Bienvenido

DO, RE, MI... LE UN LIBRO E SÉ FELIZ!

viernes, 25 de octubre de 2013

Esta semana, participamos en varias actividades que nos serviron para identificar e valorar a biblioteca escolar e de aula como unha fonte de coñecemento, información e disfrute.
En primeiro lugar, o luns tivo lugar a inauguración oficial da biblioteca do noso centro.
Este curso, dende o “Equipo de Biblioteca”, decidiuse traballar dous eixos temáticos diferenciados aínda que interconectados entre si: a música e as emocións... uf, case nada!
Para iso, a semana pasada a Xouba Castelao, a nosa mascota da biblioteca, enviounos unha carta na que solicitaba a nosa axuda para atopar un lema para a campaña deste curso.
Do mesmo xeito, como actividades motivadoras ao día da inauguración, na clase elaboramos cadanseu títere de pau, en tanto que os títeres en Educación Infantil convírtense nun recurso valiosísimo con grandes posibilidades para, entre outras cousas, a expresión de emocións e sentimentos.
No ordenador, vimos todos os títeres que traia preparados o profe: sereíñas, súper-heroes, pantasmas, dragóns... Foi unha elección complicada, xa que había un montón de personaxes e todos ou case todos nos gustaban, así que para poder tomar unha decisión persoal segura, vimos varias veces a presentación de cada títere.
Como dato anecdótico, destacar que cada un de nós elixiu aquel personaxe que máis lle gustou, non deixándose influenciar polo que escollía o seu amiguiño ou amiguiña… moi ben, así se fai!


Xa o día da inauguración, e antes de entrar á biblioteca, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Este curso, a porta da nosa biblioteca luce unha fantástica ilustración de Leandro Lamas que se irá transformando a medida que se vaian sucedendo as diferentes celebracións do curso escolar: samaín, magosto, nadal, antroido...



Xa dentro da biblioteca, lembramos as normas de obrigado cumprimento cada vez que estamos na biblioteca facendo especial fincapé en falar moi baixiño.
Asemade, os nenos e nenas de Educación Primaria, axudándose dun panel, relatáronnos Contín e Contón de Antón Cortizas e ilustrado por Leandro Lamas.
E para rematar... bailamos con cadanseu títere ao son da música de Giussepe Verdi, aproveitando que este ano é o bicentenario do seu nacemento.


Se o luns acudiamos á inauguración oficial da biblioteca do cole, o venres celebramos a nivel de centro o “Día Internacional das Bibliotecas”.
E que mellor xeito de comezar a traballar a música e as emocións que cantando e danzando...
Así, durante estas semanas, cada ciclo preparou unha canción extraída do CD Meniños Cantores.


Os nenos e nenas de 1º Ciclo de Educación Primaria deleitáronnos con E ti telo, telo, os de 2º Ciclo con O Verdegaio e os de 3º Ciclo con Regueifa.
A nós, aos nenos e nenas de Educación Infantil tocounos unha versión de O Pirimpimpim, que tivemos que ilustrar para decorar o recuncho literario da entrada do pavillón sur e que ANDREA e LOIS ensinaron ao resto de nenos e nenas do colexio.


Neste acto, tamén se anunciou o gañador do lema para a campaña deste curso. Familias, a Xouba Castelao e os seus colaboradores e colaboradoras tivérono moi difícil, decantándose finalmente polo lema da clase da profe Laura (2ºC): 
“DO, RE, MI... LE UN LIBRO E SÉ FELIZ!”
Asemade, tamén se presentou o cartel divulgativo co que cada curso Bibliotecas Escolares de Galicia pretende facer visible as distintas posibilidades da biblioteca escolar. 
O lema elixido por Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso 2013-2014, “LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR”, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. A ilustración é de Patricia Castelao.
Este curso, xa o sabedes... Do, Re, Mi... le un libro e sé feliz!
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DE ROTEIRO TURÍSTICO COS BOLECHAS...

viernes, 18 de octubre de 2013


Case nada!... O martes fomos un cole moi afortunado, pois tivemos nada máis e nada menos que a visita de Pepe Carreiro. 
Como??... Que non sabedes quen é Pepe Carreiro??...
Pepe Carreiro é escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas.
Quen non coñece a Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá  e Chispa?...


Os Bolechas son dende fai máis de 10 anos a revelación editorial en Galicia e son, á súa vez, os protagonistas da máis importante e exitosa serie da nosa literatura infantil. Con máis de 200 títulos publicados e preto de 1.000.000 de exemplares distribuídos, o seu éxito débese a que os seus protagonistas viven aventuras nas situacións e realidades cotiás infantís: a escola, a casa, o parque, o autobús, a praia...
Ademais, Os Bolechas son cultura raíz e contribúen á divulgación e a formación, mediante o lecer e o divertimento.
Os días previos á visita de Pepe Carreiro, mergullámonos unha vez máis no mundo Bolechas: lembramos o nome dos Bolechas e do seu can, explicamos cal é o Bolecha e a historia que máis nos gusta...
Indubidablemente, Tatá e Chispa son os Bolechas que máis seguidores teñen na nosa clase.
Tatá é o máis pequeno da familia (9 meses); aínda non fala, nin anda; é un bebé pouco dado as andrómenas propias da súa idade; curioso; a súa compañía inseparable é o chupete e lévase ben con Chispa, -se cadra, porque ningún dos dous fala-.
Pola súa banda, Chispa, é un can de raza husky siberiana; anda sempre entre os donos e con Carlos, o máis maior dos 6 irmáns; a súa presenza, aínda que discreta, faise notar.
Asemade, e aproveitando a inminente visita no cole do seu creador, decidimos, nas asembleas matinais, acordar entre todos e todas que cousas nos gustaría preguntarlle a Pepe Carreiro, e claro, as preguntas de quen lle ensinara a debuxar e cal era o seu Bolecha favorito non podían faltar.
Pero... a que viña o “pai dos Bolechas” ao noso cole?... pois viña presentar o derradeiro roteiro turístico dos Bolechas polas terras de Barbanza, unha historia que nos serve para redescubrir algúns dos principais recursos turísticos da nosa comarca.


Os Bolechas veñen de excursión ao Barbanza cunha amiga, Carme, e coa súa gata Larafuzas. Para darlle a merenda á gata, os seis irmáns Bolechas, Chispa, Carme e Larafuzas terán que embarcarse nunha dorna e percorrer a comarca na busca do manxar preferido da mica: xoubas.
Nesta fantástica aventura, os Bolechas pasarán por algúns dos lugares máis fermosos de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e... Rianxo!
Un mapa ao inicio do libro permite situar os principais monumentos e lugares de interese destes catro concellos, algúns moi coñecidos, como as Dunas ou o Faro de Corrubedo, e outros non tanto, como o hórreo de Araño, o Castelo da Lúa ou a ermida de San Ramón de Bealo.
No tempo que durou a visita, Pepe Carreiro contounos a viaxe dos Bolechas por terras rianxeiras, ao tempo que nun enorme folio trazaba con lápis e rotulador de cor negra garabatos entre os que resultaron: Tatá, Carlos e Chispa... sorprendente!


Agora ben, Pepe Carreiro tamén quedou sen palabras ao ver a exposición de debuxos que, os días previos á súa visita, preparamos os nenos e nenas de 4 e 5 anos... velaí van os nosos, un traballo excelente!


Como mostra de agradecemento, Pepe Carreiro deixou a súa pegada no “Libro de Visitas” da biblioteca, un debuxo de Tatá ao máis puro estilo A.D.R. Castelao con gafas e sombreiro incluído...


Os días posteriores, a nova da visita de Pepe Carreiro quedou reflectida na edición de Barbanza de “La Voz de Galicia” con dúas fotografías -xa na mesma portada do xornal e nas páxinas interiores- onde puidemos vernos embelesados ollando o dominio de Pepe Carreiro co lápis e co rotulador... todo un artista!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA VIAXE ESTUPENTÁSTICA!...

viernes, 11 de octubre de 2013

3, 2, 1... Siii, esta semana despegamos!... Como que a onde?... Pois nada máis e nada menos que a un país que existiu hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na que os animais falaban: Letrilandia, o País das Letras.
Da man do Señor Estudoso, ese señor baixiño e simpático, cuberto cun sombreiro e cunhas lentes que lle dan aire de personaxe sabio, descubrimos un curioso lugar rodeado por verdes campos salpicados de alegres flores de cores nos que hai uns pequenos ríos saltaríns que proporcionan auga fresca para beber e un lugar onde xogar e refrescarse.

- SEÑOR ESTUDOSO -

O Señor Estudoso tiña moitas ganas de aprender e descubrir cousas novas; por iso sempre leva un lapis e un caderno na man onde anotar todas as marabillas que ía descubrindo ao longo das súas viaxes.
Cando paseou polas rúas do País das Letras, o Señor Estudoso observou os costumes dos seus habitantes. Abraiárono as formas que tiñan os seus corpos, así como a súa forma de comunicárense. Todos eran distintos e falaban diferente.


Pensou que se debuxaba os seus corpos e aprendía o seu xeito de falar, podería escribir todos os contos e marabillas que aprendía en cada unha das súas viaxes.


Sen perder tempo, dirixiuse ao castelo para que os reis lle autorizasen levar a cabo o seu proxecto. As súas maxestades aceptaron encantados.
Situado á esquerda, atópase o País dos Xigantes, onde o mago Catapún e os demais habitantes vixían sempre para amolar as letras. Por iso, estas camiñan sempre de esquerda a dereita.
Mediante este archi-coñecido método de lectura, semanalmente descubriremos un a un os personaxes deste fantástico lugar, onde a través das súas historias, coidamos gañar un chisquiño máis de confianza e seguridade nas nosas posibilidades cara a aprendizaxe da lecto-escritura.
Cada venres, na carpeta do préstamo semanal, irá o libro de lectura de “O País das Letras” para traballar na casa de xeito sistemático aquel grafema visto durante a semana na clase. Sen lugar a dúbidas, esta tarefa convírtese para nós nun auténtico reto competencial que, agardamos axiña se convirta nunha realidade rica e froitífera dentro das nosas aprendizaxes persoais... unha vez máis, contamos convosco, familias!...
Este reto competencial que culmina este derradeiro curso de Educación Infantil, será o resultado dun longo camiño iniciado xa cando tiñamos 3 anos, onde, dun xeito máis construtivista e significativo, traballamos a lecto-escritura en actividades tan cotiás como no fichaxe de ausencias e presenzas de cada mañá, cando o profe nos manda “antes de nada e arriba de todo” poñer o nosso nome nas actividades impresas, modelado en plastilina de grafemas, cando os coordinadores de cada equipo de traballo reparten os libros, os rótulos e pictogramas que existen na aula e que axudan a organizar e distribuir o espazo (percheiros, archivadores, recantos...)... e un senfín de recursos que farán posible que esa linguaxe tan marabillosa que sae dos contos que máis nos gustan, saia tantas veces como queiramos.
Familias!… abrochade ben os cinturóns, estades convidadas a coñecer as aventuras e desventuras destes personaxes, e lembrade... camiñade sempre de esquerda a dereita, que senón... atchís!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN MUNDO CHEO DE COR E DE MAXIA...

viernes, 4 de octubre de 2013

Esta semana aproveitaremos a entrada semanal do noso blogue para presentarvos á nosa nova mascota: ARIS.
Do arco da vella cóntanse moitas historias. Historias que, xeración tras xeración, os avós narraron aos seus netos cada noite. Como aquela que conta a existencia dun caldeiro de moedas oculto no lugar en que o arco e terra se xuntan, ou aquela outra que relata a paixón dun pintor por poder atrapar as sete cores na súa paleta.
Pero o que realmente existe ao final do arco da vella é un sitio chamado Nubaris.
En Nubaris vive ARIS. ARIS é a a nubari que máis ama os libros. Encántalle descubrir os tesouros que gardan.
Por iso, cando un libro cae nas súas mans, cun suave movemento de nariz, viaxa a través del introducíndose nos relatos das súas páxinas.
As súas viaxes son apaixonantes e sempre regresa coa satisfacción de quen descobre cousas novas.


ARIS atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas historias, o centro de interese das unidades didácticas que traballaremos ao longo do curso.
Así pois, durante este curso visitaremos covas como os prehistóricos, camiñaremos polos pasadizos das pirámides, perderémonos polas calellas ata chegar a impoñentes castelos, entenderemos o profundo respecto dos indios pola natureza, coñeceremos os inventos que o ser humano deseñou para viaxar e explorar... Mundos descoñecidos e afastados nos agardan para descubrir ao longo deste curso... será unha aventura estupentástica!
Tomando como eixo motivador o conto de ARIS, na asemblea falamos dos contos: a quen lle gustan os contos, cal é o noso conto preferido, que contos nos contan na casa...
Tamén formulamos hipóteses sobre os lugares que coñeceremos con ARIS durante o curso con respostas de todas as clases e para todos os gustos. Dende visitas a castelos encantados como o que cada curso recreamos na nosa aula en Halloween, ata viaxes nas que coñeceremos seres doutra galaxia... case nada!
Asemade, durante a semana, a través dun sinxelo xogo de pistas, fomos introducindo a nova mascota nas nosas casas. A dinámica consistía en escribir nunhas tarxetas creadas para tal efecto, palabras vencelladas con ARIS que discutimos e consensuamos dun xeito máis ou menos organizado en cada asemblea matinal: NUBARIS, NARIZ, CONTOS e... ARIS!


Esta actividade serviunos como alicerce para o xoves, día escollido no que levamos para as nosas casas a modo de marioneta o  troquel de ARIS que días previos pintamos con témpera e pincel ao xeitiño e sen saírnos do contornos. E para rematar... siii, purpurina! Dubidábadelo?...


Empregamos a marioneta de ARIS para lembrar as características que dela se explican no conto: como é, de que cor era o seu vestido, que particularidade ten o seu pelo, xogamos a imaxinar como irá ARIS vestida nas diferentes épocas históricas que visita...
Así pois, e como non podía ser doutro xeito, o debuxo de ARIS foi unha das tarefas que indubidablemente tiñamos que levar a cabo a modo de actividade final deste primeiro achegamento da nosa nova mascota. Quedaron uns debuxos... chulísimos!...
















Todas estas actividades servíronnos para lembrar contidos tan elementais como o correcto trazado dos números do 1 ao 6 e a súa cantidade, a grafía e son das letras do abecedario e a lectura de fonemas sinxelos (sílabas directas, e tamén algunha que outra sílaba indirecta), as normas de obrigado cumprimento na realización das actividades impresas individuais...
Estes días no cole son días de volta á rutina e á calma, pouco a pouco, sen présa pero sen pausa que a vindeira semana comezamos os libros de súper-maiores... estaremos preparados?...
Un saúdo con sabor a polbo SANFROILANeiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!