Bienvenido

PRIMAVERA COLORÍN COLORADA.

viernes, 10 de mayo de 2019

Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días son máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade... xenial!
As modificacións que se producen na contorna cotiá coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar, coñecer e identificar algúns elementos característicos do inverno e, máis concretamente, da primavera.
Así pois, nas asembleas matinais, axiña establecemos como elemento representativo da primavera as flores. Hai flores de case todas as cores, xa que coidamos que as flores de cor negra están mustias, marchitas, case mortas... 


Indubidablemente, esta conclusión serviunos para lembrar algunhas das necesidades básicas das plantas que, xa dun xeito máis sistemático, consolidaremos co traballo do libro de actividades nº6 de MUNELA.


Exacto!... lembramos que as plantas precisan auga, luz e terra, ao tempo que os coidados precisos dun xardineiro ou xardineira... fantástico, así si!


Esta e outras conversas, ao tempo, servíronnos para concienciarnos da importancia de non arrincar as flores e/ou plantas do contorno físico e natural próximo, de non pisar as zonas axardinadas da nosa cidade, as hortas... coidado, hai que mirar onde pisamos!
Neste senso, e como vén sendo decote neste 2º e 3º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos cando as condicións meteorolóxicas o permiten, acudimos á horta establecida nun lateral do patio dos maiores para realizar, do mesmo xeito que o curso pasado, diferentes plantacións que recolleremos no mes de xuño.
E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes, arco da vella e, sobre todo... flores, moitas flores!... Bonito, bonito, quedou o corcho do corredor vestido de primavera...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: