Bienvenido

BIBLIOTECA NODAL.

viernes, 26 de abril de 2019


Esta semana, comezamos o 3º trimestre coa celebración establecida no calendario escolar da Semana do Libro 2019.
Esta conmemoración non pasou desapercibida na  nosa aula e realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador foron os contos.
Comezamos na asemblea matinal conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os clásicos de sempre como Caperucita Roja e Los 3 cerditos, ata os máis actuais como Peppa Pig e Frozen.
 

Do mesmo xeito, o martes, elaboramos un marcapáxinas de MUNELA para empregar acotío na casa. Coloreamos cara, pelo e cornos, amodo, sen saírnos do contorno e sen deixar ocos, prestando atención ás cores correspondentes de cada parte. Xa por último, pegamos o ollo na parte central e... marcapáxinas listo!...


Ao tempo, con enerxías renovadas logo das vacacións, o mércores visitamos a Biblioteca Pública sita preto ao cole, participando activamente nas actividades propostas.


Comezamos lembrando algunhas normas básicas de urbanidade para evitar o caos do pasarrúas do Arde Lvcvs MMXVIII: agarrados da nosa parella, non andar moi rápido nin moi despacio, non baixar da beirarrúa...




Xa na biblioteca, tivemos unha sesión de contacontos cuxos protagonistas foron unhas galiñas e... un lobo!... xusto o personaxe que precisabamos para non perder detalle... fantástico!


Deseguido, da man da bibliotecaria, tomando como eixo motivador a historia dun pirata e do cofre do tesouro que deixou para nós, descubrimos que na biblioteca ademais de libros, hai vídeos, CD, discos, películas...


Tamén que os libros poden ser grandes ou pequenos, grosos ou delgados, con debuxos ou sen debuxos, con letras ou sen elas, de distintas formas...
Neste senso, os libros están ordenados por materias. Nun lado están os libros de contos, noutro os dicionarios e as enciclopedias, noutro os libros de viaxes... e para atopar un libro só temos que buscar axuda na bibliotecaria ou bibliotecario.


Abraiados e sen perder detalle estivemos o tempo que durou a motivación do pirata no que ao tempo, se nos foron presentando algunhas normas de uso da biblioteca: débese estar en silencio ou falar baixiño para non incomodar a outras persoas, coidar os libros como se fosen teus, despois de usar un libro volvelo poñer no lugar onde estaba, devolver os libros e demais materiais nas datas establecidas... canto aprendemos!


Como actividade de peche, que mellor que un tempo de manipulación libre na sala de lectura cunha morea de contos dispostos para tal efecto. Uf!... había libros de aventuras, de maxia, de inventos, de animais, de bruxas, cómics... había libros para todos os gustos!





Os días posteriores, e dado o cúmulo de experiencias vividas, nas asembleas matinais comentamos que foi o que máis nos gustou da saída. Neste senso, axiña coidamos que nos gustaría facer o carné da biblioteca para poder levar para a casa, alomenos, o DVD de Harry Potter e/ou Mary Poppins, deixando unha testemuña da experiencia nuns debuxos aos que cada vez lles faltan menos detalles... parabéns!


Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: