Bienvenido

EN FORMA!...

viernes, 24 de noviembre de 2017

En Educación Infantil, a distribución do tempo concíbese baixo criterios de globalidade e integridade no que se combinan tempos de actividade con períodos de descanso e actividades individuais con relacións de grupo.
Neste senso, esta organización temporal contempla a secuencia lóxica de momentos educativos onde desenvolvemos unha serie de rutinas e ritmos cotiás que nos ofrecen unha nova forma de coñecer o contorno que nos rodea, posibilitando o desenvolvemento de cotas maiores de autonomía e o coñecemento de nocións secuenciais como “antes”, “despois” e “agora”.
Porén, ademais das rutinas que vertebran os diferentes momentos de cada xornada escolar propios da nosa aula dos que xa vos fixeramos partícipes a principio de curso, esta semana prestaremos atención ao tempo das especialidades, concretamente a Educación Física (Psicomotricidade).
Así pois, cada luns, logo do momento do patio, participamos activamente nas sesións de Psicomotricidade no pavillón disposto para tal fin. Para disfrutar como é debido, de obrigado cumprimento roupa e calzado axeitado que permitan axilidade e liberdade de movementos... fantástico!


Asemade, e para que todo resulte segundo o previsto, grazas a PEDRO, o profe de Psicomotricidade, desenvolvemos unha secuencia e orientacións na posta en práctica de cada sesión,... as rutinas seguen resultando fundamentais.


En primeiro lugar, quentamos e preparamos o noso corpo con variados exercicios e xogos motores... bo comezo! 


Tamén repasamos as normas e regras de seguridade establecidas no pavillón (ximnasio), pois a pesar de ser un espazo aberto que invite máis que a propia aula á dispersión, aquí tampouco... non todo vale!...


Xa logo, executamos a actividade, cada día diferente: circuitos, rincones, xogos populares e de rol, contos motores... empregando diverso material no que o propio corpo se establece, neste ámbito, no recurso fundamental por excelencia... perfecto!


Con este tipo de actividades, avanzamos no dominio e control da psicomotricidade grosa e fina, coordinación de movementos, esquema corporal, lateralidade, ton muscular, integración en xogos grupais, respiración...


E para rematar, chega a parte máis tranquila de cada sesión no que o noso corpo precisa relaxarse e voltar á calma a través de actividades de relaxación: en silenzo respiramos, inhalamos e exhalamos escoitando case case o latexo do corazón... así si que si!


Sabedes que ademais da intervención de Pedro, contamos coa asistencia semanal doutros mestres especialistas dos que tentaremos facervos partícipes en vindeiras entradas, así que seguide atentos ao blogue... isto promete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"MOOOI BONIIITOOO"...

viernes, 17 de noviembre de 2017

Posiblemente xa oístes falar de PABLO, BERTA e MUNA. Pois ben, mergullados en “Los increíbles Mun”, desenvolvemos variadas actividades nos libros de maiores clasificados por equipos na zona de traballo obrigatorio.
 “Los increíbles MUN” son uns monstros peludos, con moitos dentes e de moitas cores. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: MUNA, MUNELA e MUNÍBAL.


Así, neste primeiro curso de 3 ANOS, contamos con MUNA, un pequeno monstro de cor laranxa con dous ollos, dous cornos de cor amarela e 2 dentes.
MUNA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se ocultan ao seu redor.
Durante todo este tempo, MUNA atoparase situada nun lugar privilexiado da aula e converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a través das súas fascinantes historias, cada centro de interese: a casa e a familia, a alimentación, a rúa e as tendas, os animais e plantas, os medios de transporte e profesións, as paisaxes... canto traballo!


Deste xeito, co gallo da dimensión dos Mun, fai unhas semanas estreamos os cadernos de traballo que nos facilitan un primeiro achegamento a distintas técnicas instrumentais básicas: rodear, riscar, colorear...


Para comezar, como actividades previas e de motivación, coñecemos algunhas das normas de uso dos libros. Somos nós os encargados de buscar a actividade impresa -pasando unha a unha cada folla-, os libros non son para xogar, nin para erguer da mesa, rachar ou dobrar... -amodo que se estragan!-...


Ao tempo, os primeiros días en pequeno grupo, agora xa en gran grupo, iniciámonos no uso de diferentes materiais escolares: ceras, rotuladores, lápis, témpera de dedos, gomets... erguéndonos, de ser necesario, con orde, e traballando en silenzo, sen molestar aos demais... pouco a pouco...


Rodeamos, riscamos, unimos, coloreamos, pegamos gomets, pintamos con pincel... sen présa, prestando cada vez máis atención ao traballo propio e despreocupándonos do alleo... paciencia!


Agora xa, sabemos que no tempo adicado ao traballo obrigatorio en mesa, debemos estar atentos na explicación de cada actividade no momento da asemblea para saber que facer despois. Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor que sabemos, e así, cando levemos os materiais para as nosas casas, as nosas familias se poñan contentas, moooi contentas...


Non se trata duns libros calquera... nooon!! Trátase duns libros diferentes, especiais; son libros de súper-maiores, con actividades interesantes dabondo que nos axudarán a comprender o noso pequeno-gran mundo...
Cada vez máis entusiasmados polo traballo cotiá, agardamos con ilusión todas as sorpresas que nos agarda este mes de decembro no que vos intentaremos contaxiar da maxia do Nadal... preparados! 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

OUTONO CHEGOU...

viernes, 10 de noviembre de 2017

Cun chisquiño de retraso, esta semana farémosvos partícipes do traballo desenvolto a partir da nova estación que agora si que si comezou: o outono.
Se nos mergullabamos para a celebración do Halloween-Samaín da man das pantasmas Enrique e Hu, nesta ocasión, a decoración do mural do noso corredor serviu de alicerce excelente co que achegarnos á observación, descubrimento e identificación dalgúns dos cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
Para comezar, tomando como elemento representativo do outono as follas das árbores, con pincel e témpera pintamos cadansúa folla do outono de cor marrón, amarela, vermella, verde e laranxa... sabiades que as follas do outono non son todas marrón?...


O certo é que, aínda que queda moito camiño por percorrer, cada vez amosamos, nalgúns casos, máis interese por facer o traballo cotiá do mellor xeito posible: agardamos a quenda de traballo con relativa paciencia, traballamos amodo, sen correr, prestando atención ao traballo propio e non ao alleo... non debemos esquecer que... non todo vale!


Ilusionados e expectantes cando saímos decorar o corcho ao corredor, axiña descubrimos que había unhas letras que presidían o mural nas que os nenos e nenas de 5 anos compuxeron con letras móbiles “OUTONO” a partir do coloreado, picado e pegado de froitos propios destas datas como cogomelos, noces, castañas...


No noso caso, recreamos unha vide con varios acios dunhas uvas diferentes, tratábase dunhas uvas especiais...; pois na súa parte central podíase ver a nosa fotografía, a mesma coa que identificamos a nosa cadeira para sentar ou a percha na que colgamos as prendas de abrigo... fantástico! Bonito, bonito quedou o corcho vestido de outono...


Ao tempo, grazas ás conversas dirixidas das asembleas matinais, aprendemos a valorar a necesidade de abrigarse nesta época do ano.
Así, e tras ollar as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (chuvasqueiros, botas, paraugas…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.
Aha, así siii!... ben abrigadiños, aproveitando os raios de sol de media mañá, gozamos do momento do patio no que deixamos que o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia... xuntos formaremos o mellor equipo!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!