Bienvenido

HABÍA UNHA VEZ...

viernes, 26 de febrero de 2010

A partir desta semana, incorporamos unha nova rutina á nosa parrilla de clase, a do préstamo de biblioteca, unha actividade cunha periodicidade semanal que se convirte nun indiscutible recurso didáctico para o desenvolvemento lingüístico e para a consabida adquisición de técnicas vinculadas co proceso de lecto-escritura.
Trátase dun préstamo semanal (de xoves a xoves) que propiciará un sempre grato encontro co mundo dos contos e da lectura que creará un clima que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.
Ademais, tamén servirá para que nos familiaricemos coa dinámica da biblioteca -unha das nosas asignaturas pendentes-, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e tamén para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias leremos o conto escollido co obxectivo de comprender a súa liña argumental, xa que cada xoves, nomearemos un encargado por rigurosa orde da casiña do panel de rutinas, que “lerá” o conto ao resto de compañeiros e compañeiras a través da intepretación das imaxes e ilustracións co compoñen.
A través da narración dos contos aprenderemos a escoitar, a pensar, a adquirir un primeiro código moral, a ver as cousas cos ollos da imaxinación, estimulando a creatividade, o pensamento diverxente e o sentido crítico.
Neste sentido, hai que dicir cos contos seleccionados para o préstamo están escritos en letra maiúscula e aqueles que recollen os fonemas traballados ata agora poden ser silabeados por aqueles nenos e nenas que non amosan problemas na súa identificación. Por iso, cun pouquiño de paciencia, durante a semana co conto estará na casa, as nosas familias podrán observar e comprobar en primeira persoa como damos os primeiros pasos na lectura, uns pasos tímidos, pero seguros, que constitúen as estruturas máis sólidas para que ese linguaxe marabilloso que nace do libro renaza en calquera momento e tantas veces como queiramos... algo fascinante, non credes?
Entre moitíiiiiiiiiiisimas das actividades que podemos levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e a realizar unha transposión dos feitos ás experiencias vividas, tamén actividades de ilustración, como debuxar o personaxe favorito do relato a escena que máis nos gustou, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas do conto ou tamén actividades de creación de historias como a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico propostas por Gianni Rodari na súa obra Gramática de la Fantasía (1985).
Esta semana a rutina foi algo diferente ao que tiñamos pensado, pois o feito de ca biblioteca non estivese operativa supuxo unha modificación nos plans establecidos, tivemos que levar a cabo o préstamo na clase, pero dándolle a importancia ca actividade merecía.
En primeiro lugar, o profe presentóunos cada conto, algo que quizáis se nos fixo algo longo, pois o que realmente queriamos era manipular, tocar, observar... os contos que día a día fomos descubrindo na asemblea matinal.
Logo, e tras lembrar que cada semana os contos deberán vir en perfecto estado, unha das normas do “Rincón da Biblioteca” da aula que levamos a cabo dende o curso pasado e que debe ser acatada, tamén, no ámbito familiar, comezamos co proceso de selección, un proceso que suscitou polémica, pois case todos queriamos o mesmo conto: curioso, verdade?...
Nin moito menos esta situación supuxo problema algún, xa que tiñamos claro ca elección fariase por orde da casiña, así que toca agardar a ser o contacontos e desta maneira ser os primeiros en elexir.
A medida que iamos collendo o conto, o profe ía anotando o título de cada un no “Dossier do Préstamo Semanal” que, entre todos, elaboramos para tal fin e no que cada un tivo que escribir o seu nome na folla correspondente na que se recollerán os seus préstamos semanais.
Agardamos que axiña podamos dicir ca actividade se convertiu nunha realidade rica e froitífera, en onde os obxectivos marcados nun primeiro momento se diversifiquen e amplíen contribuíndo ao noso desenvolvemento global e integral. Sen dúbida unha ambiciosa tarefa, pero unha vez máis contamos coa vosa axuda... mil millóns de grazas!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

YABADABADOOOOO!!!

viernes, 19 de febrero de 2010

Buffff, despois de tantos días sen dar sinais de vida aquí estamos de novo para contarvos, en esta ocasión, a celebración do antroido no colexio, un dos acontecementos que marca o curso e que propicia situacións que se converten en excelentes recursos educativos para os procesos de ensinanza-aprendizaxe da nosa aula.
Desta maneria, a festa do venres estivo precedida dunha semana chea de “antroidadas”, pois, para celebrar a chegada do Antroido, un curso máis, o cole dispuxo nos corredores do pavillón norte e sur o “Toribiño”. Que non sabedes quen é?...
O Toribiño é un esquelete que, cada ano visita o noso colexio cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos levar o próximo día ao colexio. Este ano tocou: para o luns un sombreiro, no martes unha garavata, para o mércores unhas gafas e no xoves un mandil. Podedes facervos unha idea de como iamos e, aínda que este acontecemento mudou o normal desenvolvemento de cada xornada, sentímolo profe, agardabamos con ilusión o día seguinte para acumular unha nova consigna ao noso estilo particular.
Todas estas consignas establecidas diariamente polo Toribiño, servían de base para preparar a festa do Antroido do venres.
Este ano, o centro de interese para todo o colexio partiu da temática que se está desenvolvendo dende o Equipo de Biblioteca: “A Máquina do Tempo: unha viaxe ao pasado”, así cos disfraces e indumentarias de épocas pasadas estaban aseguradas: época medieval, vikingos, exipcios, romanos, gregos...
Nós, os nenos e nenas de Educación Infantil, como primeiro eslabón do sistema educativo non podíamos ir doutra cousa, siiiiii..., da Idade de Pedra!, concretamente fomos de “Los Picapiedra”. A cada nivel tocoulle un personaxe destes debuxos animados que, aínda que nos quedan un tanto desfasados, vimos algún que outro capítulo comprobando como as series de toda a vida son un éxito garantizado.
Os de 3 anos ían de Pebbles e Bam-Bam, os maiores, os grupos de 5 anos ían de Pablo e Betty Mármol e, nós, os nenos e nenas de 4 anos iamos de Pedro e Wilma Picapiedra, estabamos impresionantes cuns disfraces nos que as nosas familias non escatimaron nin o máis mínimo detalle, coma sempre... mil millóns de grazas, os Pedro e Wilma Picapiedra estaban sensacionais!!!
Como non podía ser doutra maneira, a Idade de Pedra, converteuse no centro de actividade ao longo desa semana: descubrimos como se chamaban aqueles homes que vivían na época dos dinosaurios, como eran as súas casas, as súas roupas, como se alimentaban e como vivían... ademais, aprendemos un pouco máis dunha temática que nos resultou fascinante: os dinosaurios.
O tema non era algo novo, pois máis dun tiña algunha idea sobre os dinosaurios; pero, a partir dos libros que nos levou o profe, cada día aprendemos un pouquiño máis daqueles animais que viviron fai xa máis de 65 millóns de anos: como nacían, de que se alimentaban, descubrimos que algúns eran herbívoros e outros carnívoros, que algúns podían voar e outros ata nadar e, as razóns polas que desapareceron, algo que nos deixou coa boa aberta. Convertémonos en pequenos-grandes expertos de dinosaurios, non se nos escapa un: o triceratops, o stegosaurios, o torosaurio, o tiranosaurio-rex, o cabeza inclinada, o ladrón del amanecer...
Cando por fin chegou o día do desfile espectaculares acudimos ao colexio e, tras sacar algunha fotografía deste momento que lembramos durante o resto do curso, paseamos por todas e cada unha das rúas de Rianxo; algo longo e cansado, si, pero coidamos que pagou a pena observar como cada ano o noso pobo se entrega a este momento converténdose en todo un acontecemento social. Durante o desfile cantamos, saltamos, zapateamos e... YABADABADOO!!, este era o grito que repetíamos deixando claro de que iamos disfrazados.
Xa de novo na clase, tocaba repoñer forzas e, para iso, o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que cada un de nós aportou, había de todo: roscas, freixós, orellas... uummmm, estaban deliciosos!!!
Para despedir o Antroido e volver de novo á tranquilidade e ao sosiedo, o venres seguinte ao do desfile, asistimos novamente disfrazados ao cole, pero desta vez cada un podía vir daquilo que máis lle gustaba e, converterse, aínda que só sexa por un día, no seu heroe ou princesa preferida, había princesas, indios, zorros, un caballero de la mesa cuadrada e ata unha nécora, aiii non... era un Gormiti, non si?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!




SABER MÁIS PARA COMER MELLOR.

viernes, 5 de febrero de 2010

Ao longo destas semanas, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas” unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria... que quere dicir isto? Moi atentos que axiña o comprenderedes.
Durante estas semanas non levamos merenda ao cole, xa que entre os días 11 e 29 de xaneiro procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizábase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución foi mazá, pera, plátano e mandarina.
Durante estas merendas aprendimos a comer froita, algo que para moitos de nós foi todo un descubrimento e, ante as reticencias iniciais dalgún compañeiro, pouco a pouco todos e todas acabamos comendo froita; se ben é certo comezamos cun anaco pequeno, pero ao ver ao resto de compañeiros entusiasmados coa inciativa, quen máis e quen menos pedía outo anaco da froita dese día... estaban deliciooooosas!!!
Esta iniciativa permitiunos establecer múltiples relacións coa Educación para a Saúde, un eixo transversal que pretende fomentar a adquisición de hábitos de saúde adecuados referidos á alimentación, hixiene e descanso.
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro e, especialmente na etapa educativa na que nos atopamos, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces para conseguir unha boa calidade de vida, convertindo á Educación Infantil nun dos espazos máis favorables para cos nenos e nenas adquiran e incorporen condutas saudables dende pequenos.
Deste xeito, neste curso xordeu a necesidade de establecer un horario de almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente: luns-peza de froita do tempo, martes-lácteos, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres... o que máis nos gusta de toda a semana. Sen lugar a dúbidas, esta experiencia propicia un cúmulo de situacións que promoven a adquisición de hábitos e un estilo de vida saudable, pois aqueles alimentos que, nun principio non estabamos acostumados a comer, agora, co paso dos días, descubrimos que están de rechupete, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das familias, coma sempre... mil millóns de grazas!
Aproveitando a temática relacionada coa saúde, tamén durantes estes días, o profe presentounos a dous novos habitantes de “El País de las Letras”: o leiteiro L e a doutora T.
O leiteiro L, resultaba fundamental en “El País de las Letras”, pois os nenos e nenas medraban sans e fortes grazas a el, porque como sabemos o leite é un alimento moi importante. O leiteiro, o señor L, facía manteiga co leite que lle sobraba e vendíalla ao pasteleiro, tamén facía batidos, que lle levaba á doutora para que llelos receitase aos nenos enfermos, e facía queixo para vender, porque o queixo é moi nutritivo e pon tan forte coma o leite.
Pola súa parte, a doutora T tamén xoga un papel vital na vida dos habitantes deste país. Tratábase dunha doutora que curaba dunha maneira moi agradable: receitaba xarope de amorodos, de limón, de chocolate, de vainilla... e cando os nenos o bebían, non sabía a xarope, senón a batidos de amorodos, limón, chocolate ou vainilla. Ademais, un día a princesiña I púxose doente, como non melloraba e non deixaba de tusir os seus pais chamaron á consulta da doutora T e... o resto da historia? mellor en persoa...
Por outra banda, a semana pasada tivemos unha visita moi especial na clase: un contacontos que veu a contarnos a historia duns personaxes trepidantes. No desenvolvemento do seu argumento coñecimos, por un lado aos “Amigos da Hixiene” que eran Pompitas, o señor Gel, o Champú, Frotadentes e Critalina e, polo outro, os "Malos da Historia": Caries, o Señor Piollo e a Pandilla de Gérmenes. Unha emocionante aventura coa que descubrimos como os “Amigos da Hixiene”, unha vez que xuntan os seus superpoderes, convértense nos “Superheroes da Hixiene” e onde Cristalina desenvolve funcións esenciais na hixiene das persoas.
Como vedes, unha semana máis repleta de experiencias, aprendizaxes e situacións na que aprendimos, dunha maneira divertida e desenfada, contidos de vital importancia que contribúen ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que facilitan sistemas de vida saudables no que a alimentación convértese na base do crecemento e fonte de saúde.
Agora tócavos a vos... que vos pareceu esta iniciativa?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!
UUUMMM... RICO, RICO!

SSSCH, SILENCIO... COMEZA O CONTO!