Bienvenido

#QuedaNaCasa

lunes, 16 de marzo de 2020


Dada a situación actual, e tendo en conta que o máis importante é que os nenos e nenas comprendan o que sucede e sobreleven este tempo de confinamento do mellor xeito posible, seguindo as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, velaí van unhas recomendacións de traballo na casa para estes días. Neste senso, aclarar que non se trata de que os nenos e nenas fagan fichas similares ás que realizamos na escola, senón de aproveitar o potencial pedagóxico de situacións cotiás nas que traballar aspectos vencellados coa lecto-escritura, a lóxica-matemática, conceptos básicos... dende un enfoque lúdico, real e significativo.

En primeiro lugar, sabedores de que un lector non nace, faise, seguide transmitindo o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos. Aproveitade este tempo para reforzar, afianzar e/ou introducir, grafemas a partir da cartilla de lectura de Letrilandia. Agora xa, os nenos e nenas poden avanzar no descubrimento de novos habitantes de O País das Letras, coa consabida identificación e recoñecemento de grafía e son correspondente. A partir de aí, pódense desenvolver actividades de escrita espontánea como anotar ingredientes e cantidades para unha receita, escribir unha carta ou un mail simulando a MUNÍBAL, PABLO e BERTA, ou mesmo un diario no que apuntar nunha frase o realizado, acompañando o texto dun debuxo: esquemas corporais completos, elementos no chan, no ceo... que dean á actividade unha visión de conxunto elaborada.

Ao tempo, non debemos esquecer o traballo da lóxica-matemática a partir da resolución de problemas da vida cotiá: identificación e trazado de números seguindo a direccionalidade correcta, recta numérica ascendente/descendente, maior que/menor que, operacións de cálculo mental básico...

Por outra banda, neste tempo os nenos e nenas non poden permanecer á marxe das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Así, e lonxe de aportar un listado de enlaces dentro das ferramentas web 2.0., destacar Educlan, unha ferramenta educativa para as familias durante o peche preventivo dos centros educativos, en funcionamento dende hoxe luns 16 de marzo. Trátase dun proxecto de rtve coordinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional coa axuda de editoriais educativas. En Educlan as familias poderedes encontrar vídeos sobre as principais áreas curriculares: Ciencias Naturais e Sociais, Lengua, Lóxica e Matemáticas, Artística, Idiomas, Educación Física, Tecnoloxías ou Convivencia.
Alén disto, dentro dos propios recursos educativos do Portal Educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, podedes atopar o repositorio de contidos e actividades do Espazo Abalar con variadas actividades para alumnado de Educación Infantil; mesmo o noso blog de aula convértese nunha ferramenta ao servizo do proceso de ensinanza-aprendizaxe con enlaces de interese onde empregar as TICs como fonte de coñecemento, aprendizaxe e gozo.

Agardo vestir de novo o mandilón e vervos axiña, polo momento, familias, non esquezades estes días parar un pouco, ralentizarnos, pensar e imaxinar...

1 comentarios:

FANI dijo...

Moitísimas gracias pola información e os consellos. Esperamos vervos a todos e todas con moitas ganas!!. Moito ánimo e unha aperta xigante.