Bienvenido

VAI DE BAILE!...

viernes, 24 de mayo de 2019

Co gallo da celebración da Semana das Letras Galegas 2019, esta semana recibimos a visita dunha banda de música tradicional que nos achegou ás posibilidades que ofrece o folklore popular propio da comunidade.
Indubidablemente a música, constitúe unha forma peculiar de comunicar aspectos da vida cotiá; de aí que, debido á riqueza dos medios que utiliza, á sinxeleza das técnicas que emprega e á variedade de soportes sobre os que traballa, convertan esta materia nun compoñente indispensable na nosa clase.
Así pois, semanalmente recibimos unha sesión de Educación Musical que corre a cargo de COSME, o profe de Música, que cada xoves nos pon en contacto coa arte e as expresións musicais de todos os tempos e culturas.
Ao tempo, na nosa parrilla de clase, faise importante que cantemos, que gocemos das cancións; e boa proba disto é o repertorio que empregamos a modo de rito no establecemento dalgunhas rutinas cotiás: a canción dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano, do silencio...


Pois ben, expectantes pola visita e tras formular hipóteses sobre quen se podería tratar, logo do patio acudimos ao salón de usos múltiples para ver quen se agochaba detrás das cortinas do escenario sobre o que o curso pasado sacaramos a foto de grupo que preside a porta da nosa aula... que memoria!


Tratábase dun gaiteiro acompañado da súa banda: dous homes e unha muller... fantástico!
Cada membro da banda ía ataviado coa indumentaria propia do traxe tradicional galego e cos instrumentos musicais que dominaban en cada caso: gaita, tamboril, bombo e pandeireta.


De xeito interactivo e organizado, descubrimos e identificamos algunhas características destes instrumentos musicais: familia á que pertencen, tipo de sons que emiten, partes e elementos... non sabíamos que a gaita “despedazada”... tamén soa!


Esta actividade, ao tempo permitiunos desenvolver a discriminación auditiva, a observación, a expresión e a representación musical, valorar e respectar a música tradicional... case nada!


E para rematar,... que mellor que xuntar música e movemento?... Bailamos e cantamos as cancións interpretadas, dende as cancións populares, as cancións de toda a vida como “A saia de Carolina”, ata as máis actuais que pedimos unha e outra vez a modo de despedida... que ben o pasamos!


Resultou un día ben divertido, un día de festa que marca no calendario o sprint final deste curso que entra xa na recta final... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: