Bienvenido

RECUNCHOS, CURRUNCHOS, RECANTOS E RINCÓNS.

viernes, 26 de mayo de 2017

Esta semana, como recompensa ao traballo desenvolto, demos un pulo ao xogo libre e/ou dirixido-semidirixido nos rincóns... houbo tempo para todo!
Xa dende practicamente principio de curso, as dúbidas das nosas familias quedaron disipadas ao descubrir que os rincóns, lonxe de ser un “castigo”, converteríanse nunha das rutinas máis agardadas de cada xornada.
Os rincóns en Educación Infantil contan cun importante calado no noso desenvolvemento integral: facilitando a estruturación espacial -pois para desenvolver depende que tipo de actividades debemos dirixirnos a un espazo determinado-, a estruturación temporal -o xogo nos rincóns marca o remate de cada xornada-, o desenvolvemento do proceso de socialización infantil -compartindo, respectando, cooperando...-, a adquisición de cotas de autonomía persoal e social -ao coller e recoller os materiais necesarios no momento xusto, ao tempo que adquirimos pautas de convivencia e relación social-...
Neste senso, na nosa aula combínanse diferentes momentos ao longo de cada xornada, pois nada ten que ver o ambiente cálido e acolledor que se crea no momento do traballo obrigatorio individual no que o silencio e concentración resultan fundamentais, co momento dos rincóns no que o balbordo resulta inevitable... que cambio!
Como saberedes, durante este curso presentáronse direntes rincóns cos que xogamos aprendendo e aprendemos xogando.
O rincón de biblioteca onde nos relaxamos, vemos contos e interpretamos imaxes, materializamos o interese polo corpo, tomando conciencia do esquema corporal, e, sobre todo aprendemos a dialogar e avanzar no dominio da linguaxe, e no interese pola palabra e a idea.



Tamén o rincón de lóxica-matemática con material didáctico común como: bloques lóxicos, quebracabezas, xogos de asociación... que permiten a resolución de situacións e problemas cotiás a partir de habilidades de pensamento e razoamento lóxico-matemático. Neste espazo, tamén atopamos as pezas de construción de madeira, de plástico, de cactos... os coches co escalextric, o parque de bombeiros...  


O rincón de expresión plástica no que creamos e recreamos uns debuxos cuns detalles cada vez máis insólitos e modelamos con plastilina: vermella, azul, amarela, rosa, lila...


Agora ben, se temos que quedar cun rincón, sen dúbida quen máis e quen menos elixiría o rincón de xogo simbólico, o espazo da aula no que se reconceptualiza e se concentra o xogo en estado puro, pois ademais de contar cos Baby Born e cociña iniciais; neste curso este espazo rediversificou a súa actividade coa mansión de Casper, a tribo india, a máquina rexistradora, o pícnic e novos babies que ilusionados fomos coñecendo e acollendo nos nosos xogos: Rosana e David Manuel, Maruxa, Twinkle...


E despois de tanto xogo e xoguete, que mellor que rematar esta derradeira semana do mes de maio que achegando o xoguete de moda para compartir co resto de compañeiros e compañeiras... Siii, exacto!!... os spinner!!... que furor!!... que técnica!!... que equilibrio!!... probamos no nariz, na testa, no xeonllo, na punta do pé... uns artistas!


Con este ambiente tan grato e festivo, na vindeira semana remataremos o derradeiro libro de MUNELA, ao tempo que nos iniciamos nas actividades impresas de “archivar”, pechamos actividades semanais como a rutina do préstamo semanal de biblioteca, a visita da mascota... sprint final de remate de curso!... estamos preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

APERTURA AO CONTORNO.

viernes, 19 de mayo de 2017

Esta semana, co gallo da Semana do Libro e da Semana das Letras Galegas, aproveitamos a oferta cultural da nosa cidade visitando o xoves as casetas da Feira do Libro.
Así pois, foi o luns cando nos enteramos da boa nova, unha situación que cambiou o normal desenvolvemento desta semana, pois xa na clase, preparámonos para aproveitar o máximo posible a experiencia.
Indubidablemente, as saídas didácticas axúdannos a coñecer o contorno próximo, aprendemos globalmente, promoven o achegamento a novas formas de expresión, permiten un contacto directo coa realidade, mesturan xogo e aprendizaxe, desenvolven diversos valores intelectuais...
Nos días previos, prestamos especial atención ao desenvolvemento de valores sociais e morais que debiamos seguir no desenvolvemento da actividade: normas de urbanidade, cortesía, respecto aos demais...
Este feito favoreceu o tratamento transversal da Educación Vial, pois sairiamos á Praza Maior de Lugo... os 26!... todos xuntos!... case nada!...
Para estar ben preparados, identificamos algúns dos sinais básicos de seguridade vial: paso de peóns, lembramos o código luminoso do semáforo, a diferenza entre estrada e beirarrúa, camiñar amodo, xuntos, sen présa...
Logo do mércores festivo, ansiosos voltamos ao cole sabedores da saída organizada, pero xa é mala sorte, porque presentouse unha mañá gris, con vento, por momentos ameazaba choiva... horrible!...
Finalmente arriscamos, e cos abrigos postos coma se do mes de decembro se tratase, percorremos entusiasmados as rúas de Lugo: Cámbria, Celso Emilio Ferreiro, Praza do Seminario, Bispo Aguirre e... Praza Maior.


Que vida hai de boa mañá en Lugo, que bonito é Lugo, Lugo ten moito que ver...
En fronte ao concello, estaban dispostas diversas casetas con libreiros e libreiras que nos contaron algunha curiosidade dos libros, albumes e contos, moitos moitos contos, que vendían.


Como colofón final, unha das organizadoras da actividade deleitounos nunha das casetas dispostas para tal efecto coa lectura de dous contos que nos serviron para liberar enerxía, gozar e rir... canto rimos!


Na actividade coincidimos cos nenos e nenas do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, o único colexio público sito dentro da muralla; alí SARA coincidiu coa súa prima... inseparables!
Como o aproveitamento desta saída non remata, ou non debera rematar coa volta á clase, improvisamos unha asemblea na que valoramos as actividades desenvoltas, que vimos, que nos chamou a atención...etc sen esquecer os marcapáxinas cos que nos agasallaron onde se recollía un extracto da xenuina Gloria Fuertes... non sabiamos que cor escoller!


A mañá quedou curta, faltounos o momento do patio, das especialidades, da merenda como tal a media xornada... non obstante, e como a ocasión o merecía, reservamos un tempo para debuxar aquilo co que cadaquén se quedou da visita que en absoluto defraudou... queremos máis!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

15 DE MAIO: DÍA INTERNACIONAL DA FAMILIA.

lunes, 15 de mayo de 2017

Siii, o 20 de setembro de 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu que cada 15 de maio se celebraría o “Día Internacional da Familia”.
Sen lugar a dúbidas, a familia convértese nun elemento importante nas nosas vidas, pois constitúe o primeiro grupo social ao que pertencemos e nela establecemos a nosa base afectiva e cultural e adquirimos os valores e normas vixentes no contorno socializador inmediato.
Hoxe en día, existe unha ampla diversidade de estruturas familiares, por iso, nas asembleas, tentamos fomentar o respecto e valoración da propia familia; ademais, procuramos achegarnos aos distintos tipos de familias. Porén, xa ao principio de curso, acordamos celebrar este día no canto do Día do Pai e da Nai, para deste xeito dar resposta a unha sociedade plural e cambiante onde coexisten en igualdade de oportunidades diferentes modelos familiares.

Claro que si!... as persoas que viven connosco na casa son a nosa familia, tamén as madriñas e padriños, os primos e primas, incluso algún ata engadiu aos seus amigos e amigas, pero non, por moito que os queiramos, os amigos e amigas non son da nosa familia, pero... como si o foran!
Falamos das madriñas e padriños, dos nosos primos e primas,... ata dos avós e avoas que tanto tantísimo nos querem e consenten…
De todo isto, deixamos testemuña nuns debuxos onde logramos uns esquemas corporais máis ou menos completos diferenciando cabeza, tronco e extremidades, engadindo novos detalles que ás veces pasamos por alto como os lentes, zapatos de tacón e pendentes... e mesmo a barba!... Quedaron uns debuxos con taaanto amor!...


Estas actividades, culminaron hoxe co agasallo para as nosas familias; un agasallo que fomos elaborando sen decatarnos no que verdadeiramente estabamos a traballar...
En primeiro lugar, comezamos pintando con cera de cor vermella cadanseu triángulo sen saírnos do contorno…o espazo era pequeno dabondo!


Xa logo, picamos co punzón e coa táboa de picado pola liña negra do triángulo máis pequeno, amodo, con paciencia...
Tamén escribimos un pequeno texto a partir do noso nome. Tiñan que ser letras medianas, -máis ben tirando a grandes-, para que se viran no fondo vermello, pero estamos tan acostumados ás letras medianas que custounos un chisquiño cambiar o “chip”...


E para rematar... estampamos a nosa man impregnada en témpera de cor verde no centro do triángulo e... rápido lavarse!


Aha!... Un sinal de cor?... vermella! E forma?... de triángulo!...


O resultado?... Un sinal de tráfico do máis especial, non se trata dun sinal de tráfico calquera, senón do noso sinal que coidamos que mamá, papá, os avós, padriño, madriña… penduren no coche para non esquecer nunca que os queremos... “hasta el infinito y más allá”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

LUGOMÁXICO.

viernes, 5 de mayo de 2017

Un ano máis, a nosa cidade transformouse na capital do ilusionismo dende o 1 ao 6 de maio.
A Semana Internacional da Maxia leva celebrándose en Lugo dende o ano 2009, e conta con numerosas actuacións que teñen lugar no Auditorio Municipal e en diferentes lugares, rúas e prazas. Durante estas xornadas tivemos a ocasión de gozar de diferentes espectáculos da man de grandes magos e ilusionistas, tanto nacionais como internacionais.
Así pois, co gallo destas xornadas, o xoves no cole puxemos o broche final á XIV Semana Internacional de Maxia coa visita da Escola Municipal de Música de Lugo que nos presentou a V edición dos seus concertos didácticos.


Para comezar, os días previos desenvolvemos tarefas vencelladas coa visita: asembleas nas que identificamos algúns elementos representativos dos magos (chisteira, capa de cor negra, variña...), diferenciamos entre a variña máxica dos magos e das fadas, descubrimos trucos de maxia con cartas, coellos... procuramos imaxes na rede de magos históricos, míticos ou reais: Merlín, Houdini, Matilda, David Copperfield, Harry Potter, Gandalf,... incluso nos restou tempo para preparar unha coroa que representaba un dos trucos máis emblemáticos dos magos... canta maxia concentrada!


Xa o xoves, día do agardadísimo concerto, ataviados coa coroa elaborada, axiña acudimos ao pavillón dos maiores. Non houbo tempo para asemblea, nin súper-encargado, apenas quedou tempo para rematar o traballo establecido..., pero xa estaba todo listo... non había tempo que perder!


A Banda de Música do Concello de Lugo interpretou diferentes pezas musicais: Fantasía, Harry Potter, El Señor de los Anillos, La Pantera Rosa, Gladiator... tomando como eixo motivador a maxia.


Este concerto didáctico, permitiunos desenvolver a discriminación auditiva, recoñecer diferentes instrumentos musicais, valorar a música como medio de comunicación e expresión... ao tempo que coñeciamos a actividade da Escola Municipal e Banda de Música do Concello de Lugo.


Pero isto non foi todo, pois ao tempo que desfrutabamos destas pezas musicais, non perdemos detalle dos trucos de maxia que correron a cargo dun mago que para comezar, apareceu caracterizado do mesmísimo Harry Potter.
Partir da maxia como elemento unificador para achegarnos á música, resultou unha experiencia que nos permitiu valorar a capacidade de mesturar as artes escénicas (música-maxia), participando en diversos trucos de maxia.
O mago fixo trucos con aros de metal, tamén fixo aparecer dúas pombas de cor branca, sacaba luces de cores onde non había nada e mesmo fixo voar unha mesa... quedamos abraiados!... e non vimos truco por ningún lado!... fantástico espectáculo!...


Finalmente, dado o cúmulo de situacións vividas antes-durante-despois do concerto, reunidos en asemblea comentamos as nosas impresións, valoracións e conclusións da actividade desenvolta, deixando testemuña da actividade nuns debuxos de magos e magas aos que non lles faltan detalle... quedou un corcho mÁxIcO!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!