Bienvenido

BENVIDA PRIMAVERA!

viernes, 20 de abril de 2018

Sen lugar a dúbidas, as modificacións que se producen coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar de primeira man elementos propios da primavera.
Siii, por fin a primavera xa está aquí!, e con ela os días serán máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade...
Para comezar, reunidos na zona da asemblea levamos a cabo un torbeliño de ideas no que tiñamos que dicir obxectos, elementos, situacións... relacionadas coa primavera: bolboreta, árbore, sol, abella, herba, paxaros, arco da vella, caracois e... flores, moooitas flores.
Consecuentemente, e xa que as flores convértense na proba irrefutable da chegada da primavera, comezamos o mural que pronto decorará o corredor.


Había flores colorín coloradas: vermellas, azuis, rosas, laranxas..., así que en primeiro lugar, de xeito organizado, eliximos a nosa flor favorita para ter un extra de motivación... restaba traballo que picar... paciencia...


Tamén, como outro dos elementos máis representativos da primavera, decoramos unha árbore: pintamos o tronco de cor marrón e para a parte máis alta -a copa-, desenvolvemos un improvisado obradoiro de expresión plástica no que creamos a cor verde engadindo unhas cantas pingas de témpera de cor amarela e outras cantas pingas de cor azul, botando máis ou menos dunha ou outra segundo a intensidade da cor desexada... abraiante!


Con estas e outras actividades concluímos que na primavera saen as flores, as follas das árbores son de cor verde clara, escura..., xa non vestimos tan abrigados como no inverno...etc
Por outra banda, todas estas aprendizaxes víronse o luns rediversificadas coa tan agardada visita á horta escolar, logo de que en anteriores ocasións por mor do mal tempo resultase imposible.


Neste senso, como vén sendo decote dende o 2º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe da horta” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos da necesidade de coidar as plantas da contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Organizados en pequeno grupo plantamos unha cebola babie. Para iso, mentres uns sachaban co apeiro de labranza aportado para a ocasión -o sacho-, outros fixeron cun pau un buraco na terra, para por último, sementar a cebola e soterrala con coidado... que situación tan fantástica!... sen decatarnos recreamos algunha das funcións propias do granxeiro e granxeira que MUNA, PABLO e BERTA visitaron na unidade 5... xenial! 




Esta actividade, serviunos para lembrar algunhas necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de coidar e conservar o medio natural; un medio natural onde apareceron varias miñocas de terra que estupefactos aloumiñamos con coidado para non asustalas... que momento!


Nooon!... Non pensedes que a primavera só trae consigo traballo, é que deixamos o mellor para o final... pois ademais de todo isto, este tempo trae a posibilidade de gozar de novo do patio... que boa nova!... Porén, aproveitando os raios de sol de toda a semana e ataviados coas gorras para protexernos do sol: corremos, saltamos, trepamos, rodamos..., e suamos, canto suamos!...


Agora si que si... BENVIDA PRIMAVERA!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Jose dijo...

É fantástico todo o que aprenden, e ven os cambios da primavera e se decatan q os dias son mais longos... para xogar mais, durmir un pouco menos e ir un pouco cansados ó cole sobretodo os luns

Pablo F dijo...

Martín esta semana non cabia en sí, TERRA, VERMES, SACHO... co que lle gustan estas cousas se xa iba contento ó cole así máis todavía. Jejeje