Bienvenido

BOAS FESTAS!

viernes, 25 de diciembre de 2015

Moitos estaredes aínda nervosos e preguntándovos como Papa Noel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal os agasallos que estades disfrutando; senón é así, non vos preocupedes xa que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente non se esquecerán de pasar polas vosas casas... son 3 e son magos! Para iso lembrade o que tedes que facer na Noite de Reis senón queredes que vos pase coma a Martiño…


E por fin... chocolate a chocolate... chegamos ao 25 de decembro... DÍA DE NADAL!!















Así pois, neste día tan especial, gustaríanos desexar a todos cos que compartimos un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento das nosas vidas e deixástedes unha pegada en nós, que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.


Os nenos e nenas de 4 ANOS B deséxanvos unhas BOAS FESTAS de Nadal e un PRÓSPERO ANINOVO 2016 no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade.


Un saúdo con sabor a turrón e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

AAAACHIGUEÑAAAA!!...

viernes, 18 de diciembre de 2015

Por fin, por fin chegou o día tan agardado do Festival de Nadal; un día nervos e ilusións compartidas entre nenos e nenas, familias e mestres do cole, que puxeron o mellor dos broches a este 1º trimestre de 4 anos.

Como xa sabiades, este curso preparamos a performance de EL REY LEÓN; un número que con traballo, constancia, entrega e ilusión, moooita ilusión, preparamos pouquiño a pouco, logrando converternos nunha estupenda tribo africana.

Así pois, cadaquén metido no papel que nos tocou desenvolver no escenario, logramos emocionar a un público sempre entregado ante este tipo de acontecementos... uf, si que había xente nas gradas do pavillón!...

Sen lugar a dúbidas, a performance deste curso converteuse en todo un exercicio de memoria e de concentración. Tiñamos que estar moi, pero que moi atentos para saber a parte que soaba en cada momento, coller e recoller a Moni Monita, as máscaras, cadanseu animal… canto artista concentrado por metro cadrado!...

MOITOS PARABÉNS TRIBO!... ESTIVESTES FENOMENAL!...


E que requete-guapísimos!... A tribo africana máis espectacular endexamais vista na nosa vila, non nos faltaba detalle!... Familias, mil millóns de grazas pola vosa colaboración!... Unha vez máis distes no clavo!...


Agora, despois dun 1º trimestre cargado de traballo, actividade e aprendizaxes, chegan as vacacións, pero non perdades de vista o noso blogue, xa que agardamos seguir sorprendéndovos tamén durante as vacacións de Nadal.

RUXIDO DE NADAL!

viernes, 11 de diciembre de 2015

 

Esta semana pecharemos un 1º trimestre cargado de descubrimentos, aprendizaxes e coñecementos do mellor dos xeitos posibles: chegou o “Festival de Nadal 2015”, estades preparados?...
Este curso resultounos moi complicado gardar o segredo e, quen máis e quen menos, coñece de sobra a actuación que estamos preparando con tanto esmero e adicación... sssch, era un segredo!
Así pois, como cada curso, tras a celebración do magosto atopámonos de súpeto co Nadal, unha data que propicia situacións curiosas e divertidas cargadas de toneladas concentradas de enxeño e inocencia.
Ao principio quedamos un chisquiño decepcionados ao comprobar que este curso, como era normal, non repetiríamos a actuación de “CIRCUS”: todos e todas tiñamos xa adxudicado o noso papel! Neste senso, non vos podedes imaxinar o partido que lle sacamos o curso pasado á nosa actuación, ata tal punto que aínda hoxe segue presente nas nosas conversas e lembrámonos perfectamente de quen desenvolvía cada papel: leóns e domadora, equilibristas, pallasos... que momentazo!
Xa logo, establecimos e marcamos posicións, -todo un exercicio de memoria e concentración-, mudando unha e outra vez creando unha atmósfera tan animadamente animada.
Siii, familias!... Este curso preparamos a performance de: EL REY LEÓN.


Estamos nervosos, expectantes, ilusionados... con moitas moitiiísimas ganas de que chegue o gran día da estrea mundial e, máis guapos que nunca, recreemos a historia de EL REY LEÓN no medio dunha sabana africana á que non lle faltará detalle. 
Ata nos momentos máis impredicibles da xornada aparecen determinados emblemas, así sucedeu o venres na celebración do aniversario de EVA... fantástico!


Este venres tedes unha cita a partir das 10:00h. no pavillón da nosa vila para disfrutar do espectáculo máis marabilloso do mundo: o musical de EL REY LEÓN!!... Familias, dedos cruzados para que todo saia segundo o previsto!!... Agardamos que vos guste!!...
E para meternos se cabe aínda máis en cadanseu papel, esta semana comezamos a disfrutar da película Disney de EL REY LEÓN... non perdemos detalle!


Ao tempo, con todo o traballo planificado para este trimestre rematado e sabedores de que todos ou case todos puxemos a árbore de Nadal nas nosas casas, comezamos preparando un novo elemento decorativo que engadiremos á figura de Olaf elaborada o pasado curso... hai sitio, verdade?...















Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

VIVA O NADAL!

viernes, 4 de diciembre de 2015

Este mércores comezamos un novo mes que no cole vivimos dun xeito especial ao traer variadas e divertidas sorpresas que agardamos con ilusión durante todo o curso e que, dado o cúmulo de experiencias que suscitan, atópanse moi presentes nas nosas conversas cotiás.
Lecturas de contos, a celebración dos derradeiros aniversarios -EVA e YAIZA, tranquilas, xa vos queda menos-, a carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, os ensaios e nervos do Festival, o “Calendario de Adviento”...
Así pois, dende este mesmo mércores 1 de decembro, incorporamos esta rutina á nosa parrilla de clase... fantástico!
No “Calendario de Adviento” deste curso, aparece un debuxo animado de sobra coñecido por todos e todas. Non se trata dun debuxo animado calquera, nooon!, aparece un debuxo animado “de chicas”: Hello Kitty. Este feito suscitou un shock nos nenos froito do estereotipados que xa están algúns.


Cada mañá, entre as rutinas da asemblea matinal, o súper-encargado abre a portiña do día correspondente e come a chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada caso... mmm, están deliciosas!















Esta rutina, un curso máis, proporciona distintas situacións de ensinanza-aprendizaxe que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar..., e en todo caso identificar o número do día no que nos atopamos, propicia conversas sempre interesantes sobre esta data tan especial: o Nadal.
Do mesmo xeito, e para dar a benvida ao Nadal como verdadeiramente se merece, dende esta mesma semana o noso Papá Noel preside unha das fiestras da clase... todo un clásico que xa botabamos de menos!


Ah!, e o cole comezou a vestir as súas mellores galas de Nadal, un feito que advertimos o venres no momento en que acudimos á biblioteca do centro para levar a cabo a actividade do préstamo semanal.


Nesta ocasión, o prestamos resultou un tanto diferente, pois BRUNO, súper-encargado e contacontos ao tempo, deleitounos ás mil marabillas con Caillou duerme fuera de casa (Edit. Everest) gorro de Papá Noel incluído... calquera llo sacaba!


Familias, agardamos que estedes preparadas para vivir o Nadal con 4 ANOS B, pois as sorpresas non acaban máis que comezar... que nervos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ADIANTE VISITANTE!

viernes, 27 de noviembre de 2015

Hoxe tivemos no cole unha visita diferente, unha visita especial. Non se trataba dunha nova sesión de contacontos, nin tan sequera dos maiores do cole que viñan a contarnos algunha curiosidade que están a traballar nas súas aulas. Hoxe estivo no cole a Garda Civil…
O certo é que este feito non nos pillou de sorpresa, en tanto que no momento de agardar a entrada, de sobra vimos o despregue de motos, coches, furgonetas… e ata un camión cunha hélice coma a dos helicópteros… alucinante!
Así pois, e tras desenvolver o ritual da asamblea como vén sendo decote no inicio da nosa xornada, puxemos o abrigo e diríximonos ás diferentes estacións dispostas nas instalacións do centro para aprender algunha curiosidade sobre a Garda Civil.


Sabiades que a Garda Civil en ocasións conta coa axuda dun can que pescuda a través do seu olfacto?... Alí mesmo estaba!... Vímolo un chisco nervioso, lóxico se temos en conta a morea de nenos e nenas que estaban ao seu redor… meu pobre!
Como non podía ser doutro xeito, unha vez máis subimos ás motos, fixemos soar o claxon, falamos pola megafonía… un clásico no noso centro!


Agora ben, indubidablemente o que supuxo gran expectación foi o camión que na súa parte superior contaba cunha hélice. Trátase dun camión que serve para vixiar a distancias incalculables percibindo con exhaustividade o detalle máis insignificante… así non se escapa nada!


Asemade, xa no hall principal do centro, fixémonos socios da Garda Civil. Para isto, estampamos a nosa huella dactilar de cor negra con sumo coidado sen saírnos do recadro establecido para o efecto. Para iso, contabamos cun membro da Garda Civil que tiña… uns guantes de científico!


Grazas a esta visita, observamos, identificamos e valoramos oficios e profesións próximas ao noso contorno inmediato. Ao tempo, con este tipo de actividades, inicíamonos no desenvolvemento de valores tales como o respecto, a xustiza, a solidariedade, a tolerancia… tan necesarios na sociedade actual na que vivimos.
Canto aprendemos!... E para deixar constancia desta visita realizamos cadanseu debuxo da experiencia no que cada un expresou aquilo que máis lle gustou.


E mentres tanto, case con máis dunha semana de adianto, xuntos comezamos a ilusionarnos co ambiente típico do Nadal. Para isto,… que mellor maneira que mirar e remirar unha e outra os catálogos de xoguetes dispostos no rincón de biblioteca?...


Este será un Nadal que traerá a nenos, e non tan nenos, máis dunha sorpresa a partir das actividades que comezaremos a desenvolver a partir da vindeira semana na que o Nadal entrará de cheo na nosa aula.
Un saúdo e non esquezades que… o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

A CASA DA ILLA.

viernes, 20 de noviembre de 2015


“Moli observa atentamente o seu mapa para decidir onde viaxará. Pecha os ollos e deixa caer o seu dedo sobre o papel...”


Deste xeito, da man de MOLI, comezamos o noso periplo polos lugares máis dispares do mundo. Para comezar, descubrimos dúas illas grandes e varias illas pequenas con moitas montañas e lagos: chegamos nada máis e nada menos que a Nova Celandia!
Así pois, e servíndonos como elemento de motivación do conto: A familia de Tumu, achegámonos á cultura maorí, descubrindo e identificando algunhas das súas características, elementos e formas de vida cotiá.


Do mesmo xeito, mergullámonos no traballo de contidos vencellados ao contorno inmediato: a familia, discriminando e respectando diferentes tipos de familias diferentes á propia, e a casa, recoñecendo e valorando dependencias e obxectos presentes.


Sabiades que algunhas montañas de NOVA CELANDIA teñen neve todo o ano?...
Nova Celandia está rodeada de mar e lonxe, moooi lonxe doutras rexións. Por iso algunhas especies de animais e plantas soamente existen alí: o kowhai, o Golfiño Héctor, o kiwi ou os tuataras son unha mostra da flora e fauna máis representativa deste lugar.
Neste senso, destacar o POHUTUKAWA, a árbore máis grande do país. Esta árbore está en perigo de extinción e, por esta razón, é unha especie protexida.


O pobo que habita en Nova Celandia chámase MAORÍ, que significa “normal” en lingua maorí.


Os maorís chegaron a Nova Celandia en CANOAS desde outras illas e saúdanse xuntando a fronte e o nariz.
O seu lugar de reunión era a MARAE, espazo no que celebran cerimonias e desenvolven diversas actividades culturais.
O TAANIKO -roupa tradicional maorí-  tecido unicamente coas mans ou a arte da tatuaxe corporal, son unha mostra das súas producións artísticas.


O KAPA HAKA é unha danza tradicional maorí que bailan cando queren dar a benvida. É un signo de hospitalidade.


Recén aterrados de Nova Celandia, esta mesma semana partimos cara o Polo Norte... que frío!
Ben abrigados, de paseo con MOLI por terras xeadas, descubriremos que para que o noso corpo funcione necesitamos ademais de alimentarnos axeitadamente, establecer certos hábitos de coidado corporal referidos á actividade física, á elección de roupa adecuada segundo a climatoloxía, á necesidade de abrigarse...etc
Coas mans case conxeladas, identificaremos as partes ou elementos característicos dun boneco de neve, a vivenda típica dos esquimós, pasearemos en zorra con MOLI e NAVUK, degustaremos unha sopa quentiña... ao tempo que as nosas casas e rúas prepáranse para celebrar o Nadal... preparados?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CARACOL, CARACOLEIRO...

viernes, 13 de noviembre de 2015

Hoxe celebramos o magosto, unha actividade que serviu para pechar as experiencias suscitadas e recreadas a partir da chegada do outono e que nos serviron como medio para constatar algúns cambios e características que se producen no contorno cotiá e na vida das persoas.
Así pois, nas asembleas destes días, incorporamos como rutina da aula a observación e identificación de elementos representativos do outono a partir das manualidades aportadas polas nosas familias: castañas, noces, landras, améndoas... e sobre todos follas, moitas moitas follas do outono que recreaban dende personaxes fantásticos e do máis curiosos, ata bosques animados. Quedou unha exposición estupenda!... mil millóns de grazas, familias!...



Tamén desenvolvimos unha manchea de actividades impresas nas que tachamos, recortamos, pegamos gomets, pintamos... amodiño, ao xeito, sen présas!... uf, que difícil, sempre queremos ser os primeiros!...

Xa hoxe no magosto, o tempo prestouse para pasar unha mañá do máis divertida, participando activamente nas estacións preparadas en cada caso: pasea a castaña, tragacastañas, caracol, carreiras de sacos... e ata un magosto de cores no que emparellamos castañas de cores!



















Esta mañá de xogos serviunos para seguir aprendendo a respectar as normas de cada xogo, ser pacientes agardando a quenda, iniciarnos no traballo cooperativo, non competitivo... excelente traballo! o profe quedou contentísimo co ben que nos portamos... somos os mellores!


Tamén durante esta xornada, reservamos un tempo na aula para desenvolver a actividade do préstamo semanal, onde NAIRA exerceu de contacontos coa lectura de Caillou envía una carta (Edit. Everest).


Logo de todas estas actividades, aínda faltaba o mellor, degustar as castañas que durante a mañá un grupo de mestres asaron no pabillón dos maiores. 


Para isto, durante esta semana creamos cadanseu cestiño para as castañas, reatopándonos cunha vella coñecida: a castaña Catarina!
Con pincel pintamos, a elexir de cor marrón ou amarelo, un prato...


Logo fixemos pegadas cos dedos de cor marrón ou amarelo dependendo do fondo escollido previamente para o prato.


Finalmente, coloreamos e pegamos a castaña Catarina e... cestiño listo!


Este curso, ademais, coñecimos un novo personaxe. Tratábase dun pallaso, si, si... tamén hai castañas pallaso! Así pois, e cando aínda estabamos asimilando todo o vivido durante o Halloween-Samaín, rapidamente o noso corcho do corredor encheuse de castañas e máis castañas que, xa o venres empregamos como identificativo de 4 ANOS na celebración do magosto.



E agora que toca?... Pois comezar con todos os preparativos do Nadal: calendario de adviento, carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, novas e visitas dende Oriente... sen lugar a dúbidas, queda o mellor de todo o curso!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!