Bienvenido

ATCHIIÍS!!... POBRIÑA MUDIÑA H!...

miércoles, 30 de abril de 2014

Nesta semana breve, pero intensa, farémosvos partícipes dunha das historias do País das Letras que sempre ou case sempre suscitan un maior interese e curiosidade, a historia da mudiña H.
Así pois, e convencidos de que un lector non nace, faise, esta semana a través do descubrimento da historia deste novo habitante do País das Letras, seguimos avanzando no noso proceso de lecto-escritura en letra minúscula.
A mudiña H representa as deficiencias, a súa problemática e aceptación, o rexeitamento de actitudes discriminatorias, a prevención de perigos, a valoración axustada dos factores de risco de accidentes existentes no contorno...
Todos os habitantes do País das Letras sabían que era perigoso camiñar cara a esquerda porque alí atopábanse os temibles xigantes. Os pais e as nais advertían aos seus fillos dos perigos que podían correr senón respectaban esa orde do Rei U. Pero ocorreu un día que a pequeniña H estivera xogando cos seus amigos preto dun regato ata que o sol se ocultou tras as montañas. Cando os nenos volveron á casa, fixérono cara ao lado correcto facendo caso dos consellos recibidos dos seus pais antes de saír.
Pero aquel día, á pequeniña H ninguén lle puido lembrar nada, porque os seus pais estaban de viaxe. Así que á hora de retornar á casa, empezou a soprar un forte vento e a chover con grande intensidade. Coas présas por refuxiarse non se deu conta e dirixiuse cara as árbores que estaban á esquerda do camiño.


O mago Catapún, que a vira dirixirse cara ao bosque do País dos Xigantes, aproveitou a oportunidade de amolala. Decidiu mandarlle un vento máis forte e frío, que a arrastrou e empuxouna contra unha árbore; deu tal golpe que quedou tendida sobre a herba caéndolle a chuvia enriba. Alí estivo ata que pasou Timbo, o elefante do príncipe E. Ao vela así, colleuna coa súa trompa e e levouna ao hospital.


Fixeron todo o necesario para curala, pero arrefriárase tanto que non conseguiu recuperar a voz. Non podía dicir nada; quedou mudiña.
Pasaron os días e a mudiña H aburríase por non poder falar nin cantar. Vía que o señor Estudoso debuxaba o corpo de todas as súas compañeiras e a ela nunca a chamaba; enfadouse, púxose triste e, por fin decidiu ir ver aos reis.
Os reis empezaron a pensar e a pensar, e chamaron ao señor Estudoso para que os axudara a resolver o problema. Uns días despois, o señor Estudoso díxolles que a mudiña H podía acompañar a algunhas palabras nas que a Familia Real comece a falar, e outras veces podería ir no medio, pero só de adorno.
Non sabedes o contenta que se puxo a mudiña H cando lle explicaron a solución!...


Sen lugar a dúbidas, esta é unha das historias das que non perdemos detalle, quizais debido a que por fin saen os malos malísimos do País das Letras... os temibles Xigantes! Nembargantes, durante as vindeiras semanas, descubriremos facetas máis divertidas da mudiña H.
Así pois, verémola máis contenta que nunca asistindo á súa primeira festa coa xemelga N -xurdindo así o -NH- .


E de novo, unha vez máis, cando a enfermeira C a coide -xurdindo o -CH-.


Unha vez coñecida a historia da mudiña H e colocada a letra imantada no castelo do panel das rutinas, tocaba aprender o seu trazo en pauta; si, parecía unha letra doada, pero na pizarra dixital... resistiúsenos, que mágoa!...



Ademais de todo isto, este personaxe serviunos de alicerce para lembrar iso que ás veces séguesenos esquecendo: que a lectura e, sobre todo a escritura, realízase de esquerda a dereita, pola contra, acabaríamos... no País dos Xigantes!!!
Agora xa, e tras un novo parón no cole, toca coller se cabe todavía máis folgos, xa que a vindeira semana comezaremos o libro número 5 de ARIS... estupendo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CONTAMOS MOITO!

viernes, 25 de abril de 2014

O mércores 23 de abril celebramos o “Día do Libro”, unha data coa que se pretende homenaxear e valorar as aportacións de moitos escritores e escritoras que contribúen, dalgunha maneira, ao progreso social e cultural da nosa sociedade.
Así pois, na asemblea matinal adicamos un tempo a falar dos motivos polos que se celebra este día e lembramos que cada 23 de abril conmemórase o “Día do Libro”, por ser o día no que morreron escritores da talla de Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou William Shakespeare.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.


Este día, non pasou desapercibido na nosa clase, e dende primeiriña hora da mañá, na rutina da asemblea matinal, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” do cole nos deixara una agasallo en forma de libro.
Así, aos contos da nosa biblioteca de aula que traballamos ao longo deste curso, engadimos un novo: Ch de China de Intermón Oxfam. Ademais, neste curso, o libro viña con 5 chapas que sorteamos servíndonos das tarxetas coas que aprendemos a escribir os nosos nomes e apelidos en letra minúscula enlazada e dun marcapáxinas para cada un co lema escollido para este curso por “Bibliotecas Escolares de Galicia”: “Ler ciencia na biblioteca escolar”.


Nesta asemblea, aproveitamos para conversar sobre algúns dos nosos contos preferidos e, os  contos de sempre, os contos de toda a vida, deron paso aos contos máis ultra-modernos protagonizados por personaxes de debuxos animados máis actuais tales como Peppa Pig, Spiderman, Superman...
Estes e outros personaxes de ciencia ficción, foron recreados nunha actividade impresa na que acompañamos a composición final con adhesivos de ARIS, a mascota coa que neste curso viaxamos a épocas pasadas da nosa historia.


Sen lugar a dúbidas, a lectura de contos na nosa aula suscita a participación nun amplo abano de actividades que nos permiten interiorizar o relato e clarificar o sucedido no inicio, nó e desenlace, tamén actividades de expresión plástica debuxando o noso personaxe favorito ou aquela secuencia que máis nos impactou, formulamos hipóteses para desenvolver a creatividade e imaxinación... e un senfín de actividades que contribúen ao noso desenvolvemento integral propiciando un achegamento ao traballo das 8 competencias básicas establecidas pola UNESCO.
E que mellor maneira que conmemorar o “Día do Libro”, que cunha nova ficha de lectura para a actividade do préstamo semanal?... Nome e apelidos, título do conto, autor, ilustrador, número de páxinas, editorial, colección, protagonista e o que máis nos gustou... ah!, sin esquecernos do debuxo da secuencia do conto máis fascinante... uf, a estas fichas non lles falta detalle!...


Agora ben, como contrapartida, sinalar que os contos de préstamo son os mellores do mundo mundial, xa que por fin levamos para as nosas casas os contos da Colección Leo con Disney (Edit. Everest), uns contos actuais cos personaxes Disney de toda a vida... fantástico! O primeiro contacontos do trimestre será LOIS que escolleu: Pepito y Pinocho. (Edit. Everest)
Xa vedes que maneira de comezar este terceiro e derradeiro trimestre do curso... e iso que non acabamos máis que comezar!!!...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ULE A PRIMAVERA!...

viernes, 11 de abril de 2014

Hoxe venres, iniciamos as vacacións do 2º trimestre, unhas vacacións que marcarán o sprint final do curso cun 3º trimestre que se non agarramos ben, voará nun abrir e pechar de ollos... cantas sorpresas nos agardan!
Sen lugar a dúbidas, foron moitas e variadas as actividades que levamos a cabo ao longo deste trimestre, pero gustaríanos facervos partícipes das desenvoltas durante esta semana tras rematar os libros de actividades de ARIS... canto traballamos!
Cada inicio dunha nova estación, sérvenos para observar, descubrir e identificar algúns dos cambios máis significativos que trae consigo a chegada de cada estación tanto no contorno como na vida das persoas. Por iso, durante estes derradeiros días de trimestre, traballamos a primavera e os seus efectos no contorno próximo e na vida cotiá das persoas.
Para comezar, levamos a cabo un torbeliño de ideas no que, previa man levantada, tiñamos que apuntar obxectos, elementos, situacións... vinculadas coa primavera. Posteriormente, cadaquén tivo que debuxar nunha árbore espida algúns dos elementos primaverais citados no torbeliño inicial, sen esquecer que non podería haber ningún repetido.


Asemade, e aproveitando este torbeliño de ideas, decidimos mudar a porta da aula que aínda estaba vestida de inverno. Así, e como non podía ser doutro xeito, enchémola de flores, soles, paxaros e bolboretas, moooitas bolboretas. Bonita, bonita, quedou a nosa porta vestida de primavera...


E se cadra, aínda máis bonita, a portada dos traballos deste 2º trimestre que, tamén decidimos vestir de primavera... por si aínda alguén non se decatara... agora si que si, queda claro, que a primavera xa está aquí!


Por outra banda, tamén traballamos cunha lámina de arte de Remedios Varo titulada: “Tiforal”, sabedores das repercusións do mundo da arte para o desenvolvemento do pensamento creativo e do xuízo crítico.


En primeiro lugar, e tras a presentación da lámina, observamos libremente a obra, para seguidamente, pararnos máis detidamente nalgúns dos seus elementos máis significativos como a fonte e os animais que aderezaban a composición artística. Xa para rematar, formulamos hipóteses acerca de quen sería e que podería estar facendo a protagonista da lámina.
Finalmente, e logo de analizar as cores empregadas maioritariamente, así como as formas e tamaños de árbores e flores, recreamos a obra. Así, mentres que uns decidiron seguir estritamente as cores empregadas na obra orixinal; outros decidiron empregar cores sen relación algunha cos elementos que semellaban na obra... somos uns artistas!


Ademais de todas estas actividades coas que consolidamos aprendizaxes e coñecementos adquiridos en cursos pasados, esta semana resultou tamén activa no que a actividades complementarias se refire, pois nunha mesma semana acudimos ao Auditorio Municipal de Rianxo dúas veces, e... non choveu!
O martes, expectantes, acudimos ao concerto didáctico co que nos obsequiou a editorial Edelvives a Educación Infantil e ao Primeiro Ciclo de Educación Primaria.
O concerto correu a cargo de Susa Herrera que nos presentou “Cantos Animales”,  a súa derradeira compilación na que recolle 10 cancións de animais e nas que aparecen moi diversos estilos musicais. No concerto, estiveron presentes o zorro, a rá, o elefante, o oso, o crocodilo, o poney, o panda, a xoaniña e o cangrexo. Unha mágoa que non rescatara algúns éxitos das súas anteriores publicacións... botamos de menos ao camaleón!


Xa o venres, de novo asistimos ao Auditorio á sesión de contacontos coa que nos obsequiou a todo o centro o Consorcio. Un contacontos entregado que nos contou e cantou 3 historias sobre un burro... canto rimos!
Agora, nestes días de vacacións, toca coller folgos novos para o derradeiro trimestre que nos agarda co mandilón. Se ben será un trimestre breve, pero tentaremos que se convirta nun trimestre inesquecible co que grandes e pequenos poñamos o broche que se merece a esta etapa que sempre quedará nas nosas lembranzas. Así pois, nenos e nenas e familias despedirémonos de Educación Infantil ao grande... contamos convosco!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ACHÉGATE A UN MUNDO AZUL...

viernes, 4 de abril de 2014

Nun cole coma o noso no que se celebra todo, ou case todo, o martes 2 de abril non deixamos pasar dúas datas cunha sifnificatividade especial no calendario escolar.

En primeiro lugar, esta semana fíxose unha mención especial dende o Equipo de Bibilioteca ao “DÍa Internacional do Libro Infantil”.
Dende o ano 1967, cada 2 de abril co motivo do nacemento de Hans Christian Andersen co ánimo de inspirar amor polos libros e para chamar a atención da comunidade sobre os libros para nenos, celébrase o “Día Internacional do Libro Infantil”.
Así, cada ano, unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser o patrocinador internacional desta data. Esa sección, encarga unha ilustración e un texto a un autor dun país do mundo. Este ano, tanto a autora do texto (Siobhán Parkinson) como a ilustradora do cartel conmemorativo (Niam Sharkey) son irlandesas.


O Equipo de Biblioteca do cole, este curso recreou o póster ilustrativo deste día empregando pinceis de diferentes grosores e témpera líquida de cores variadas; un póster, que preside un dos andeis da biblioteca na que se recolle unha escolma dalgúns dos contos máis emblemáticos de Andersen, tales como: El Patito Feo, El soldadito de plomo o La Sirenita, entre outros.

Asemade, este martes, tamén conmemoramos o “Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo”.
Foi unha semana na que da man de Carmen, a profe de P.E.L.O., e do profe, fixemos un primeiro achegamento ao autismo.
O autismo é unha discapacidade permanente de desenvolvemento que se manifesta nos tres primeiros anos de idade cun impacto nos nenos e nenas, nas súas familias, nas comunidades e na sociedade.
A “Asamblea General de las Naciones Unidas”, declarou por unanimidade o 2 de abril como “Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo” para pór de relieve a necesidade de axudar a mellorar as condicións de vida dos nenos e adultos que sufren este trastorno.
Este primeiro achegamento que se cadra seguiremos traballando en vindeiros cursos, realizámolo a través do visionado e posterior comentario dun capítulo dun dos personaxes de debuxos animados que a moitos nos serviu para comprender un pouquiño mellor o noso pequeno gran mundo: CAILLOU.



Seguidme”, preséntanos a Andy, un neno diferente que semella asustado e aillado no momento do patio, trátase dun neno que non quere xogar con ninguén... que lle pasa? Este feito, non pasará inadvertido para Caillou que, preocupado, non para ata atopar a solución perfecta para integrar a Andy dentro dos seus amigos máis especiais.
Sen lugar a dúbidas, un capítulo na que Caillou aprenderá a ver o mundo a través dos ollos do seu compañeiro con autismo.
Asemade, a través do conto de Jérôme Ruillier titulado: “Por cuatro esquinitas de nada” (Edit. Juventud), tratamos as diferenzas e os esforzos que algunhas persoas fan por encaixar, por parecerse á maioría, por adaptarse.

POR CUATRO ESQUINITAS DE NADA.
(Edit. Juventud)
Neste libro, cóntase a historia dun cadrado ao que lle gustaba xogar cun grupo de círculos. Xogan, comparten, ata que chega a hora na que os círculos deben voltar á casa, unha casa na que a porta, tamén redonda, non permite entrar ao cadrado... Deste modo, e cando a historia non parece atopar final feliz, os círculos descubren que non se trata do cadrado, que a resposta está na acción.
Uf, canta nova información por asimilar!... Por iso, e xa dun xeito máis ameno, traballamos e recreamos o pictograma do autismo.


Tamén descubrimos cales son as cores do autismo: a vermella, a amarela, a azul clara e a azul escura.
Estas cores forman parte do lazo que nenos e nenas, mestres e mestras levamos para a casa e co que se intenta reflectir o misterio e complexidade do espectro do autismo (a través do puzzle), a diversidade de persoas e familias vivindo co autismo (a través das diferentes cores e formas) e a esperanza para que se incremente a concienciación sobre o autismo, a investigación, a intervención temperá e os tratamentos axeitados (a través do brillo do lazo).
Asemade, enchemos as fiestras das aulas de todo o cole de globos de cor azul escura e de cor azul clara... preciosa iniciativa!


Agora, tan só basta saber achegarse ao mundo dos autistas, un mundo azul cargado de mil millóns de sonrisas... adiante!!!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!