Bienvenido

XOGO SIMBÓLICO E XOGO DRAMÁTICO.

viernes, 13 de abril de 2018

Sabedores das posibilidades que nos ofrece a expresión corporal como forma de comunicación e representación, estes días rediversificamos e reconceptualizamos -se cabe aínda máis-, o rincón de xogo simbólico; espazo onde se produxo a recente incorporación de BELINDA, DAVID MANUEL & ROSANA...
Nesta ocasión, non se tratou da presentación de novos babies, senón de algo que agochaban os maletíns de cor vermella e rosa sitos nun dos estantes do espazo do rincón de xogo simbólico: o kit de médicos e o set de perruquería... que boa nova!
Así pois, e como recompensa ao traballo desenvolto durante estas semanas, descubrimos e identificamos algúns dos accesorios propios destes maletíns: o peite, secador e espello de man do SALÓN DE BELLEZA e o termómetro, fonendoscopio e mesmo xiringas do kit de MÉDICO.


Sen lugar a dúbidas, tratábanse de materiais de sobra coñecidos, por iso axiña prestamos atención a como debiamos empregalos para que non se estraguen e así cumprir a finalidade establecida.
Porén, e como consecuencia inmediata, co emprego sistemático destas novas adquisicións, achegámonos ao coñecemento e valoración positiva de oficios e profesións do contorno próximo, centro de interese do inminente caderniño nº6 de MUNA.
Creamos e recreamos o SALÓN DE BELLEZA, peiteando a todo aquel que se deixe, tamén a Suso Caruso e a Mica, agardamos a nosa quenda sen desesperar, mirámonos no espello de man...


No canto do kit de MÉDICOS, convertémonos en expertos no uso do fonendoscopio, auscultándonos a nós mesmos, simulando a respiración fonda que nos indica o médico na súa consulta... a recreación deste momento na asemblea por parte de IAGO foi real como a vida mesma...


Neste senso destacar, que nalgúns casos séguenos custando aceptar ter que esperar a nosa quenda e respectar as regras dos xogos, compartir cos demais e amosarnos conciliadores nos conflitos que xorden no xogo, pedir perdón, aceptar os erros..., coidamos acadalo, de momento... paciencia...
Ao tempo, con esta e outras actividades lúdicas que iremos engadindo á nosa parrilla de clase ligadas á expresión corporal, avanzamos no control e dominio de sensacións, sentimentos e emocións adoptando o rol propio de personaxes próximos á nosa realidade, propiciando experiencias corporais que favorezan posturas e interaccións co espazo (obxectos, adultos e grupo de iguais), recoñecendo as posibilidades de movemento do corpo, adquirindo cotas maiores de autonomía persoal e social, favorecendo a construción da propia identidade...
Agora xa, aproveitando que din que nos próximos días comeza o tempo propio destas datas, simultaneamente aos traballos de MUNA, observaremos e exploraremos algúns dos elementos representativos da primavera, participando activamente na elaboración do mural do noso corredor... benvida primavera?? 


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: