Bienvenido

ARDE LVCVS MMXIX.

viernes, 14 de junio de 2019

Ilusionados, antes de pechar o curso, reservamos uns días para traballar unha das celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs MMXIX xa está aquí!
O Arde Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano.
Así pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 14 ao 16 de xuño un completo programa de actividades.
Neste senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.), revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que vestimentas!
Falamos de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos, caracterizamos... é outro nivel!
Axiña, recreamos a vestimenta que luciriamos no pasarrúas do venres nun folio no que aparecía en números romanos o ano actual: MMXIX... que doado!


Neste senso, un curso máis o que nos resultou especialmente interesante foi o relacionado co combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo aquilo que poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros, lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Para rematar, e como colofón final ao traballo desenvolto, hoxe venres participamos activamente no  pasarrúas organizado ata a Praza de España que inaugura oficialmente o Arde Lvcvs MMXIX.
Con e sen capa, armadura, bolso, coroa de flores... menuda tropa romana e tribo castrexa!



Agarrados da parella establecida, cadaquén gozou do pasarrúas á súa maneira. Ilusionados, percorremos parte da Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre, Praza de España... canta xente!... cantas fotos!... respirábase ambiente de festa!...


Este curso si que fomos ao xeito, sen carreiras nin sobresaltos inesperados... fantástico!
Agora xa, esta fin de semana queda gozar do pasado de Lvcvs Avgvsti máis vivo ca nunca... que non se apague o lume!... que viva o Arde Lvcvs!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

A VIAXE DE MUNELA.

viernes, 7 de junio de 2019

“La superbici de Munela es alucinante...”; deste xeito comezaba a historia coa que ilusionados despedimos a MUNELA.
“A viaxe de Munela”, serviunos como fío condutor para pechar as actividades desenvoltas ao longo deste curso coñecendo, identificando e valorando elementos representativos dos bosques.
Axiña descubrimos que os bosques son lugares especiais para gozar do tempo libre, para descansar e mesmo para perderse coma MUNELA.
Así pois, nos bosques hai plantas, cogomelos, flores, animais...
Algunhas ÁRBORES perden as follas en outono, mentres que outras as manteñen todo o ano.
Nos bosques viven moitos ANIMAIS diferentes: caracois, paporrubios, osos, cabalos do demo -libélulas-, lagartos, escaravellos, coellos, esquíos, xabaríns... que buscan RECUNCHOS para ter as súas crías e vivir tranquilos: niños, colmeas, tobos, formigueiros, toupeiras... Así e todo, moitos animais do bosque so poden verse de noite coma os mouchos, vagalumes e morcegos.
Tamén aprendemos algúns dos PRODUTOS que nos da o bosque. Froitos coma os amorodos, framboesas e grosellas, tamén madeira para fabricar mobles, portas, caixas..., cortiza, cogomelos de diversos tipos...
E claro, para que todo esté en perfectas condicións, precisamos das PERSOAS que coidan o bosque. Neste senso, centrámonos nas figuras do bombeiro e axente forestal, facendo fincapé en que nós mesmos podemos e debemos axudar a coidar os bosques.
Como podedes imaxinar, estas aprendizaxes quedaron refletidas nuns debuxos realizados cada vez con máis esmero e adicación aos que non lles falta detalle: árbores e plantacións variadas, toupeiras e madrigueiras, mesmo hai quen se atreveu a debuxar un tractor e unha desbrozadora... case nada!


Por outra banda, e como complemento a este centro de interese, estas semanas pechamos a actividade da horta escolar que desenvolvemos dende o 2º trimestre. Nesta ocasión, organizados en 2 grupos, adicamos varias xornadas a revisar a plantación e coidar que todo estivese a punto para a recollida da colleita que, se o tempo o permite, levaremos a cabo o 19 de xuño.
Ao tempo, nestes días nos que o traballo que restaba está practicamente rematado, aproveitamos para colorear o libro do horto co que lembramos algunhas das especies vexetais que fomos plantando en cada sesión: cebolas, leitugas, repolos...


E para rematar esta semana, que mellor que revisar, clasificar e arquivar parte das actividades impresas que dende principio de curso fomos elaborando sen decatarnos de todo o que traballamos. Moitos non nos acordabamos dalgunhas actividades emblemáticas que causaron expectación como o Halloween-Samaín ou o Nadal... canta purpurina concentrada!


Agora xa, toca ilusionarse coa chegada inminente do Arde Lvcvs MMXIX co que gozaremos dun pasado máis vivo ca nunca... romanos e castrexos!... preparados?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!