Bienvenido

OUTONO CHEGOU...

viernes, 10 de noviembre de 2017

Cun chisquiño de retraso, esta semana farémosvos partícipes do traballo desenvolto a partir da nova estación que agora si que si comezou: o outono.
Se nos mergullabamos para a celebración do Halloween-Samaín da man das pantasmas Enrique e Hu, nesta ocasión, a decoración do mural do noso corredor serviu de alicerce excelente co que achegarnos á observación, descubrimento e identificación dalgúns dos cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa chegada do outono.
Para comezar, tomando como elemento representativo do outono as follas das árbores, con pincel e témpera pintamos cadansúa folla do outono de cor marrón, amarela, vermella, verde e laranxa... sabiades que as follas do outono non son todas marrón?...


O certo é que, aínda que queda moito camiño por percorrer, cada vez amosamos, nalgúns casos, máis interese por facer o traballo cotiá do mellor xeito posible: agardamos a quenda de traballo con relativa paciencia, traballamos amodo, sen correr, prestando atención ao traballo propio e non ao alleo... non debemos esquecer que... non todo vale!


Ilusionados e expectantes cando saímos decorar o corcho ao corredor, axiña descubrimos que había unhas letras que presidían o mural nas que os nenos e nenas de 5 anos compuxeron con letras móbiles “OUTONO” a partir do coloreado, picado e pegado de froitos propios destas datas como cogomelos, noces, castañas...


No noso caso, recreamos unha vide con varios acios dunhas uvas diferentes, tratábase dunhas uvas especiais...; pois na súa parte central podíase ver a nosa fotografía, a mesma coa que identificamos a nosa cadeira para sentar ou a percha na que colgamos as prendas de abrigo... fantástico! Bonito, bonito quedou o corcho vestido de outono...


Ao tempo, grazas ás conversas dirixidas das asembleas matinais, aprendemos a valorar a necesidade de abrigarse nesta época do ano.
Así, e tras ollar as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (chuvasqueiros, botas, paraugas…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.
Aha, así siii!... ben abrigadiños, aproveitando os raios de sol de media mañá, gozamos do momento do patio no que deixamos que o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia... xuntos formaremos o mellor equipo!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Iago dijo...

... marrón e amarelo.


Antes de nada agradecerche esta xaneliña onde fasnos partícipes do día a día dos nosos pequechos.

Paréceme estupendo aquelo de "... non todo vale..."

Jose dijo...

Cal é o truco para que estén todos sentados e traballando?