Bienvenido

CURSO 2019-2020: COMEZAMOS!

viernes, 13 de septiembre de 2019

Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses, parece que foi onte cando rematabamos 4 anos... como pasa o tempo!
Así pois, a volta ao cole estase convertendo nunha experiencia chea de sorpresas.
Neste senso, de sobra sabiamos que este curso ademais de mudar de aula, tamén mudariamos de andar, pasando do semisoto á entreplanta onda a outra aula de 5 anos.


Ao tempo, atopar a porta da nosa aula resultou ben doado, non por atoparse como en cursos anteriores a mascota de nivel como elemento identificativo, senón pola nosa fotografía de grupo... estupendo!


Xa na aula, axiña sacamos a prenda de abrigo para colgala no percheiro. Este curso, o noso nome e fotografía non están na mesma orde que o curso pasado... moita atención!


Quedamos abraiados coa disposición das mesas, co panel das rutinas, coa variedade de xogos, xoguetes e pezas desta aula... diversión garantizada!
Máis tranquilos, cadaquén sentou, alomenos de momento, onde prefería e, casualmente as parellas de “mellores amigos” non dubidaron en sentarse onda o seu “mellor amigo ou amiga”... estabamos encantados!


Por outra banda, e para dar inaugurado oficialmente o curso como ben merece, lembramos de xeito xeral a nosa asemblea. 


Como é habitual, a orde alfabética establece que PABLO A. se converta no primeiro súper-encargado do curso, lembrando parte das rutinas establecidas ata o momento. Xa logo, foi a quenda de MARIO...


O que non sabiamos é que na asemblea de 5 anos haberá novas rutinas que probarán as nosas aprendizaxes para lembrar, reforzar e/ou consolidar conceptos tratados o curso pasado: cálculo aritmético de sumas e restas, ditado de letras, lectura individual e/ou grupal, iniciación á escrita en minúscula a partir do propio nome... e todo en encerado de rotulador... fantástico!
Estes días de volta á escola están sendo diferentes, son días de sorpresas, de festa e diversión, días de reencontros e lembranzas que, a modo de avaliación inicial, nos serven para determinar os coñecementos previos de cara ao inicio da primeira unidade didáctica coa que coñeceremos máis detalladamente a MUNÍBAL, a mascota de 5 anos.


Este curso preséntasenos de novo un gran reto: desenvolver a tarefa cotiá todo o mellor que sabemos e traballar en silencio... acadarémolo?
Non sabemos como se desenvolverá o resto do curso, pero alomenos de momento estamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, xa estamos na clase de 5 anos e... este curso promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

É TEMPO DE VERÁN!...

lunes, 1 de julio de 2019


Tras unha andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, chega o final do curso co inicio do verán... é tempo de VERÁN!
O verán é un período vacacional, e resulta importante gozar del como tal; nembargantes, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante, sempre que sexa posible, realizar tarefas que sirvan de medio para consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso. Non se trata de facer fichas como as da escola, senón de non perder o hábito e a actitude de traballo.
Dende un enfoque lúdico, poderemos desenvolver distintas actividades, non como unha obriga, senón como unha rutina que levamos a cabo día a día durante as nosas tan merecidas vacacións.
Neste senso, resulta importante destacar respeto á lecto-escritura, que un lector non nace, faise, para iso, as familias debedes transmitirnos o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Destacar o importante que resulta que non nos iniciedes no proceso lector, xa que moitas veces, inconscientemente, xerádesnos frustracións e angustias innecesarias cara unha aprendizaxe custosa á que lle prestaremos especial atención o vindeiro curso, paciencia...
Entre outras das posibles actividades que podemos levar a cabo durante estas vacacións, primando sempre o periodo vacacional e de descanso, estarían:
  • identificación e trazado de grafemas. Non nos poñades letras para copiar,... iso está chupao! agora xa somos maiores e deberiamos saber trazar as letras seguindo o ditado de grafemas... facemos a proba?
  • recoñecemento, e moi especialmente trazado de números significativos, a algún todavía se nos resiste a identificación e grafía dalgúns números... coa vosa axuda o lograremos!,
  • seguir traballando as cores, os trazos e as formas planas, aprendendo a identificalas en elementos do contorno cotiá,
  • tampouco deberemos esquecernos da expresión plástica, así que deixade que nos expresemos artisticamente e de xeito libre,... sen modelos! Non esquezades que é máis importante o proceso que o produto, xa que este dependerá do noso grao madurativo e da nosa particular visión do mundo.
Todo isto, por suposto, sen esquecer de gozar as tan merecidas vacacións que acabamos de comezar, aproveitando estes meses para recargar as pilas para todos os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro...

OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS A,
DESÉXANVOS UNHAS MOI FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!!


ARDE LVCVS MMXIX.

viernes, 14 de junio de 2019

Ilusionados, antes de pechar o curso, reservamos uns días para traballar unha das celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs MMXIX xa está aquí!
O Arde Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano.
Así pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 14 ao 16 de xuño un completo programa de actividades.
Neste senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.), revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que vestimentas!
Falamos de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos, caracterizamos... é outro nivel!
Axiña, recreamos a vestimenta que luciriamos no pasarrúas do venres nun folio no que aparecía en números romanos o ano actual: MMXIX... que doado!


Neste senso, un curso máis o que nos resultou especialmente interesante foi o relacionado co combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo aquilo que poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros, lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Para rematar, e como colofón final ao traballo desenvolto, hoxe venres participamos activamente no  pasarrúas organizado ata a Praza de España que inaugura oficialmente o Arde Lvcvs MMXIX.
Con e sen capa, armadura, bolso, coroa de flores... menuda tropa romana e tribo castrexa!



Agarrados da parella establecida, cadaquén gozou do pasarrúas á súa maneira. Ilusionados, percorremos parte da Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre, Praza de España... canta xente!... cantas fotos!... respirábase ambiente de festa!...


Este curso si que fomos ao xeito, sen carreiras nin sobresaltos inesperados... fantástico!
Agora xa, esta fin de semana queda gozar do pasado de Lvcvs Avgvsti máis vivo ca nunca... que non se apague o lume!... que viva o Arde Lvcvs!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!