Bienvenido

"SAL, SOL SOL SOLITO..."

viernes, 30 de marzo de 2012

E por fin, por fin chegaron as tan merecidísimas vacacións de Semana Santa, pero para pechar este trimestre de traballo e superacións cotiás como se merece, estes derradeiros días adicámonos a coller un pouquiño máis de seguridade no desenvolvemento da nosa expresión plástica, convertíndonos en pequenos-grandes artistas…
O certo é que apenas queda nada daqueles garabatos e trazos sin sentido que realizabamos durante o primeiro trimestre cando o profe nos daba un folio en branco e nos pedía que debuxaramos o que quixeramos.
Un folio en branco?... Uf, que medo! E que eu non sei debuxar!!
Afortunadamente, estes temores iniciais cara a expresión plástica, pouco a pouco van desaparecendo, e os garabatos descontrolados e trazos sin sentido do primeiro trimestre están dando paso ás nosas primeiras producións elaboradas. Siii, xa o sabemos, ás veces o resultado non semella en absoluto o que queremos expresar, pero cunha tonelada e media de imaxinación, os maiores poderedes contemplar esa nave espacial, ese helicóptero ou ese lobo que nos debuxamos, así que paciencia…
Así pois, quen máis e quen menos xa é capaz de lograr un esbozo completo e cada vez máis coidado do esquema corporal: cabeza con ollos, nariz, boca, orellas e pelo, tamén o pescozo, tronco e extremidades; e todo isto empregando para cada elemento unha cor diferente, uns resultados sensacionais!
Ademais, estamos comezando a completar os nosos debuxos con outros elementos que contribúen a dar unha visión de conxunto estupenda das nosas producións plásticas: soles, nubes, arcos da vella, herba, flores… non lles falta detalle!
Así, esta semana, e tendo en conta o tempo tan soleado que estamos tendo durante estes días, coñecimos, dramatizamos e mimamos unha nova canción vencellada co Sol, realizando unha actividade impresa na que aparecía o estribillo da devandita canción e na que tiñamos que debuxar soles. Hai soles para todos os gustos: amarelos, laranxas, con raios vermellos, de punta… pero soles, ao fin e ao cabo… sensacionais!



Por outra banda, un día no que o profe reservou un anaco da xornada para o debuxo libre, un dos nosos compañeiros máis enxeñosos, fixo un debuxo diferente, un debuxo no que se vía claramente o que debuxara… nada máis e nada menos que debuxara a súa casa!
Esta situación, propiciou unha conversa espontánea na que descubrimos que algúns vivimos en casas, que outros vivimos en pisos e que outros vivimos en casas e, “ás veces, en pisos”.
Así, e dada a expectación suscitada polo súper-debuxo do noso compañeiro, outro día, o profe pideunos que debuxaramos onde vivimos. Os resultados revelaron que, si ben é certo, aínda non temos moi clara a diferencia entre casa e piso -algo normal da nosa idade-, en cambio os debuxos, os debuxos…, bueno, mellor xulgade vos mesmos…


E agora?... Pois a disfrutar destes días de vacacións que ben merecidas as temos…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"PABLITO TENÍA UN LIBRITO..."

viernes, 23 de marzo de 2012

Como pasa o tempo… so faltan 5 días para rematar o 2º trimestre, son días de consolidación e afianzamento de habilidades, destrezas, técnicas e capacidades desenvoltas durante este trimestre de traballo, moooito traballo. Un traballo sempre mesturado con actividade lúdica, como foi esta semana a visita de dous dos actores da compañía de teatro "Airiños" que nos realizaron unha breve representación teatral, ou a conmemoración do Día Internacional da Poesía o mércores 21... non paramos!
Progresivamente, imos mellorando no que a hábitos de comportamento se refire, e aínda que nos falta un pouquiño, cada día estamos máis tranquilos e adaptamos o noso comportamento a cada momento da xornada escolar,… é que hai tempo para todo: para falar, para traballar, para correr, para bailar… pero cada cousa ao seu tempo.
O certo é que este trimestre, froito do noso traballo cotiá, os avances no ámbito da lecto-escritura son evidentes.
Así, no 1º trimestre traballamos de xeito sistemático as 5 vogais: compuxemos palabras que empezaran por cada unha, buscamos cada vogal no nome propio e no dos compañeiros, nos días da semana, en textos e palabras significativas do centro de interese que estabamos a traballar… ata nos convertemos en letras bailando e cantando unha das nosas cancións preferidas!
Xa neste 2º trimestre, seguimos consolidando as vogais, si, na súa identificación non temos problemas, pero no seu correcto trazado a cousa é ben diferente… É que andamos ás carreiras e sempre temos moita présa, e as letras hainas que facer amodiño, ao xeitiño.
Asemade, coñecimos 5 novas consoantes -as máis faciliñas-, e para que non nos resultase moi complicada a súa identificación, asociamos cada unha co nome propio dun compañeiro ou compañeira de clase. Así temos o “M” de MENCÍA, o “P” de PAPELOTE, o “L” de LOIS, LUIS, LEO e LUCÍA, o “S” de SERGIO e o “T” de TANIA. Nembargantes, axiña descubrimos no noso nome que moitos de nós tamén temos algunha destas letras… mega-divertidísimo!
Sabedes que somos nós os encargados de repartir os libros de traballo de Papelote e as actividades impresas que realizamos cada día?... Pois si, e non vexades os problemas que hai cada mañá por ser o encargado de repartir o traballo cotiá.
Esta semana, o profe trouxo preparadas as iniciais dos nosos nomes, pero non se trataba dunhas letras calquera, nin moito menos, tratábase dunhas letras especiais, diferentes… as letras tiñan as nosas caras!
Cada día, na asemblea matinal, repasamos cada lámina, coñecendo desta maneira novas letras…



E para que?... Pois para ir formando e escribindo as nosas primeiras palabras cando somos súper-encargados, tales como “MAMÁ”, “PAPÁ”, “OSO”…, palabras que se unirán ás nosas primeiras frases para o vindeiro curso, e frases que descubriremos que viven nos nosos contos favoritos, pero iso o deixamos para cando teñamos 5 anos. Estamos comezando un longo e laborioso camiño, así que paciencia, moooita paciencia.
Repasar seguindo a direccionalidade correcta a letra pola que comeza o noso nome está chupado, por iso, esta semana, o profe pidéunos que repasaramos outras letras, para deste xeito familiarizarnos co seu trazo, e asociando a grafía do nome a cada neno e nena.


Pero sen lugar a dúbidas, o “Libro dos Nomes”, foi toda unha sensación. Había dous xogos de letras inicias, pero… iguais?... Nooon, parecidas, xa que nunhas láminas aparecía o nome de cada un de nós, e noutra non, logo… onde estarían os nosos nomes?...





A dinámica consistía en ir pegando as tarxetas de cada nome na súa lámina correspondente. Para iso, debiamos fixarnos na inicial do nome e na fotografía. Queríamos xogar unha e outra “partida”, foi xenial!



















Agora, unha vez entendida a finalidade das láminas nas que non aparecían os nosos nomes, estas adoptarán formato libro pasando a formar parte do recanto da biblioteca, para que disfrutemos tantas veces como desexemos con este libro que nos axudará a soltarnos para o vindeiro trimestre a escribir o nome dos nosos amiguiños e amiguiñas… podédelo crer?

Xa na derradeira semana de trimestre, aproveitaremos para pechar aquelas actividades que temos pendentes. Agardamos que o xoves, cando por fin levemos os nosos traballiños trimestrais para as nosas casas, quededes: sen-pa-la-bras.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

EXTRAAA, EXTRAAA!!!...

viernes, 16 de marzo de 2012

Sabedes que esta semana foi a Semana da Prensa?... Pois si, e no noso cole esta actividade conmemorativa recollida no calendario escolar non pasou desapercibida e organizáronse distintas actividades nas que descubrimos aspectos vencellados con este medio de comunicación social.
Así pois, para a próxima semana, no cole publicarase un número do xornal “Voces Rianxeiras”… non, tranquilos, “Ondiñas veñen”, a revista que cada curso elaboramos entre todos os nenos e nenas do cole non desapareceu, nin moito menos, pero este curso decidiuse rescatar o xornal do cole que, tras anos sen publicarse, para a vindeira semana sairá unha nova edición. Tendo en conta todas as clases do cole, decidiuse organizar o traballo por seccións: deportes, cultura, sociedade, pasatempos… No noso caso tocounos a sección do tempo, unha sección na que quen máis e quen menos xa é un pequeno-gran experto, pois cada mañá, dentro das rutinas da asemblea que leva a cabo o súper-encargado, está a constatación do tempo atmosférico na que debe decidir o casco que lle pon ao coelliño espacial atendendo ao pictograma correspondente de sol, sol con nubes, nubes ou choiva, segundo o día que vaia.

Xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, convertímonos en nenos e nenas do tempo, así que estade moi atentos…


Asemade, o xoves achegámonos un pouquiño ao traballo das persoas que cada día elaboran os xornais e fan posible que dende primeiriña hora da mañá os maiores poidan coñecer as novas do día a día, e todo isto da man dunha anfitriona insuperable… unha xornalista!
Previamente, na asemblea conversamos acerca do traballo dos xornalistas, xa que non estabamos moi postos co tema, nembargantes, entre todos e todas chegamos a interesantes conclusións acerca desta profesión.
Xa na biblioteca, a xornalista convidada polo centro explicounos algunhas das seccións dun xornal, tamén onde escriben as novas, como fan para que os xornais estén na rúa a primeira hora da mañá…




















Ademais disto, como xornalista que é, tamén nos fixo a nós preguntas acerca das novas que máis nos impactaron ou chamaron á atención. Sen lugar a dúbidas, as novas que tratan o tema dos dinosaurios e dos volcáns son as que máis nos interesan. Si, de maiores queremos ser xornalistas! Pero… canto hai que ler, non?


Agora, a vindeira semana, despexaremos unha dúbida, xa que… cal é a nova rutina que a partir do luns incorporaremos á asemblea matinal? Seguide moi atentos ao noso blog que axiña vos daremos boa conta dela…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

BON VOYAGE CARLA S.!!!

viernes, 9 de marzo de 2012

Coa enerxía propia dun luns e coas pilas ben cargadas logo de disfrutar da fin de semana, comezabamos a semana coas rutinas de entrada que vimos levando a cabo dende o inicio do curso: posta e abotoado do mandilón, asemblea coa elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico e actividades de lecto-escritura e de lóxica matemática. Todo isto sen esquecernos por suposto, de reservar un tempo para contarlle ao resto de compañeiros e compañeiras e ao profe do que fixeramos durante a fin de semana… hoxe é luns!
O que non sabiamos é que o profe tiña unha nova que darnos, e non unha boa nova precisamente… Carla S. marchaba para outro cole!
Nun primeiro momento non nos decatamos da importancia da nova, xa que pensamos que pasados uns días a mamá de Carla S. a voltaría traer de novo ao cole, pero nin moito menos. Carla S., explicounos que marchaba para un cole que estaba moi moooi lonxe, tan lonxe que non iría en coche nin en autobús… iría en avión! Carla S. marchaba para un cole de París.
Xuntos pasamos o noso primeiro trimestre no cole dos maiores disfrutando do magosto, do Halloween, do Nadal, e tamén gran parte do 2º trimestre aprendendo xogando e xogando aprendendo.



Estamos seguros de que no teu novo cole axiña farás novos amigos e amigas, sen esquecerte nunca, de que aquí en Rianxo, deixas a 17 nenos e nenas que sempre se lembrarán de ti cun especial cariño.
Deste xeito, para que Carla S. nunca se esqueza de nós, lle preparamos un libro no que fixemos un debuxo de Carla S.: ollos, nariz, boca, orellas, pelo, pescozo, tronco e extremidades, e por suposto, as pestañas e o lazo na cabeza non podía faltar… toda unha princesa, guapísima!


Aquí, antes da despedida final, varios candidatos a acompañala na súa viaxe a París, segundo dicían: “a súa nai lles deixaba ir”… que inocentes!
Como dato anecdótico, o venres faltou Daniela, a nosa Daniela, e claro, xa nos puxemos no peor dos casos posibles… Daniela foise para París con Carla S.?, xa non vai volver?... Caras de estupor e as bágoas do seu “amiguiño do alma”… que nooon, que o luns temos a Daniela de novo connosco!

Como xa sabedes no noso cole non se para nin un minuto, e o xoves 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller Traballadora, ou “traballeira”, como dicimos algúns de nós.
Este día foi recoñecido pola “Organización de las Naciones Unidas" (ONU) e conmemórase a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa.
Todo isto, viuse reflectido na asemblea matinal, na que entre todos chegamos á conclusión de que as nosas mamás son SÚPER: súper-boas, súper-agarimosas, súper-alegres e... súper-traballadoras!!!
Logo de co profe nos explicase porque se celebraba este Día e que era o que se pretendía conmemorar, quen máis e quen menos fixo a súa aportación na asemblea falando acerca do traballo que día a día desenvolve a súa tía, madriña, avoa, pero, sobre todo, a súa nai.
Había ocupacións de todos os tipos e sectores: avoas que fan camisas e pantalóns, “mamás que traballan en cafeterías, mamás que son panadeiras...
Outros nenos e nenas en cambio, apuntaron cas súas nais non traballaban en nada... en nada? Bueno, o que intentaban dicir era que non realizaban ningún traballo remunerado fora do fogar, pois o feito de que queden na casa non implica, nin moito menos, que non fagan nada.
Este ano, o acto conmemorativo organizado no cole adicóuselle a Rosalía de Castro por ser o 175 aniversario do seu nacemento e para iso aprendemos un extracto da poesía “Adiós ríos, adiós fontes”.



Xa na biblioteca do cole, xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos A, lembramos algunhas das ideas traballadas na clase acerca do día que se conmemoraba hoxe, en que traballaban as nosas mamás, avoas, madriñas... e coñecimos algúns datos acerca da vida de Rosalía de Castro, e aquí o anecdótico do evento...
Resulta que na proxección seleccionada na que se musicaba o poema que recitaramos, saian imaxes do panteón no que fican os restos de Rosalía de Castro, así como estatuas e monumentos adicados a esta ilustre escritora galega, as conversas cruzadas non tardaron en aparecer:
- Rosalía de Castro non está viva?
- Pois non, fai uns cantos anos que morreu.
- Que home a matou?...
- Non, non a matou ningún home, morreu porque estaba enfermiña.
- Enfermiña?... A miña avoa tamén está enfermiña!
- Si, e o meu avó tamén está enfermiño...
- Profe, eu quero ver os ósos de Rosalía de Castro. Onde están?
- Están en Santiago de Compostela, pero iso non se pode facer.
- E por que?
- Pois porque están metidos nunha caixa que resulta imposible de abrir.
Moi atentos ao noso blog, xa que si nos portamos como lle gusta ao profe, axiña teredes novas das sorpresas que nos agardan ao longo destas semanas antes das vacacións de Semana Santa...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN TÓTEM PARA PITUCA!

sábado, 3 de marzo de 2012

Como xa vos contamos, ao longo destas semanas megullámonos no apaixoante modo de vida dos indios, aprendendo algunhas nocións básicas de xeografía e historia: vocabulario, paisaxes, vivendas, pezas de roupa, obxectos, costumes, alimentación... desenvolvendo actitudes de respecto e valoración cara a outras culturas e cara a outros pobos.
Esta semana, pechamos o centro de interese con varias actividades nas que concentramos todas as aprendizaxes acadadas durante este tempo.
Así pois, como actividade final, solicitamos a colaboración das familias para decorar un indio, pero non se trataba dun indio calquera, non, tratábase dun indio moi particular, xa que tiña as nosas caras.
Nunha das asembleas matinais, o profe explicounos todos os materiais e técnicas da linguaxe plástica que podiamos empregar (ceras, témperas, plastilina, purpurina, lá, material de refugallo, distintos tipos de papel...), facendo especial fincapé en que os encargados de decorar o indio na casa debiamos ser nos, iso quedounos a todos clariño... que simpático estaba o profe de indio!, non se saeu nadiña por fora!
Foi moi grato comprobar como día a día os nosos traballiños ían chegando á escola. Rapidamente e moi contentos, sen apenas poñer o mandilón, quitabamos a nosa obra de arte da carpeta para ensinarlla ao profe... quedaron realmente sensacionais! Mil millóns de grazas familias, sen a vosa participación esta actividade non sería posible. Como?, os resultados?... velaí os tedes...

Pero aquí non quedou todo, non, faltaba levar a cabo a actividade final de grupo-clase, fixemos nada máis e nada menos que... un tótem!
No desenvolvemento do proxecto, apredimos que os indios facían unhas esculturas de madeira de moitas cores que se chaman tótems, así que entre todos e todas, cada día fomos decorando o noso tótem empregando de novo distintos materiais e técnicas da linguaxe plástica.

Uns pegamos papeliños de cores, outros pintamos con témpera ao xeito sen saírnos do contorno delimitado, -isto si que foi complicado-, tamén modelamos bolas de plastilina de cor negra para os ollos e botámoslle purpurina prateada, pegamos gomets de cor vermella e forma cuadrangular...
















E por fin, o venres cando entramos na clase descubrimos o noso tótem montado, era alto, moooi alto... pero xa estaba listo?...
Nooon, faltaba pegarlles as plumas de cores que pintaramos o día anterior. Así, un a un, fomos pegando as plumas arredor do noso tótem semellando a plumaxe do paxaro.






Ademais de todo isto, o venres, xunto a Papelote, convertímonos en indios coas cintas que decoraramos días atrás e pintando a cara como indios de verdade... foi súper-divertido!








Pituca, “imagina que es posible y lo será”, acaso despois de ver o noso tótem aínda o dubidas?...Sabes que?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios