Bienvenido

"BARQUITO DE PAPEL".

miércoles, 30 de enero de 2019


Estes días, co gallo da actividade conmemorativa do Día Escolar da Non Violencia e da Paz establecida no Calendario Escolar, redescubrimos distintos aspectos relacionados coa PAZ.
Para comezar, botamos man de todo un clásico do curso pasado: Negros y blancos (Edit. Anaya), un conto que relata as consecuencias dunha encarnizada guerra entre elefantes “Negros y Blancos”... non perdemos detalle!
Unha vez máis, esta historia serviunos como alicerce de reflexión nas asembleas para chegar verdadeiramente ao centro deste concepto: a PAZ.


Neste senso, este curso fomos un chisquiño máis alá e, logo de ler e reler o conto co que aprendemos que o conflito non trae cousa boa, cadaquén expuxo a súa parte do conto preferida para posteriormente recreala de xeito libre. A secuencia da guerra na que os elefantes “Negros y Blancos” empregaban todo un arsenal de armas foi a máis recreada: pistolas, escopetas, rifles, puñais, bombas... e sangue, moita moita sangue...


Ademais, sabedores do papel que xogan os contos na nosa clase, ese mesmo día VALERIA trouxo o conto de Pinocho, xusto a historia que necesitabamos para enfatizar, se cabe aínda máis, a importancia do establecemento de normas axeitadas de comportamento e relación social cos demais: adultos e grupo de iguais... perfecto!
Ao tempo, participamos -previa man levantada- en torbeliños de ideas nos que axiña relacionamos a PAZ con accións como: “no pegar”, “recoger”, “hacer bien la ficha”... exacto!... a PAZ é algo máis que a ausencia de guerra.
Por outra banda, e ao tempo que avanzamos no libro de actividades nº4 de MUNELA, preparamos un accesorio alusivo partindo dun dos troquelados establecidos para tal efecto que tomaba como base o símbolo por excelencia desta celebración: a pomba da paz. Pero... era unha pomba ou unha man?... Pois era unha man dobre, de cor branca, cunha rama de olivo simulando unha pomba, así que en lugar da pomba da paz... era a man da paz!


Pois... que mellor que converternos en superheroes e superheroínas pola PAZ que escribindo con rotulador de cor verde o “P”... superpoderosos!


Finalmente, hoxe mércores 30 de xaneiro, día establecido para a conmemoración, logo do patio xuntámonos no ximnasio co resto de nenos e nenas de Educación Infantil para cantar, interpretar e mimar: Barquito de papel, unha canción que se converte na nosa aula en todo un rito co que resolver conflitos cotiáns de forma pacífica.


O final a este acto, non puido ser mellor... un abrazo conxunto de grupo!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

FOLERPAS DE NEVE...

viernes, 25 de enero de 2019


Esta semana, ao tempo que rematabamos o libro de actividades nº3 de MUNELA, reservamos un tempo para descubrir, identificar e valorar algúns dos elementos e cambios producidos no contorno e na vida das persoas coa chegada do inverno.
Así, como vén sendo habitual, atopamos nas asembleas matinais a mellor das lanzadeiras posibles de ideas previas, evidenciando os nosos coñecementos previos e necesidades de aprendizaxe cara a nova estación.
Neste senso, ollamos as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.



Evidentemente, todos estes coñecementos levámolos á práctica cada vez que chega o momento do patio abrigándonos para atravesar as pistas que separan a nosa aula do ximnasio pois, como podedes imaxinar, o tempo de recreo ao aire libre, polo momento este trimestre, estase resistindo... canto corremos dun lado ao outro!... que divertido!...


Asemade, e para deixar testemuña deste centro de interese, vestimos de inverno a MUNELA, BERTA E PABLO, recreando accións propias da estación: bonecos de neve, esquís, folerpas, gorros, bufandas e luvas... excelente!


Siii, exacto!... se algo temos claro-clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…


Por outra banda, destacamos que coa chegada do inverno tamén aparecen nas nosas casas novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación tales como as estufas, as mantas, as calefaccións...
Indubidablemente, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo hábitos e actitudes relacionadas co benestar e co coidado da saúde; evitando a visita ao médico.
Neste senso, as alusións a Frozen resultaron, unha vez máis,  inmediatas, un feito que provocou o visionado de fragmentos do filme. Cando Anna lle pide a Elsa o boneco de neve... segue parecéndonos fascinante!


Agora xa, a vindeira semana, reatoparémonos cun dos nosos contos preferidos: Negros y Blancos (Edit. Anaya) cuxa historia serviranos para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz o mércores 30 de xaneiro.



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

HORA DE LER.

viernes, 18 de enero de 2019

Convencidos que un lector non nace, faise, este trimestre adicaremos parte do traballo a contidos vencellados á lecto-escritura, transmitindo o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta á fantasía.
Neste senso, son diversas as actividades e rutinas cotiás que presentan situacións excepcionais nas que o uso, case sistemático da lectura e escrita, faise de obrigado cumprimento.
Así pois, nas asembleas matinais realizamos o fichaxe de ausencias e presenzas -identificando o nome dos compañeiros e compañeiras ausentes-, escribimos a data no encerado, ao tempo que, recitamos as letras do abecedario para xa logo identificalas en palabras e textos significativos,


escritura no encerado do nome do súper-encargado diario, así como doutras palabras como MUNELA, PABLO, BERTA...


cada actividade impresa leva o seu título correspondente... MATEMÁTICAS séguesenos resistindo!...


ollamos os días da semana de PIPO, os meses do ano no tren dos aniversarios, todos os rótulos das gabetas, rincóns e armarios...
Indubidablemente a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir dunha visión construtivista escolar.
Neste senso, a utilización dos contos como rutina da aula, sérvenos para crear un clima de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Son moitos os contos que traemos cada mañá, ás veces desesperamos porque non chega a nosa quenda, pero paciencia, ao final todos se len... moitas veces como premio ao tempo de esforzo na realización do traballo cotiá.


Porén, e como xa vos contaramos, mergullados de cheo na unidade didáctica cuxo centro de interese é a literatura infantil, hoxe venres aproveitamos parte da xornada para debuxar os nosos personaxes de conto preferidos. Nun improvisado torbeliño de ideas, saíron personaxes de todo tipo; dende os máis clásicos como Peter Pan, Pinocho, Robin Hood, Carapuchiña Vermella, Blancanieves... ata os máis actuais con princesas Disney que completamos cunha morea de corazóns... cantas cores!


Siii, todo isto rediversifícase logo do patio, e a modo de rutina de relaxación adicamos un tempo á lectura en gran grupo de textos significativos, onde ás veces descubrimos a parrilla de clase dese día... moita atención!
Agora xa o sabedes, ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e disfrute, así que paciencia...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CARGADIÑOS DE AGASALLOS, OLÉ, OLÉ OLÁ...

viernes, 11 de enero de 2019


Este martes 8 de xaneiro, regresamos ao cole tras as vacacións de Nadal e, aínda que nos custará coller de novo o pulso da rutina cotiá da aula... comezamos encantados!... este trimestre promete!...
Uf!... logo de todos estes días sen vernos, tiñamos moito que contar, porén, esta semana as asembleas matinais duraron máis do habitual. Neste senso, e como podedes imaxinar, se houbo unha conversa recorrente durante estes días foron os agasallos de Nadal. Non fomos bos, fomos boísimos; canto xoguete, canta cousa interesante... veremos senón ten que saír máis dun da casa para poder gardar tanto xoguete: bonecas, coches teledirixidos, kits de maquillaxe, de perruquería, de chefs..., tamén mochilas dos nosos personaxes de debuxos animados favoritos...
Porén, o primeiro día non había lugar a “ficha”, e unicamente reservamos un tempo para debuxar algúns agasallos de Nadal... parabéns!


Nooon, non todo acabou aquí,… nin moito menos! Pois para que vexades que xa metimos segunda e que traemos as pilas cargadas, esta semana comezamos o caderno de actividades nº3 de MUNELA... fantástico!


Sen perder detalle escoitamos o conto da unidade titulado: Munela un monstruo de lo más normal, que nos achegará ás posibilidades de ensinanza-aprendizaxe da literatura infantil, converténdose nun valioso recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Comezamos conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
A través da narración dos contos, aprendemos a escoitar, a pensar, a  adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que levaremos a cabo co gallo deste centro de interese están: as actividades de comentar que nos axudarán a asimilar o conto e a realizar unha transposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).


Ao tempo destas e outras actividades e como recompensa á nosa actitude positiva durante esta semana, avanzamos na lectura e interpretación dos “Bits de Inteligencia” de arte -axiña comezaremos unha nova categoría-, bailamos algunha das nosas cancións preferidas -a de Robin Hood segue causando furor-, vimos unha selección de contos no Encerado Dixital Interactivo (EDI)..., e por suposto, gozamos do tempo de xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.


FAMILIAS!!... Despois dun Nadal repleto seguro de mil e unha anécdotas cargadas de toneladas de ilusión, maxia e fantasía, agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e que nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!