Bienvenido

HAPPY HALLOWEEN!

viernes, 2 de noviembre de 2018

Hoxe venres puxemos o colofón a uns días monstruosamente divertidos cheos de cabazas, pantasmas, morcegos e moitas, moooitas historias de “medo”.
Comezamos a motivación desta celebración mediante un torbeliño de ideas no que destacamos elementos representativos desta data: pantasma, bruxa, esquelete, vampiro, castelo encantado, momia e... FRANKENSTEIN!       
Pero... que é ou quen é FRANKENSTEIN?... Pois FRANKENSTEIN é un gran home de cara verde, metade humano, metade robot que este curso se converteu no personaxe fantástico estrela das nosas conversas, debuxos e xogos.
Si, si, ata o profe trouxo unha figura solar de FRANKENSTEIN que situamos onda a cabaza do curso pasado... excelente motivación positiva!


Do mesmo xeito, a partir das asembleas matinais aprendemos a identificar e a respectar os medos propios e alleos dándolle a naturalidade propia, pois... quen non ten algún medo?...
Tranquilos, non hai de que asustarse!... bruxas, pantasmas, vampiros e demais personaxes arrepiantes só existen nos contos, nas pelis e/ou na nosa imaxinación... queda claro?
Ao tempo, este curspo voltamos recrear a festa de aniversario de Enrique coa lectura dos contos: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) e Sonidos de Miedo (Edit. SM).
Asemade, o colexio mudou a súa ambientación: corredores e pasadizos terroríficos converteron a nosa escola nun colexio... “divino de la muerte”!


E claro, como non podía ser doutro xeito, a porta da nosa aula tamén mudou engadindo elementos representativos desta festa no que non podiamos esquecer a FRANKENSTEIN... quen se atreve entrar?...


Mesmo o corcho converteuse na morada ideal duns FRANKENSTEIN que nos serviron para traballar a serie de dúas cores... parabéns!


Agora ben, si hai un elemento que relacionamos claramente co Halloween-Samaín, son as cabazas, que pintamos con cera plástica de cor verde clara ou escura e témpera de cor laranxa... terroríficas!


Uf!… non pensedes que nestes días foi todo traballar, pois quedou tempo de sobra para gozar, uns máis que outros, coa escolma de diferentes capítulos de animación adecuados á nosa idade e propios da data; “El silbido de Frankenstein” e a canción de “Let’s go to Halloween” de Conecta Kids e Pocoyó… resultaron un éxito!


Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, dende o centro solicitouse a colaboración das familias na decoración das cabazas. Había bruxas, vampiros, bebés e ata personaxes dos nosos debuxos favoritos… familias, mil millóns de grazas pola vosa colaboración!
E por fin, por fin chegou o mércores 31 de outubro, día no que viñemos ataviados dos nosos personaxes de terror preferidos: esqueletes, vampiros, momias, bruxas “buenas” e malas, zombies… truco ou trato?… HA HA HA!

 

Finalmente, para rematar estes días de medo, que mellor que levar hoxe venres para a casa a coroa elaborada na que pintamos un morcego con témpera de cor negra e pincel… complicado dabondo non saírse do contorno!



Agora xa sabedes: “Truco o trato hay que decir, y otra vez, repetir. Truco o  trato hay que decir, disfruta el Halloween”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CON MOITO AMOR!...

viernes, 26 de octubre de 2018


Cun chisquiño de retraso, esta semana farémosvos partícipe dun dos centros de interese que, xunto coa casa, vertebran parte das actividades da nosa aula durante estes días: a familia.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no noso contorno socializador.
Case temos claro que hoxe en día, existe unha diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas matinais tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos  aos distintos tipos de familias existentes.


Deste xeito, enseguida identificamos cales son os membros da nosa familia a partir do recoñecemento dos membros de familias de personaxes de ficción como a dos 3 osiños e Riciños de Ouro, Peppa Pig e mesmo os Simpson… así si!


Pois clarooo… os membros da nosa familia son nin máis nin menos que as persoas que viven connosco na casa. Ben, todo en orde ata que un dos nosos compañeiros comezou a engadir novos membros a estas unidades familiares: as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso hai quen engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, moitas veces os nosos amigos e amigas non son da nosa familia.
Porén, establecemos como se pode demostrar todo o que queremos ás nosas familias: abrazos, bicos, caricias…, mesmo hai quen dixo que as “cosquillas” serven de mostra de cariño, pois si… por que non?


Ao tempo, nestas asembleas conversamos acerca dalgunhas das responsabilidades dos membros que compoñen a nosa familia… uf!… decatámonos que teñen responsabilidade por partida dobre!… pois ademais de desempeñar un traballo fóra da casa, tamén desenvolven múltiples actividades no fogar: lavar, cociñar, facer a compra… canto traballan! Neste senso, entre todos e todas coidamos que o mellor sería botar unha man nalgunhas tarefas cotiás como recoller os xoguetes, vestirnos e espirnos case sen axuda, axudar na compra, poñer a mesa…, incluso hai quen dixo que axudaba a limpar os cristais,… case nada!
Asemade, e como vén sendo habitual para deixar testemuña dos nosos descubrimentos e aprendizaxes, nestes días reservamos un tempo para debuxar a algúns dos membros da nosa familia; uns debuxos cada vez máis de súper-maiores aos que engadimos detalles moitas veces desapercibidos como as pestañas, os dedos nas mans e ata diferenciamos o sexo a través do pelo ou vestimenta. Quedaron uns debuxos con taaanto amor!…


E para rematar estes días de intenso traballo, que mellor que celebrar onda GAEL, MARTÍN C., SOFÍA e ÁNGEL dos aniversarios propios do mes de outubro que,  ilusionados, desenvolveron as rutinas propias deste momento e pasaron cadansúa fotografía para a tarta de 4 ANOS... que poucos quedamos na tarta de 3 anos!


Agora xa, toca gozar desta semana que se presenta cuxo eixo motivador será o Halloween-Samaín. As nosas conversas comezan xa a encherse de bruxas, morcegos e pantasmas que farán que a nosa aula e o noso cole se convirtan nunha escola encantada, será algo… terrorificamente divertido!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"... COMO ROBIN HOOD!"

viernes, 19 de octubre de 2018


Sabedores das posibilidades da comunicación non verbal en Educación Infantil, dende comezo de curso aproveitamos para lembrar, memorizar e  mimar diferentes cancións que nos permiten un primeiro achegamento a unha nova forma de comunicación e representación: a linguaxe musical e corporal.
As linguaxes artísticas constitúen unha forma de comunicar aspectos da vida cotiá, empregando elementos, materiais, soportes e técnicas sinxelas, ricas e froitíferas que permiten o desenvolvemento de actividades que estimulan e potencian a imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...



Foron moitas as cancións aprendidas o curso pasado, algunhas servían de rito cotiá e outras de momento de liberación e equilibrio entre traballo e xogo.
Neste senso, contamos coa canción do silencio, dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano... que seguen incorporadas á nosa parrilla de clase. Tamén con outras cancións máis instrumentais que nos permiten un achegamento ao ritmo e melodía: Arco Iris, Noche de Terror, La marcha de las letras..., e mesmo a recente incorporación de Robin Hood, unha canción que ao tempo que nos serve para en auténticos cabaleiros medievais, identificamos e situamos as partes do corpo indicadas en cada caso... que ben o pasamos!


Foi tal a expectación desta canción ás nosas sesións de baile que descubrimos, identificamos e valoramos o personaxe de Robin Hood que roubaba aos ricos para darllo aos pobres.



Por outra banda, e como recompensa ao noso comportamento e bo saber facer no momento de traballo individual, vimos varios capítulos que tomaban como protagonista a Robin Hood: o cabalo, o arco coas frechas, a diana... fabuloso!
O que está claro é que cada vez gozamos máis deste tempo de baile libre e/ou semidirixido; un tempo que resulta cada vez máis organizado, sentido e vivido no que hai que estar en silencio para escoitar cada parte e seguir o ritmo e consignas establecidas en cada retrouso.


Con estes momentos de expansión vital no que deixamos que o noso corpo libere enerxía, ao tempo desenvolvemos a escoita activa e atenta, a agudeza auditiva, a audiopercepción… bailar, bailar é divertido!


Agora xa, na vindeira semana, o cole encherase de cabazas, morcegos, demos e bruxas… é tempo de Halloween-Samaín e tentaremos que este curso sexa vivido máis intensamente, controlando e dominando emocións e sentimentos… case case preparados! Serán uns días terrorificamente divertidos… HA HA HA!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

MUNELA, BENVIDA!!

jueves, 11 de octubre de 2018


Como xa vos anunciaramos o curso pasado, a mascota de 4 anos chámase MUNELA. MUNELA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se agochan ao seu redor.
Nestes días nos que a festa segue tan presente na nosa cidade -San Froilán está a piques de rematar-, redescubrimos a MUNELA a través da lectura da historia motivadora da primeira unidade didáctica: “La cama nueva de Munela”. Así pois, coñecemos elementos tan disparatados como que para pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras, ou mesmo que non lle gusta a auga e que cando lle toca ducha, PABLO e BERTA perséguena coa mangueira ata que se enxaboa por todos lados... que locura!



Do mesmo xeito que MUNA cando tiñamos 3 anos, MUNELA durante este curso atoparase situada nun lugar privilexiado da aula e converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, cada centro de interese... canto traballo nos agarda este curso!
Pero... na aula hai dúas MUNELA?... Claro, temos unha MUNELA na zona do traballo obrigatorio a carón de MARTÍN F. e outra MUNELA na zona da asemblea que se converterá en aliada do súper-encargado... fantástico!


Como podedes imaxinar, as comparativas entre MUNA e MUNELA resultaron inevitables: cor característica, número de ollos, brazos e pernas, cornos de cor amarela idénticos, mochila e bolso case case igual... Ao tempo, coidamos na que será a nosa mascota de 5 anos: MUNÍBAL. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: “Los increíbles MUN”.


Esta semana de presentación de mascota, MUNELA tivo un papel  protagonista e xuntos compartimos diferentes momentos da xornada: o conto, o momento do xogo libre e/ou dirixido en rincóns, o momento do tempo de lecer...


Asemade, e como actividades para deixar testemuña dos nosos descubrimentos e aprendizaxes, coloreamos sendas actividades impresas nas que MUNA, unha vez máis, é o elemento motivador ideal.


Neste senso, nunha das actividades impresas, aproveitamos para recrear o noso esquema corporal ao que cada vez integramos máis elementos… canta cor!.. .canto detalle!… parabéns!…


Siii, aínda que MUNELA será a protagonista de cada historia, non estará soa e un curso máis PABLO e BERTA ensinarán a MUNELA a comprender o seu pequeno-gran mundo… ser un monstro non é de todo doado! 


Para iso cadaquén rodeou con rotulador e coloreou con cera plástica a un ou outro personaxe segundo o propio sexo. Ademais, para disipar dúbidas no que a cores se refire, estes días as siluetas de PABLO e BERTA presiden a nosa aula… por se eramos poucos!


E para rematar… que mellor que decorar un tiovivo case case igual ao do San Froilán… parece sinxelo, pero moito ollo, á norma de non levantar o rotulador, engadimos por primeira vez a realización de series de dúas cores… bonitas, bonitas combinacións de cores...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!