Bienvenido

PENSAR COAS MANS.

viernes, 23 de febrero de 2018

Logo do parón do antroido, voltamos de novo á rutina da escola decatándonos que os fundamentos matemáticos están máis que presentes nas nosas vidas dende idades temperás, especialmente si temos en conta un aula como a nosa na que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizamos cada día.
Neste senso, a partir das rutinas da aula, desenvolvemos actividades en clave de lóxica, poñendo en xogo e mellorando diferentes habilidades propias do pensamento e razoamento matemático.
Así pois, nas RUTINAS DA ASEMBLEA: a través da resposta a preguntas tales como: cantos faltan?, cantos somos en total?, cantos días fixo sol?..., iniciámonos no uso convencional dos números como estratexia de conteo, de formación de conxuntos e de rexistro de feitos.



Tamén na escritura da DATA: traballamos o anterior e posterior entre números no calendario, formación de conxuntos e identificación de numerais.


Nas ACTIVIDADES DE PSICOMOTRICIDADE: coñecemos as posibilidades e limitacións do corpo e do contorno próximo, realizando unha estruturación da noción de espazo e de diversos conceptos xeométricos.



Logo do patio, as actividades de relaxación coa “Hora de Ler” e a SESIÓN DE CONTACONTOS: traballamos a sucesión de acontecementos, utilización de cuantificadores para describir características de personaxes, lugares, situacións...


Asemade, entre os rincóns que organizan o espazo da aula contamos co RINCÓN DE LÓXICA-MATEMÁTICA: un espazo que nos permite desenvolver un traballo construtivo a partir do uso contextualizado de distintos recursos didácticos: figuras de volume, pezas de construción... e axiña tamén, puzzles de maiores!



Neste senso, cabe destacar ademais o emprego de material estruturado como elemento motivador para o traballo da lóxica-matemática como as regretas Cuisenaire, o tangram ou os bloques lóxicos.
Os bloques lóxicos de Dienes son 48 pezas pintadas das cores primarias (amarela, azul, vermella): triángulos, cadrados, círculos e rectángulos de diferentes tamaños (grandes e pequenas) e con distintos espesores (grosas e delgadas).


Xa de xeito máis guiado nas asembleas, a partir do uso deste material, descubrimos e identificamos figuras xeométricas en elementos da realidade (círculo, cadrado, triángulo, rectángulo...), recoñecemos aspectos xeométricos (liña, punto, lados, formas...), explorando ludicamente as propiedades e características destes... fantástico!
Xogamos aprendendo e aprendemos xogando, iniciándonos no desenvolvemento da competencia matemática establecida pola UNESCO, ao tempo que construímos a intelixencia lóxico-matemática de Howard Gardner... que interesantes as matemáticas! 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

VIVA O ANTROIDO!!...

viernes, 9 de febrero de 2018

Hoxe venres, como colofón a unha semana na que desenvolvimos distintas actividades relacionadas co antroido, viñemos ao cole ataviados cos nosos mellores disfraces e complementos... foi fantástico!
Para comezar a descubrir, identificar e valorar elementos e características do antroido, nas asembleas matinais aportamos símbolos representativos desta época do ano, onde evidentemente os disfraces e accesorios, ocuparon un espazo privilexiado.
De sobra quen máis e quen menos tiña escollido o seu disfrace dende había tempo, ou alomenos o personaxe no que lle gustaría converterse. Achegas sen apenas sorpresas: as nenas: princesas, fadas, raíñas... E os nenos, todo un clásico: Batman e/ou Spiderman.
Así, este ambiente tan festivo e de acollida que propicia o antroido, favoreceu distintas propostas nas que avanzamos un chisquiño máis no noso proceso de maduración e desenvolvemento.
Neste senso, un dos primeiros cometidos foi a elaboración da carauta de MUNA. Axiña coidamos a cor na que debiamos pintar: os cornos de cor amarela, o pelo de cor marrón e a cara de cor laranxa. 


Para mimar o resultado agardado, a proposta desenvolveuse de xeito case individualizado/personalizado, demasiados detalles para pintar a cara con témpera e pincel, pero con cera plástica... non rematariamos nunca!


O resultado?... 25 MUNAS concentradas por metro cadrado!...


Asemade, xa o xoves, véspera da tan agardada festa de antroido,  realizamos unha actividade impresa que puxo a proba a nosa paciencia e afán de superación por facer as cousas todo o ben que sabemos e debemos. Non se trataba de nada doutro mundo, había que repasar os trazos de cadanseu gorro de pallaso das cores establecidas (vermella, azul, amarela) e colorear cada letra dunha cor, procurando non repetir cor e traballando amodo, sen présa, prestando atención ao traballo propio... Os resultados cada vez mellores, pouco a pouco imos progresando...


