Bienvenido

SEMANA DO LIBRO 2018.

viernes, 27 de abril de 2018

Esta semana, participamos activamente no desenvolvemento de múltiples propostas de traballo relacionadas coa Semana do Libro 2018.
Como non podía ser doutro xeito, nunha aula como a nosa na que a lecto-escritura convértese nunha aprendizaxe máis, esta actividade conmemorativa non pasou desapercibida e realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador, unha vez máis, foron os relatos, contos e a literatura infantil.
Comezamos reunidos na zona da asemblea conversando sobre os nosos contos preferidos, dende os máis clásicos como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata os máis actuais como: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen...
Esta conversa, na que a asemblea se converteu nunha estratexia ideal como lanzadeira de ideas previas, serviu para identificar e valorar a literatura infantil como elemento estimulador da imaxinación e creatividade.


Porén, e sabedores das aportacións dos contos no noso proceso de desenvolvemento integral, esta semana a sesión de contacontos cobrou, se cabe, cun protagonismo extra. Así, a partir dos contos aportados case diariamente por parte do grupo-clase, xuntos creamos un clima que resulta tan grato e estimulador para a adquisición de técnicas relacionadas co proceso de lecto-escritura, ilusionámonos cun ambiente propicio á lectura e contaxiámonos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.


Asemade, aproveitamos para descubrir que centro de interese nos depara o libro nº6 que servirá para despedir a MUNA e recibir a MUNELA, a mascota de 4 anos... que boa nova!
Pero... sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Xa no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, aínda que no caso de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.
Neste senso, realizamos un primeiro achegamento a unha das obras máis destacadas da literatura española: El Quijote de Miguel de Cervantes.


Deste xeito, os días véspera a esta celebración, o corredor converteuse no escenario improvisado dos personaxes máis representativos dunha das principais obras da literatura universal: Don Quijote de la Mancha, Sancho Panza, Dulcinea del Toboso, Rocinante, Rucio...
Sen perder detalle, aprendemos os seus nomes, identificamos algúns dos seus atributos -a lanza de Don Quijote foi o que máis nos chamou a atención-,  cores, formas, tamaños e proporcións nun museo improvisado onde está prohibido tocar estas obras de arte a gran escala... so se pode mirar!


Xa na clase, deixamos constancia de todas estas aprendizaxes recreando unha das escenas máis emblemáticas de Don Quijote: a obsesión cos muíños de vento que, lonxe de ser xigantes, son construcións de pedra, cemento e ladrillo. Prestamos atención á cor de cada espazo, creando por primeira vez con cera plástica a cor gris para a armadura de Don Quijote...


E para rematar, que mellor que mellor agasallo que un marcapáxinas co que marcar nos nosos contos a páxina na que quedamos... fantástico!


Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

NURIA LOPEZ dijo...

Estupenda la manera de introducir otros contenidos, aspectos y valores de manera tan entretenida y divertida. Aprenden tanto sin darse cuenta....