeralidades do edificio... non sabiamos para onde mirar!


Xa logo, paseamos por parte dos corredores ata chegar á aula hospitalaria... que coidado estaba todo!


Non imaxinabamos que no HULA había unha clase, case case idéntica á nosa... Alí, MARGA, explicounos que o Hospital Universitario Lucus Augusti, -este é realmente o nome completo do HULA-, contaba cun aula para que os nenos e nenas hospitalizados non perdan de aprender, debuxar, xogar...


Que aula tan bonita!... Cantas cores!... Cantas cousas!... pezas de construción, bonecas, cociña... e contos.


Case sen perder detalle, escoitamos o conto: Os Bolechas van ao hospital (Edit. Bolanda) recoñecendo e valorando distintos traballadores propios deste espazo. Sabiades que no hospital hai cociñeiros?... Uf!... case 3.000 persoas traballan no HULA!...


Wow!... Era todo impresionantemente enorme, o Salón de Actos semellaba un cinema... Neste espazo, practicamos a Respiración Cardiopulmonar (RCP) como técnica útil en situacións de emerxencia. Escoitamos e miramos o vídeo explicativo, avaliamos e recoñecemos a parada cardiorrespiratoria,  colocamos boca arriba, realizamos compresións torácicas e sopramos... canto experto!


Ao tempo, xa que estabamos nun hospital, varios médicos e unha enfermeira nos mediron, pesaron e miraron a tensión cun aparello que semellaba un reprodutor MP4... que sofisticado!


Tamén, coa lección aprendida, convertidos en auténticos profesionais da saúde (médicos/enfermeiros), improvisamos un “Hospital de Muñecos” onde puxemos a proba a paciencia dos adultos que nos acompañaban. Vendas, tiritas, cabestrillos... Non lles faltaba e non nos faltaba detalle!... Mil grazas!...


E para rematar antes de voltar ao cole,... que mellor que repoñer forzas cunha saborosa merenda?... Bocadillo de xamón, sándwich mixto, zume de laranxa natural... mmm, delicioso!


En días posteriores, o cúmulo de experiencias vividas propiciaron múltiples conversas relacionadas (autobús, traballadores, merenda...), deixando testemuña, como non podía ser doutro xeito, nuns debuxos aos que cada vez lles faltan menos detalles... moitos parabéns!



Buah!... Indubidablemente resultou unha saída ben interesante, organizada e desenvolta por parte duns entregadísimos traballadores. GLORIA, ÁNGEL, MARGA, CARMEN, MANUEL e ANA... mil millóns de G R A Z A S!... Sen a vosa adicación e paciencia esta saída non sería posible... ata a próxima!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!