Bienvenido

CONSTRUÍNDO!

viernes, 3 de mayo de 2019


Con aires e enerxías renovadas tras as vacacións, a semana pasada asistimos ás actividades organizadas e desenvoltas polos responsables da aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio.
Sabedores máis que nunca de que a linguaxe artística xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, participamos activamente en 4 obradoiros cuxo obxectivo foi achegarnos ao uso de material non estruturado como fonte de gozo e coñecemento.
Esta nova incursión na aula de plástica non resultou algo novo para nós, pois ademais das actividades desenvoltas o curso pasado, xa en decembro deste mesmo curso, participamos en sendos obradoiros cos que seguimos achegándonos ás múltiples posiblidades das linguaxes artísticas... fascinante!
En primeiro lugar, organizados en pequeno-grupo, dispuxémonos en distintos espazos da aula de plástica onde os estudantes de Maxisterio -con paciencia- nos explicaron en que consistía cada actividade. Tocaba poñerse mans á obra... non había tempo que perder!
Así pois, organizados en 4 grupos de traballo, manipulamos os materiais dispostos para tal efecto en cada posta de actividade.
Comezamos construíndo cunhas pezas de madeira nas que tiñamos que ensartar uns paus nos ocos correspondentes para que a estrutura se mantivese en pé, tivese volume... uf, máis complicado do que semellaba!


Xa logo, noutro espazo, a actividade centrouse na manipulación, clasificación, seriación, ordenación... dunhas pezas de madeira que, segundo nos contaron, eran restos dunha carpintaría; proba irrefutable de que calquera obxecto susceptible de exploración, convértese nun excelente material ao servizo da aprendizaxe... fantástico!


Noutro dos espazos dispostos, con materiais de sobra coñecidos para nós, recreamos unha rúa, un pobo, mesmo nalgún caso, unha cidade; construíndo casas, edificios e pisos, aliñándoos e trazando estradas e beirarrúas como na vida real... estupendo!


Quizais este resultou o espazo de actividade máis caótico/desorganizado, a nosa ansia por interaccionar coas pezas de construción impedía ter un mínimo de organización, calma... hai que compartir! 
E para rematar... quedaba a que foi a actividade que máis expectación levantou. Así, a partir dunhas estruturas e tubos de cartón, deseñamos uns percorridos nos que facer rodar unha bóla, tentando que non caese ata chegar ao final... canto rimos!


Unha vez máis, e grazas a este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e calidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!
E agora?... Pois en nada comezamos o sprint final do curso cunha morea de actividades que nos servirán como alicerce para despedir como ben se merece a MUNELA e dar a benvida por todo o alto a MUNÍBAL... será unha fin de curso espectacular!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: