Bienvenido

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2019.

viernes, 17 de mayo de 2019

Esta semana, puxemos o colofón final á Semana das Letras Galegas 2019 participando nas actividades propostas a nivel de centro.
O mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a Antón Fraguas Fraguas.
Así pois, comezamos realizando achegas a algúns detalles da vida e obra deste autor nado en Cotobade o 28 de decembro de 1905. Estudou no instituto de Pontevedra, co profesor Castelao, e empezou alí a facer un dicionario en galego con outros compañeiros. Xa logo, foi mestre onde gustaba de facer excursións cos seus alumnos e alumnas e mesmo deu clase aos rapaces e rapazas daquel tempo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso centro.


Ao tempo de todos estes descubrimentos e pescudas, o xoves, véspera do Día das Letras Galegas, adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración desenvolvendo varias actividades impresas nas que traballamos a figura de Antón Fraguas Fraguas.
Dende a asemblea matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento da merenda e do patio asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de centro, non había tempo que perder...
En primeiro lugar, compuxemos un crebacabezas de 4 pezas que, previamente recortamos seguindo a demarcación establecida. Parecía doado, pero o certo é que a parte do rabo da vaca era complicada dabondo...


Xa logo, debuxamos e coloreamos de cor vermella, rosa e/ou violeta/lila moreas de corazóns que ofrecían unha estupenda visión de conxunto a unha actividade impresa na que, en forma de marcapáxinas, coñeciamos máis curiosidades da vida e obra de Antón Fraguas Fraguas.


Posteriormente, tras a merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole, interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore popular... parabéns!


Houbo de todo e para todos os gustos, un acto no que a máis dun lle houbese gustado participar, o curso que vén, ao converternos nos súper-maiores do mandilón, será a nosa quenda... fantástico!


E para rematar... que mellor que movernos ao son da música e celebrar todos xuntos un dos días grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras Galegas 2019.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

Fantástico que a estas alturas do curso traballen así.