Bienvenido

FELICES E MERECIDAS VACACIÓNS...

jueves, 1 de julio de 2010

O verán é un período vacacional; e resulta importante cos nenos e nenas difruten del como tal, nembargantes, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá que fagades co voso fillo pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante que, cada día, reservemos un tempo para realizar algunha tarefa que sirva de medio para consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo deste curso. Non se trata de cos nenos fagan fichas similares ás que realizan na escola, trátase máis de que non perdan o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo do curso.
Asemade, este tipo de actividades servirían para afianzar e consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso, todo esto dende un enfoque lúdico que lle resulte ao neno ameno e divertido, de tal modo que non vexa estas actividades como unha obriga, senón como unha rutina que levan a cabo día a día durante as vacacións.
Respecto á lecto-escritura, dicir que un lector non nace, faise, para iso, debemos transmitir o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, resulta fundamental crear un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva. Non intentedes obter do neno máis do que pode dar segundo o seu estado evolutivo, esto pode causar frustración e o rexeitamento cara a lectura. Ademais, resulta importante que non iniciedes aos nenos na escritura en letra minúscula, xa que moitas veces traen “vicios” no correcto trazado dos grafemas difíciles de correxir, e para este aprendizaxe teremos tempo na escola o vindeiro curso...
Asemade resulta esencial cos nenos e nenas se sintan motivados, só deste modo gañarán confianza nas súas posibilidades, seguridade... actitudes que os levarán, consecuentemente, a coller rapidez lectora. Pódense elaborar xogos de creación literaria nos que se teñan que inventar historias ou imaxinar finais diferentes para contos xa coñecidos.
Ante este novo reto que se plantexa para os nenos e nenas, relaxádevos e mostrade moita comprensión e paciencia. Ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e de disfrute.


Disfrutade ao máximo as tan merecidas vacacións que acaban de comezar e recargade as pilas para todas as actividades que vos agardan a partir de setembro, que abofé serán iguais ou mellores cas vividas ao longo deste curso, lembrades?...