Por si todo isto fose pouco, ao tempo, cada mañá desta semana chegabamos felices e ilusionados cos momentos de neve intensa que caían por momentos... bonito, bonito Lugo nevado, que afortunados!


Finalmente, e tras unha longa conta atrás de máis de dúas semanas, chegamos ao día 9, venres de antroido... que nervos!...
Estabamos ilusionadísimos coa celebración, expectantes polo que sucedería o venres...
Nunha asemblea diferente, falamos de cada disfrace: funcións, complementos e accesorios... estabamos guapísimos! e varios preguntamos se poderiamos vir disfrazados outro día... E é que non todos os días un pode converterse en: Carapuchiña Vermella, superheroe, animal, princesa...


Xa a media mañá, no ximnasio, vimos a variedade de disfraces, incluso en Educación Primaria, disfrutamos de disfraces con temática motivadora: Trolls, Star Wars, Emoji... canta creatividade!


Resultou un acto ameno e non perdemos detalle das cancións de última moda elexidas para a ocasión; agora ben, coincidimos na nosa actuación preferida... a guerra das espadas de luz!... foi abraiante!... 


Pola nosa parte, durante estes días memorizamos, interpretamos e mimamos a canción: Mi disfraz, un título que nos mete de cheo, se cabe aínda máis, nesta festa... viva o antroido!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"BARQUITO DE PAPEL"

viernes, 2 de febrero de 2018

Ao longo destes días, co gallo da actividade conmemorativa do Día Escolar da Non Violencia e da Paz establecida no Calendario Escolar, achegámonos a distintos aspectos relacionados coa PAZ. Con isto, non queremos dicir, nin moito menos, que este ámbito de acción o limitemos unicamente a esta data, pois durante o curso traballamos en numerosas ocasións elementos relacionados coa Educación Moral e Cívica e para a Paz.
Así, por exemplo, a asemblea posibilita o traballo transversal desta temática no momento en que progresivamente avanzamos na escoita activa e atenta cara os demais, respectamos opinións alleas e cada vez máis de xeito natural, erguemos a man para falar. Tamén cando a principio de curso consensuamos as normas que rexen a vida da aula ou cando redescubrimos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver conflitos cotiáns.


Neste senso, para comezar, botamos man de todo un clásico desta data: Negros y blancos (Edit. Anaya), un conto que relata como unha encarnizada guerra entre elefantes “Negros y Blancos” non trae nada máis que morte e destrución... non perdemos detalle!


Unha vez máis, esta sorprendente historia serviunos como alicerce de reflexión nas asembleas para chegar ao centro deste concepto: a PAZ.
Día a día, os nosos faladoiros resultaron máis froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada -esta semana facíase indispensable-, relacionamos a PAZ con accións como: “no pegar”, “recoger”, “hacer bien la ficha”... chegando á conclusión de que a PAZ é algo máis que a ausencia de guerra.  
Asemade, preparamos accesorios alusivos á temática para o que unha vez máis empregamos elementos, materiais e técnicas plásticas diversas que nos amosan novas formas de expresión e representación artística.
Comezamos coa elaboración dunha medalla cunha pomba -símbolo por excelencia da PAZ-. A confección deste elemento, resultou a situación ideal para iniciarnos no uso do punzón e da táboa da picado, unha tarefa só apta para pacientes e coitados que lles gusta facer as cousas todo o ben que saben... non foi doado!


Tamén recreamos a nosa propia pomba da paz pintando con témpera líquida e pincel o troquelado para tal efecto. Antes, en tanto que as pombas da paz son de cor branca, creamos a nosa propia cor azul clara, case case branca... Reunidos arredor da mesa do profe, observamos a cantidade de témpera de cor branca preparada para a mistura, engadindo unicamente unhas poucas cantas pingas de cor azul... removemos e... a pintar!




Xa o martes 30, día establecido na devandita conmemoración, logo do patio xuntámonos no ximnasio para facer unha roda co resto de nenos e nenas de Educación Infantil e cantar, interpretar e mimar a canción traballada durante estes días: Barquito de papel.


O final a este acto festivo, non puido ter o mellor final... un abrazo conxunto de grupo!


E así, con carautas e antefaces, chegamos ás tolerías do Antroido 2018. Case decidimos o disfrace que nos gustaría lucir a cada un o venres 9 de febreiro, será un día intenso, será un día para o recordo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!