Bienvenido

ENTRE LIANAS NUNHA CIDADE DE FAROIS...

viernes, 1 de abril de 2016

Este curso, con carácter excepcional, a nivel de centro decidiuse que o 2º trimestre rematase oficialmente cunha semana de retraso no que a calendario se refire; así pois, hoxe venres, puxemos o punto final a un trimestre no que as nosas aprendizaxes e coñecementos estiveron desenvoltos e canalizados, en gran parte, grazas ás viaxes con MOLI.

En primeiro lugar, a partir do conto: O PAPAVENTOS DO DRAGÓN, descubrimos e identificamos elementos representativos do contorno inmediato, partindo da motivación que ofrecen outros contornos afastados, pero rechamantes, neste caso, o eixe motivador centrouse en China.


Este centro de interese, facilitou o recoñecemento dos elementos máis característicos das rúas e dos comercios do contorno cotiá comparándoos cos doutros lugares, a identificación das diferenzas máis significativas dos diferentes tipos de tendas, o coñecemento dalgúns servizos fundamentais do barrio (hospital, parque de bombeiros, comisaría)...
Co gallo deste centro de interese, introducímonos no tema da seguridade viaria. Para iso, traballamos como hai que ir pola rúa e a mensaxe dos sinais máis frecuentes que temos que respectar como usuarios desta.

Por outra banda, e por si todo isto fose pouco, con MOLI viaxamos tamén á selva amazónica, mergullándonos no eixe motivador dos seres vivos.
Neste caso, partimos do conto: YOMA E O GOLFIÑO ROSA; unha historia que nos permitiu descubrir algúns seres vivos da selva amazónica comparándoos cos do contorno próximo, ao tempo que identificamos algúns animais en perigo de extinción. Tamén desenvolvemos actitudes de coidado, respecto e agarimo cara aos seres vivos e coñecemos as características dalgunhas plantas e animais: costumes, alimentación, ciclo vital...


Hoxe venres, polo tanto, tratábase dun día especial: sería o día no que levariamos para a casa os traballiños do trimestre!...
Comezamos con enerxía, restaba traballo dabondo que facer e a primeirísima hora da mañá repasamos algunhas das actividades desenvoltas durante o 2º trimestre: repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos, recortamos, picamos e pegamos... cantos avances!!
Neste senso, nomeamos os coordinadores de cada un dos 4 equipos da nosa clase. Hoxe foi a quenda de MICAELA (equipo azul), SABELA RG (equipo verde), SABELA RI (equipo amarelo) e MARCOS (equipo vermello).


Máis protagonistas que nunca e confiados na súa responsabilidade, repartiron os 3 caderniños das fichas de MOLI que levariamos para as nosas casas, xunto coa carpeta do 2º trimestre.


Sen lugar a dúbidas, resultou un traballo ben doado, pois... quen non sabe identificar o nome propio e o do resto de compañeiros e compañeiras?...


Ao tempo, o resto aproveitabamos para ollar as fichas que nos ían deixando nas nosas mesas... fantástico traballo!...
Para rematar, faltaba escribir o noso nome na nube pegada para tal efecto na carpeta do trimestre. Deste xeito, cadaquén colleu os rotuladores das súas cores preferidas e escribiu, con máis ou menos tino, o nome propio -canto nos custa regular o tamaño da letra: nalgúns casos grande dabondo e noutros tan pequerrecha que non se pode ler... letra mediana é a ideal!-.


Agora xa, queda o 3º trimestre que comezamos con máis ganas que nunca. Seguiremos viaxando do mesmo xeito que ata agora con MOLI, descubrindo elementos representativos de lugares afastados da nosa vila que nos axudarán a comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo... preparados, listos, xa!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: