Bienvenido

UN CASTELO... "DIVINO DE LA MUERTE"!

miércoles, 31 de octubre de 2012

E por fin, por fin chegou o gran día e hoxe celebramos no cole a festa do Halloween-Samaín, foi o colofón a uns días terroríficamente divertidos cheos de cabazas, bruxas e moooitas historias de medo.
Así, durante a semana pasada, moi pero que moi entusiasmados, traballamos arreo en diversas actividades impresas que nos serviron para redescubrir e identificar algúns dos aspectos máis representativos desta data. Coñecimos os elementos que caracterizan a unha bruxa (sombreiro-vasoira-gato), realizamos seriacións de pantasmas de cores, escribimos o nome daquelas personaxes fantásticas que máis nos asustan, e ata fixemos os nosos propios debuxos; uns debuxos libres, sen modelo, xa que non somos nenos e nenas de 3 anos… quedaron estupendérrimos e máis dun profe quedou sen palabras!




Pero sen lugar a dúbidas, unha das actividades máis terrorificamente divertida, foi a recreación, un curso máis, do noso castelo encantado. Se lembrades, o curso pasado, entre todos e todas pintaramos un castelo que, máis tarde se enchería de pantasmas de sobra coñecidas por todos e todas, non si?... Pois ben, este curso, lonxe de encherse unicamente de pantasmas, decidimos engadirlle novas personaxes, e que mellores personaxes que aquelas as que máis medo lles temos: vampiros, bruxas, esqueletes, morcegos e, por suposto, o gran descubrimento deste curso… Frankenstein!
UN CASTELO... "DIVINO DE LA MUERTE"!












Ademais de todo isto, dispuxéronse nas paredes dos corredores papel continuo de cor negra, un papel negro que axiña se comezou a encher de elementos representativos desta data que fomos recreando unha vez rematado o traballo obrigatorio marcado para ese día.



Simultaneamente a todas estas actividades, traballamos algúns dos contos que unicamente lemos nesta data; uns contos que escoitamos no máis dos absolutos silenzos unha e outra vez, así que non serían un mal agasallo para pedirlle a Papa Noel ou ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente.
Unha pantasma con asma. (Edit. Kalandraka)
Sonidos de Miedo. (Edit. SM)
El cumpleaños de Enrique. (Edit. Edelvives)














Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, unha vez máis dende o centro pediuse a colaboración das nosas familias para a elaboración das cabazas: dende bruxas, vampiros e pallasos, ata unha cabaza excavadora… mil millóns de grazas, familias!
Ao igual que o curso pasado, decidiuse expoñer as cabazas nas fiestras do cole, para no serán, acender as velas que levaban dentro e deste xeito o cole parecese que estaba encantado. Para iso, a mañá do martes, saimos ao aparcadoiro da parte dianteira e dispuxemos as nosas cabazas ao longo das nosas fiestras… quedaron xeniais!


Finalmente, hoxe celebramos o Halloween-Samaín e para iso, o mércores, despois do momento destinado ao patio, puxemos o disfraz e moi pero que moi nerviosos, agardamos a que os maiores, vestidos de seres monstruosos nos cantaran unha divertida canción. 
Este curso os máis pequerrechos do cole disfrazáranse de arañas, os máis maiores, os nenos e nenas de 5 anos de bruxos e bruxas e, nós… de cabazas!
TRUCO OU TRATO?...


Aínda que ao longo da semana o profe intentou concienciarnos para o que ía acontecer o mércores e de que varios de nós presumiamos de ser os máis valientes do cole, pasou o inevitable e a máis dun escapóuselle algunha que outra bágoa, pero é que os maiores traian unhas máscaras, buf… que meeedo!
Foron días nos que, mergullados no Halloween-Samaín, reforzamos e consolidamos algúns contidos de traballo que nos están custando especialmente, pero que vos parece si vos contamos que algún de nós xa le sen apenas titubeos os fonemas traballados ata o momento?... Seguide moi atentos ao noso blogue que axiña vos contaremos de que xeito realizamos diariamente as nosas primeiras lecturas.
Un saúdo escalofriante e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

WE LOVE PEPPA PIG!...

viernes, 26 de octubre de 2012

Esta semana tivo lugar a inauguración oficial da biblioteca do noso centro para este curso escolar e, como non podía ser doutro xeito, dende o “Equipo de Biblioteca” propuxéronse unha serie de dinámicas na que nos, unha vez mais, seriamos os protagonistas indiscutibles; comezaremos polo principio...
Lembrades cal fora o centro de interese do curso pasado?... Moi ben, si, o curso pasado mergullarámonos no mundo da arte descubrindo obras de artistas tales como Picasso, Leonardo DaVinci, Murillo... profundizando máis de cheo nas obras de Vassili Kandinsky.
Bueno, pois este curso, aproveitando que o ano 2013 será o “Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga”, o centro de interese será a AUGA e, baixo o lema: “palabras que vas ler, non has deixes correr”, durante o curso participaremos en múltiples actividades que nos permitirán achegarnos a distintos aspectos vencellados coa auga.


Á nosa clase, tocounos acudir hoxe venres ao acto de inauguración xunto cos nosos compañeiros e compañeiras de 4 anos A, pero antes, os días previos, levamos a cabo un pequeno traballiño na clase, pois para ese día debiamos ter cumprido un cometido e así, poñer o noso graniño nunha dinámica na que participarían todas as aulas do centro.
No hall do pavillón dos maiores, organizouse un recuncho especial, diferente, organizouse un “Recuncho Literario”, pero... para que serve un “Recuncho Literario”?... Pois ben, o profe explicounos que nese recuncho atoparemos durante este curso os nosos contos e libros favoritos e para iso, cada clase tivo que escoller un personaxe de conto como elemento decorativo deste espazo.
Así que, na asemblea matinal do luns adicamos parte do faladoiro a determinar que personaxe de conto nos gustaría aportar ao mural que se estaba preparando no pavillón dos maiores.
Neste momento, sucedéronse varias situacións anecdóticas, xa que lonxe dos personaxes de conto de sempre tales como Carapuchiña Vermella, Os Tres Porquiños ou Pinocho, saíron personaxes ultra-modernos extraídos na súa meirande parte das nosas series de animación preferidas.
O profe quedou abraiado ao comprobar que moitos non coñeciamos a Brancaneves, Cincenta ou Peter Pan, por iso, e dado que o tempo non acompañou para poder saír ao patio en toda a semana, adicamos algúns momentos de ocio a ver fragmentos de debuxos animados de sempre.
Finalmente, saíron como personaxes “de contos”: Dora La Exploradora, Peppa Pig e, por suposto, Rayo MacQueen. Tras unha votación moi reñida, saiu como a opción máis votada Dora La Exploradora, pero o profe explicounos que este personaxe xa fora escollido polos nosos compañeiros e compañeiras de 3 anos C, así que a segunda opción máis votada fora, contra todo pronóstico,... Peppa Pig! As caras dos fanáticos de Cars eran un poema e con certa resignación aceptaron a proposta “de chicas”...


Ilusionadísimos co debuxo, día a día preguntabámoslle ao profe cando nos ia a chamar para pintar, se podiamos levar un debuxo da familia pig para a casa...
Finalmente, mentres uns xogabamos nos rincóns, o profe foinos chamando aos poucos para que pintaramos ao xeito e moi amodiño. Así, dirixidos por unha Mencía entregadísima en concretar cales eran as cores exactas de cada personaxe, fomos enchendo de cores á familia pig.




E para rematar... o noso toque final... uns polviños de purpurina e... tachán, faboulous!


O día da inauguración -con coloretes vermellos ao Peppa Pig style-, ataviámonos coas nosas gotiñas de auga tamén preparadas durante os días previos e nas que se podía ler o lema da biblioteca deste curso e rapidamente dirixímonos para a biblioteca, non sen antes, que a nosa súper-encargada Xiana X., collera á nosa Peppa Pig. Unha Peppa Pig que completou o mural do “Recuncho Literario” do cole no que xa estaban, entre outros: Pinocho, Carapuchiña Vermella, Dora La Exploradora, a abella Maya ou a Sirenita.



Antes de entrar, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada ao mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Xa dentro, lembramos as normas de obrigado cumprimento na biblioteca para todos e todas facendo especial fincapé niso que sabedes que tanto nos gusta: falar, pero non falar sen máis, non, non, a nós gústanos falar a berros... as normas da biblioteca son de sobra coñecidas por todos e todas, pero iso non impide que algún de nós aproveite para facer unha vez máis das súas... que magoa!
Sabedes que a nosa clase e o cole comezou a encherse de cabazas, bruxas, morcegos e esqueletes... o Halloween-Samaín, un curso máis está aquí, así que non perdades as novas do noso blogue que a vindeira semana será... monstruosamente divertida!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MOCHILAS VIAXEIRAS...

viernes, 19 de octubre de 2012

A partir do martes da próxima semana, introduciremos unha nova rutina que contará cunha periodicidade semanal. Xa está aquí un curso máis a nosa “Mochila Viaxeira”!
A actividade da “Mochila Viaxeira”, está pensada para que, dende a biblioteca escolar, se leve a cabo unha actividade que implique, unha vez máis, ás nosas familias nunha dinámica coa que se pretende unha colaboración na formación de novos lectores.
Siii, de novo as nosas familias desenvolverán un papel moi importante ao servir de guías no correcto uso dos materiais e na aportación persoal ao “Caderno de Viaxe” que este curso terá unha dificultade engadida... tócanos facer todiño a nós, así que... moooita paciencia!
Trátase dunha actividade totalmente voluntaria que consiste en que durante unha semana (de martes a martes) -isto di o profe que é moi importante que o teñades en conta para, deste xeito, non dilatar demasiado a actividade no tempo- cada un de nós, elexido segundo a orde do panel de fichaxe de ausencias e presenzas, levará a “Mochila Viaxeira” para a súa casa. Nela, atópase o “Caderno de Viaxe” e diferentes materiais educativos relacionados coa lectura.
Durante esa semana na que a “Mochila Viaxeira” permaneza en cada unha das nosas casas, podremos visualizar, manipular, interpretar, ler... os materiais que nela se atopan; ademáis, cada familia deberá consensuar unha temática determinada para que sexamos nós os encargados de plasmala no “Caderno de Viaxe”.
No “Caderno Viaxeiro”, non teremos límite de follas, e as temáticas que se poden abordar son múltiples... imaxinación ao poder!
Entre algunhas posibles ideas: textos de tradición oral (adiviñas, contos, lendas, retahílas, trabalinguas, cancións populares…), cartas, poesías, redaccións, debuxos, impresións e actividades levadas a cabo cos materiais da “Mochila Viaxeira” etc... todas elas servirannos de base para a asemblea matinal de cada martes.
Para que esta proposta de traballo se convirta nunha realidade que repercuta positivamente no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta indispensable que sexamos nós os encargados de plasmar a temática no “Caderno de Viaxe”. De pouco ou nada serve unha folla estupenda e marabillosa da que pouco ou nada sabemos, debedes facernos partícipes e converternos nos verdadeiros protagonistas da actividade, do contrario a proposta de traballo carece de sentido. 
E lembrade, na casa, do mesmo xeito que na escola... non todo vale! non o esquezades, é moooi importante, si?...
Foi o xoves, na asemblea matinal, cando unha profe nos trouxo a nosa “Mochila Viaxeira”... fenomenal!

Expectantes e nerviosos, descubrimos que materiais levaremos durante este curso: un libro sobre dinosaurios e indios, outro en inglés e de preguntas e respostas curiosas, unha película de DVD..., e ata un libro de maiores, que por que é de maiores?... Pois porque non ten debuxos e a letra é moi pequerrechiña.





















Máis concretamente, os materiais que levaremos na nosa “Mochila Viaxeira” serán:
  • Dinosaurios. ¿Te lo crees? Edit. Evergráficas.
  • Todo sobre los indios. Edit. Elfos.
  • ¿De dónde viene…? Edit. Edelvives.
  • Pequechos do deserto. Edit. Factoría K de Libros.
  • I love colours. Edit. Everest.
  • Revista MUY INTERESANTE JUNIOR nº71.
  • Os Bolechas queren saber… como producir menos lixo. Edit. A Nosa Terra.
  • CD de Un País de Cuentos. Los hermanos Grimm. Los siete cabritillos. El sastrecillo valiente.
Ademais, tamén levaremos o “Caderno de Viaxe” do curso pasado para deleitarnos cos estupendos traballiños que fixemos cando tiñamos 3 anos... espectaculares!
E para seguir disfrutando... nada mellor que acompañar a estes materiais da “Mochila Viaxeira” con algúns dos contos elaborados durante o pasado curso: Crocodilo, Pintamos o Indio e, por suposto, Unha festa súper-rechiflante... lembrades?
Así que xa sabedes: ese conto que tanto nos gusta, ese libro de poemas que contén palabras fermosas, esas imaxes que tanto nos abraian, eses DVD´s que fan bailar ás pedras, unha película de debuxos animados, un libro que aborda aspectos relacionados cos temas que andamos a traballar… viaxarán connosco ata as nosas casas a partir do próximo martes.
DANIELA será a primeira e xa está preparada, e vos?...


Un saúdo “cos brazos abertos como as páxinas dun libro” e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

QUERO SER SÚPER-ENCARGADO!

viernes, 12 de octubre de 2012

A nosa aula non podía permanecer á marxe das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), por iso, este curso incorporamos un novo rincón dentro das rutinas da aula: o “Rincón de Tratamento da Información e Competencia Dixital”.
É evidente que, dende o momento no que nacemos, vivimos rodeados de todo tipo de equipos tecnolóxicos (cámara de fotos e de vídeo, equipos de música, ordenadores…), é por iso polo que este curso propoñémonos un novo reto: o uso do ordenador…, uf, que complicado!
Neste novo rincón, ao que cada día accede o súper-encargado/a, atópase o ordenador como un recurso didáctico para aprender e para xogar.
Coa introdución deste medio tecnolóxico na nosa aula, traballaremos, reforzaremos e ampliaremos algúns dos contidos propios da Educación Infantil tales como a lóxica-matemática, a lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, algunhas nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais… ademais da consabida adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como aprender a mover de maneira precisa o rato, sinalar, facer clic, arrastrar…


Para comezar a habituarnos a este novo “trebello”, os primeiros días fomos pasando un a un polo ordenador para perderlle o medo e comezar a disfrutar desta nova rutina.
Que pasou?... Pois coma sempre houbo de todo. Nenos e nenas que manexaban o rato cunha facilidade pasmosa e, outros que collían o rato con medo… parecía que lles fora dar unha dentada! Así que paciencia e que non cunda o pánico, xa que estamos convencidos que ao longo deste curso todos nos convertiremos en pequenos-grandes expertos no uso do ordenador.




Como dato anecdótico, e dada a novidade dos primeiros días, resultaba curioso como nos colocabamos arredor do ordenador e do súper-encargado para ver como xogaba, pero agora, e transcurridas as primeiras semanas de novidade, cada un ten que estar no seu rincón. Uns rincóns nos que, a diferenza do curso pasado, nos mesturamos con nenos e nenas doutros equipos de traballo… uf, ás veces hai combinacións imposibles, pero é o momento do xogo libre, amodiño que senón…
Agora máis que nunca, contamos os días que quedan para ser súper-encargado/a… xogar co ordenador é xenial!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"BIBLIOTECA ESCOLAR, ACELERADOR DE INNOVACIÓN"

viernes, 5 de octubre de 2012

A partir do pasado venres, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca.
Trátase dunha actividade cunha periodicidade semanal (de venres a venres) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura e que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos sigamos familiarizando coa dinámica da biblioteca, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos o conto para comprender a súa liña argumental, xa que cada venres, nomearemos un contacontos seguindo a orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das súas imaxes e ilustracións.
O contacontos de cada venres, terá o privilexio de elexir o conto co que quere deleitarnos na súa particular sesión de contacontos, o resto levará o conto que lle toque, xa que todos os contos teñen algo de interesante, divertido ou curioso.
A través da narración dos contos, aprenderemos a escoitar, a pensar e a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a nosa creatividade e o sentido crítico.
Entre as moitíiisimas actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto, e tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía. (1985)
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores. Uf!, iso das normas en ocasións non vai con moitos de nós e aproveitamos para facer das nosas... sentímolo, profe!
Xa na biblioteca, lembramos as normas, usos e funcións da biblioteca, así como tamén quen era a súa mascota, a Xoubiña.
Logo, redescubrimos cales serán os contos que levaremos de préstamo durante gran parte deste primeiro trimestre que, para comezar, serán os mesmos que os empregados o curso pasado.
A que sabe a lúa?
(Edit. Kalandraka)
Unha historia fantástica
(Edit. Kalandraka)
A cebra Camila
(Edit. Kalandraka)
O gato lambón
(Edit. Kalandraka)
Orellas de bolboreta
(Edit. Kalandraka)
















Estes contos irémolos cambiando por outros máis de maiores; e serán máis de maiores porque coa axuda das nosas famiias poderemos silabealos, lelos como auténticos súper-maiores, pero para iso aínda temos moooito que traballar, así que paciencia...
Este curso ademais, incorporamos á actividade do préstamo a realización das nosas primeiras fichas de lectura; unhas fichas de lectura que ao igual que os títulos dos contos tamén irán cambiando a medida que gañemos soltura no seu proceso de elaboración. A final de curso, todas as fichas de lectura semanal levarémolas archivadas no que será o noso primeiro “Dossier de Lectura”.
Para realizar as fichas de lectura, podemos empregar rotuladores ou lápis, pero sempre intentando facelas o mellor posible e, neste senso, as nosas familias xogan un papel indiscutible, xa que na casa, ao igual que no cole... non vale todo!
Todos xuntos, fomos vendo unha a unha as fichas de lectura do resto da clase.
Os resultados?... Na súa meirande parte,... fa-bu-lo-sos!






Xa para rematar, a nosa primeira contacontos de 4 anos, Daniela, deleitounos coa lectura do conto O monstro de Ricardo (Edit. Kalandraka) e, máis ou menos en silenzo, escoitamos esta divertida historia na que aprendimos que os monstros tamén poden ser bos... acaso oistes falar algunha vez un monstro que fai cóxegas?




Para a seguinte semana será o turno de Rodrigo que escolleu o conto de A casa da mosca chosca (Edit. Kalandraka)... seguro que tamén estará estupendo!

A casa da mosca chosca
(Edit. Kalandraka)
Un saúdo SANFROILANeiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!