Bienvenido

BIBLIOTECA NODAL.

viernes, 26 de abril de 2019


Esta semana, comezamos o 3º trimestre coa celebración establecida no calendario escolar da Semana do Libro 2019.
Esta conmemoración non pasou desapercibida na  nosa aula e realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador foron os contos.
Comezamos na asemblea matinal conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os clásicos de sempre como Caperucita Roja e Los 3 cerditos, ata os máis actuais como Peppa Pig e Frozen.
 

Do mesmo xeito, o martes, elaboramos un marcapáxinas de MUNELA para empregar acotío na casa. Coloreamos cara, pelo e cornos, amodo, sen saírnos do contorno e sen deixar ocos, prestando atención ás cores correspondentes de cada parte. Xa por último, pegamos o ollo na parte central e... marcapáxinas listo!...


Ao tempo, con enerxías renovadas logo das vacacións, o mércores visitamos a Biblioteca Pública sita preto ao cole, participando activamente nas actividades propostas.


Comezamos lembrando algunhas normas básicas de urbanidade para evitar o caos do pasarrúas do Arde Lvcvs MMXVIII: agarrados da nosa parella, non andar moi rápido nin moi despacio, non baixar da beirarrúa...




Xa na biblioteca, tivemos unha sesión de contacontos cuxos protagonistas foron unhas galiñas e... un lobo!... xusto o personaxe que precisabamos para non perder detalle... fantástico!


Deseguido, da man da bibliotecaria, tomando como eixo motivador a historia dun pirata e do cofre do tesouro que deixou para nós, descubrimos que na biblioteca ademais de libros, hai vídeos, CD, discos, películas...


Tamén que os libros poden ser grandes ou pequenos, grosos ou delgados, con debuxos ou sen debuxos, con letras ou sen elas, de distintas formas...
Neste senso, os libros están ordenados por materias. Nun lado están os libros de contos, noutro os dicionarios e as enciclopedias, noutro os libros de viaxes... e para atopar un libro só temos que buscar axuda na bibliotecaria ou bibliotecario.


Abraiados e sen perder detalle estivemos o tempo que durou a motivación do pirata no que ao tempo, se nos foron presentando algunhas normas de uso da biblioteca: débese estar en silencio ou falar baixiño para non incomodar a outras persoas, coidar os libros como se fosen teus, despois de usar un libro volvelo poñer no lugar onde estaba, devolver os libros e demais materiais nas datas establecidas... canto aprendemos!


Como actividade de peche, que mellor que un tempo de manipulación libre na sala de lectura cunha morea de contos dispostos para tal efecto. Uf!... había libros de aventuras, de maxia, de inventos, de animais, de bruxas, cómics... había libros para todos os gustos!





Os días posteriores, e dado o cúmulo de experiencias vividas, nas asembleas matinais comentamos que foi o que máis nos gustou da saída. Neste senso, axiña coidamos que nos gustaría facer o carné da biblioteca para poder levar para a casa, alomenos, o DVD de Harry Potter e/ou Mary Poppins, deixando unha testemuña da experiencia nuns debuxos aos que cada vez lles faltan menos detalles... parabéns!


Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

E PARA REMATAR...

viernes, 5 de abril de 2019


Siii, tras a conta atrás no calendario, o pasado venres 29 de marzo rematamos o 2º trimestre de maneira anticipada; e que mellor que organizar e lembrar os materiais de MUNELA realizados durante todo este tempo.
Así pois, comezamos a xornada con enerxía, restaba traballo dabondo e a primeirísima hora da mañá, na asemblea, repasamos algunhas das actividades desenvoltas neste trimestre: repasamos, rodeamos e tachamos, debuxamos e coloreamos, escribimos, recortamos, picamos e pegamos...
Neste senso, axiña nos decatamos que parte das aprendizaxes e coñecementos estiveron desenvoltos e canalizados grazas a MUNELA, BERTA e PABLO... canto aprendemos!


En primeiro lugar, a partir do conto nº3: Munela, un monstruo de lo más normal, mergullámonos no mundo da literatura, identificando os valores que transmiten os contos e os usos e funcións da biblioteca escolar e de aula; algo que axiña se rediversificará coa saída didáctica programada para a volta de vacacións á Biblioteca Pública Provincial... que sorpresa!


Asemade, este centro de interese facilitou o descubrimento, identificación, valoración e respecto de emocións e sentimentos propios e alleos a partir dos nosos personaxes de ficción favoritos: Carapuchiña Vermella, o lobo feroz, a ratiña fachendosa, a sereíña...
Por outra banda, a partir do conto nº4: Una peli para Munela, achegámonos ao mundo do cine, teatro e televisión, coñecendo algúns dos seus elementos máis representativos: profesións, accesorios relacionados, espazos para o lecer, normas de uso...
Nesta ocasión, a historia na que descubrimos que a MUNELA o que verdadeiramente lle gustan son as pelis de piratas, permitiunos realizar diferentes inversións nas que nin os malos son tan malos nin os bos tampouco. Que pasaría si Blancanieves fose a traballar onda os enanitos?... E se o Príncipe Azul non quixera casar con Blancanieves?... uf!, unha tolería de historias nas que a nosa imaxinación non concibía tanto disparate... que lío!
O pasado venres, polo tanto, tratouse dun día especial, dun día diferente. Por iso, aos poucos, distribuíronse os libros enriba das carpetas, ao tempo que aproveitabamos para ollar as fichas de cada caderno de actividades... que contentos e ilusionados estabamos!


Pero aquí non rematou todo, xa que tamén aproveitamos para organizar nas carpetas individuais todas as fichas de elaboración propia realizadas, de moitas delas xa nin nos acordabamos: San Froilán, Halloween-Samaín, outono, a Paz, o inverno... para iso debiamos estar atentos de como meter a ficha na carpeta sen que se arrugase: paciencia, amodo, sen présa...


Agora xa, comezaremos o caderno de actividades nº5, onde descubriremos que MUNELA non é unha lechuga... isto promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!