Bienvenido

REIS E MAGOS...

viernes, 13 de enero de 2012

Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e así ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas e ao profe.
Como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: canción dos bos días, elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, pero claro, como podedes imaxinar, a conversa centrouse casi exclusivamente nos agasallos que nos trouxeron Papá Noel e os Reis Magos. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e viñeron máis cargados de agasallos ca nunca: bicicletas, bonecas, coches de carreiras, patinetes e unha lista interminable dos xoguetes máis ultra-modernos do mercado
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata que o profe se decatou que ao carón da fiestra había un sobre no que se lía: “Los Reyes Magos”. Sónavos?.
Neste contexto as hipóteses foron innecesarias, xa que todos dimos coa solución... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente deixárannos unha nova carta na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real.
Pero… non nos deixaron agasallos?... Pois de non ser pola axuda do profe, non nos decatariamos de que no rincón da cocinita había un agasallo do Rei Melchor, outro agasallo do Rei Gaspar e outro agasallo do Rei Baltasar, e non será porque o profe non nos mandara a varios de nós a facer “recados” a esta zona da clase, pero nada... estabamos dormidos!!
Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que o profe lles entregara na súa visita ao cole,… acaso dudábadelo? Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran, pois non tiñamos nin a máis remota idea do que se podía agochar en cada un.

Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do Rei Melchor, -fenomenal, xusto o que precisabamos para o rincón de lóxica-matemática! Aínda que para disfrutalos teremos que ser un pouquiño máis maiores-.

Logo abrimos o agasallo do Rei Gaspar, -fantástico, acertadísimo, agora poderemos recoller as vellas e deixar estas… noviñas!-

Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do Rei Baltasar, -agora si que a imos ter… quen non vai querer ir ao rincón da cocinita? Sensacional!-

Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar requeteben tanto na casa coma no colexio, traballar como nenos e nenas maiores…
Asemade, e aproveitando o conto da unidade didáctica na que Papelote levou para o cole o seu agasallo de Nadal favorito, o profe deixounos levar o venres o noso xoguete preferido. Había de todo e para todos os gustos: coches de carreiras, xogos de mesa, unha motoserra para cortar leña e, sobre todo, bonecas, moooitas bonecas… Aquí quedaron máis que evidentes os estereotipos e prexuízos dos nenos cara os xoguetes das nenas. Unha boneca?... Nooon!
A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!

Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole... e lembrade, non esquezades que... os Reis Magos existen, existen no corazón de cada un dos que cren neles!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... ESTÁN MÁIS CERCA!

jueves, 5 de enero de 2012

A mañá do martes 20 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Así, e tras as rutinas de entrada e da asemblea matinal coma se dun día máis se tratase, cando o profe se dispoñía a explicar a actividade que levariamos a cabo antes de ir a Psicomotricidade, un sobre chamou a súa atención e, como podedes imaxinar, rompeu o normal desenvolvemento da xornada.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer e entre todos axiña descubrimos que a carta viña nada máis e nada menos que... das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, a-lu-ci-nan-te!
Cos ollos e as orellas abertas, moooi abertas, e coa boca pechada, moooi pechada... escoitamos con atención ao profe, non perdimos detalle do que poñía a carta.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, pedíannos que fosemos preparando as nosas cartas, pero... onde as botariamos? Pois está claro, no buzón que Silvia L., a profe de P.E.L.O., nos emprestou para a aula... unha idea fantástica Silvia, mil millóns de grazas!



















O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: coches, bonecas, carritos e cunas de bebés, avións, patinetes... e tamén algún dos contos que traballamos ao longo do trimestre como o de El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) ou o de La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka), entre outros... agardamos que os Reis Magos se lembren dalgún deles...
Deste modo, unha a un, fomos saíndo ao encerado para elixir aquelo que nos gustaría que nos trouxeran os Reis Magos para pegar no modelo de carta que lles entregariamos cando o mércores viñeran a visitarnos ao cole. Como?... Que os Reis Magos van a vir ao cole?... Aquí apareceron as primeiras bágoas e medos, pero quen se agochou debaixo da mesa?...

O resultado, nalgúns casos moooi mellorable, aínda que coidamos que os Reis Magos non nos traian carbón negro porque eran os últimos días dun trimestre intenso e de moitos cambios para nós e xa necesitabamos uns días de vacacións.

O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas asembleas matinais, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos lle pediriamos ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lle poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar e claro, podedes imaxinar, o aluvión de cousas que se nos ocurriron nun abrir e cerrar de ollos.
Agora tan só queda agardar ao vindeiro luns 9 de xaneiro e descubrir, se nos trouxeron algo do que lles pedimos.
Dende logo, cando nos viñeron a visitar dixéronnos que nos portabamos moi ben, incluso, no e-mail que nos enviaron dende a “Fábrica dos Xoguetes” comentábannos datos irrefutables de como nos portamos no cole, na casa... e ata nos amosaron unha foto de cando celebramos o magosto, de novo... sen palabras!

E para repoñer forzas... unha merenda rica-riquísima, xa que para o derradeiro día de cole, cada un trouxo o seu postre de Nadal preferido: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... mmm, delicious!

E aínda quedaba o prato forte da mañá: a actividade dos “Cantos de Reis” organizada polo Equipo de Biblioteca do centro. Tratátabase de “intercambiar” panxoliñas entre clases. Tocounos facer a actividade coa clase da profe Thais que nos cantaron a panxoliña de “Os pitiños” e nós, convertidos nunhas auténticas súper-stars, lles cantamos “La Marimorena”; e sorprendentemente, ata os que resultaban máis reticentes na clase, estiveron... colosal!

Ao longo do trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, pero un que causou especial sensación foi o de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka). Así, ao tratarse dun conto especial, un conto que unicamente se vai ler durante os días previos ao Nadal, a primeira vez que foi lido na clase leuno un conta-contos moi, pero que moi especial, foi o Papa Noel favo do profe... súper-Paulo!
Da man dun súper-Paulo entusiasmado coa idea e moi metido no papel -canción de Martiño incluida-, escoitamos moi atentos o que lle sucedera a Martiño na Noite de Reis, así que xa sabedes, hoxe hai que deitarse ben cediño...

Tal e como vos prometeramos, con esta entrada agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2012!!

sábado, 31 de diciembre de 2011






UNHA PANDEIRETA SOA... BO NADAL!

domingo, 25 de diciembre de 2011

Moitos de vos estaredes aínda nerviosos e preguntándovos como Papa Noel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal todos os agasallos que estades disfrutando; senón é así, non vos preocupedes, xa que os Reis Magos non se esquecerán das cartas que lles entregamos persoalmente cando viñeron a visitarnos ao cole, e lembrade o que hai que facer na noite de Reis senón queremos que nos pase coma a Martiño…

Neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min, que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.
Deséxovos un BO NADAL e un PRÓSPERO ANINOVO 2012 no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade.


Un saúdo con sabor a turrón e mazapán e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

"EL 1 ES UN SOLDADO, HACIENDO LA INSTRUCCIÓN..."

viernes, 16 de diciembre de 2011

A piques de rematar o noso primeiro trimestre no cole dos maiores, decatástesvos de todo o que levamos vivido?...
Neste ano, tivo lugar un cambio moi importante nas nosas curtas vidas, estamos comezando a facernos maiores e por iso empezamos a vir ao cole, momento que moitos agardabamos dende xa había tempo.
Neste lugar no que nos fomos adaptando pouco a pouco, atopamos a uns compañeiros e ao noso profe J.Ricardo, cos que aprendemos moitas cousas novas que veredes nos traballos que fixemos ao longo do trimestre; sen esquecernos de tódolos hábitos e rutinas que de xeito sistemático realizamos día a día, algo que sen dúbida axudounos a conseguir cotas cada vez máis altas de autonomía persoal na realización das tarefas cotiás.
E é que durante a xornada… non paramos!!! facemos construcións, puzzles, modelamos plastilina, cantamos e bailamos cancións, aprendemos tamén a contar historias e a saber escoitalas. Inventamos ás veces os nosos propios xogos e aprendemos a compartilos, a respectar o turno e a deixar todo recollido cando veñen os duendes Colorín.
Non pensedes que todo é traballar, despois da merenda, cando vai bo tempo e saímos ao patio, a media mañá, deixamos que o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia… tras este descanso, vén o que máis nos gusta: o momento do conto, das cancións, do debuxo e dos rincóns.
Durante todo este 1º trimestre, no cole vivimos un sen fin de situacións e acontecementos que nos proporcionaron un cúmulo de experiencias que deixaron a súa pisada no noso modo de ver o mundo, no noso proceso de maduración e aprendizaxe; como o magosto, o Halloween e agora o Nadal.


Nesta semana, estivemos repasando algúns dos conceptos traballados ao longo do trimestre. Así, entre outros conceptos, traballamos as vogais, a forma circular, descubrimos as cores nos elementos da realidade e traballamos o número 1.
O número en Educación Infantil é un concepto que non se aprende, senón que se constrúe partindo de experiencias cotiás nas que manipulamos, agrupamos, clasificamos... diferentes elementos do contorno.
Deste xeito, para traballar o número 1, levamos a cabo actividades de vivenciación e referencia corporal (converténdonos en equilibristas de circo e camiñando, seguindo a direccionalidade correcta, por enriba dun gran número 1 trazado no chan), tamén actividades de expresión xestual (cando nas rutinas do súper-encargado contamos os nenos e nenas que non viñeron ao cole, os días da semana…) e actividades de discriminación e manipulación de obxectos (cada vez que recollemos e ordenamos os xoguetes en cadanseu lugar, en cadansúa caixa).
Pois ben, esta semana elaboramos o mural do número 1 con plastilina. Para iso, o profe repartiunos un anaco de plastilina que tiñamos que convertir nun número 1.










O certo é que nos resultou moi doado, xa que cando nos toca estar no rincón de plastilina, o profe sempre nos aconsella que fagamos moooitos números 1 para sí saber trazalos correctamente nas fichas.
O resultado, un mural no que cada un de nós aportou o seu graniño de area en forma de número 1… quedamos moi contentos co resultado!

Árbores e luces de cores… xa está aquí o Nadal! Así que seguide moi atentos ao noso blog e veredes como voltades a crer nos Reis Magos, xa que os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!…
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

... MMM, DELICIOUS!!!

viernes, 9 de diciembre de 2011

Este mes incorporamos unha nova rutina á asemblea matinal, e é que como faltan poucos días para a chegada do Nadal e con el un novo ano cargado de ilusións e sorpresas, o xoves 1 de decembro o profe trouxo, tal e como prometera, unha sorpresa: un “Calendario de Adviento”.
Así, cada mañá, abrimos a portiña do día correspondente e, o súper-encargado/a come a chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada unha das súas ventás... mmm, delicious!!!

Esta rutina cotiá, proporciona un cúmulo de experiencias que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, iniciación á suma, á resta, identificación e trazado de números… propicia multitude de conversas sobre esta data que tan máxica e especial nos resulta.
No noso “Calendario de Adviento”, aparece unha ilustración de Papa Noel no seu trineo co saco repleto de agasallos. Como non podía ser doutro xeito, do trineo tiran os seus compañeiros fieis: os renos.
Sabiades como se chama o reno que sempre vai de primeiro?... Chámase Rodolfo, un reno que ten o nariz de cor vermella e do que todos os seus amiguiños se rían ata que Papa Noel convertiuno no seu axudante máis especial. Deste xeito, Rodolfo sempre vai diante de todo para que Papa Noel non se perda polo ceo e os agasallos lles cheguen a todos os nenos e nenas que lle escribiron a súa carta, xa que “Papa Noel non pode visitar todas as casas do mundo mundial, iso só poden facelo os Reis Magos”. Que por que?... Pois porque os Reis Magos son 3!!!
Como algo anecdótico, destacar o “pequeno-gran problema” que xurdiu nunha das asembleas, pois..., quen comería as chocolatinas da fin de semana?... Menos mal que entre todos e todas chegamos a unha solución que favorecerá a aqueles nenos e nenas que, durante este mes, non lles tocará ser súper-encargado/a:… a solución perfecta!!!
Un saúdo con sabor a chocolate e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

OLA, OLA,... CARACOLA!

viernes, 2 de diciembre de 2011

Esta semana realizamos a nosa primeira excursión no cole dos maiores. Unha intensa saída didáctica por Rianxo na que, aproveitando os recursos tan valiosos que presenta a temática mariña da nosa vila: lonxa, cetárea, “Museo do Mar”, “Aula Activa do Mar”, porto pesqueiro, porto deportivo, praias, etc achegámonos un pouquiño á estrutura e funcionamento do sector pesqueiro galego.
Para isto, ademais, ao longo da semana pasada, organizáronse no cole unhas charlas-obradoiro, nas que coñecimos algunhas das especies mariñas do noso litoral. Buf, algunhas daban meeedo, moooito meeedo!
O certo é que estabamos moi nerviosos e ilusionados e, aínda que nun primeiro momento pensamos que a saída se suspendería polas inclemencias do tempo, finalmente non foi así, e todos e todas moi agarradiños das ás das nosas bolboretas de cores comezamos a visita a Rianxo… acompañádesnos? Pois ben agarradiños que saímos!

O primeiro destino era a charla coa mariscadora da vila que, por mor do tempo, no canto de levala a cabo na lonxa, tivo lugar no Auditorio Municipal de Rianxo. Xunto a Ángeles, coñecimos as prendas de abrigo que teñen que poñer para mariscar nas praias: traxe de buzo, chaquetas especiais varias, luvas aislantes… Tamén nos ensinou e nos explicou como se empregaban algúns dos instrumentos de uso a cotío como o rastrillo ou a pala… non perdimos detalle! Sen lugar a dúbidas, unha profesión para xente dura, moi dura… sabedes que teñen que ir á praia e meterse na auga incluso cando vai frío e está chovendo?...

Logo, fomos a unha cetárea próxima á lonxa. Alí puidemos ver distintos moluscos e crustáceos tales como langostas, centolos, nécoras, camaróns, ameixas… non quedou nadiña sen tocar, ulir e ata… chupar! Podedes imaxinarvos como nos puxemos, non?...

Cando as forzas ían cada vez a menos, tocaba merendar, pero… e as nosas bolsas da merenda, profe?... O profe nos prometera unha sorpresa, nada máis e nada menos que… galletas! Pero non se trataba dunhas galletas calquera, senón dunhas galletas especiais, con letras e que estaban… uuummm, delicious!

Para rematar, e tras un breve tempo de lecer libre no archi-coñecido por todos e todas “parque da tirolina”, visitamos moi brevemente o “Museo do Mar” -no que coñecimos o proceso de elaboración dun barco, dende que se tala a árbore ata que se poñen as velas e o motor- e a “Aula Activa do Mar” -na que nos convertimos en mariñeiros cando subimos ao barco a tamaño real que alí se atopa-.
Xa na clase e cansos, moooi cansos, lembramos todos os lugares visitados, todas as experiencias vividas na saída por Rianxo que, por motivos diversos, será lembrada por sempre xamais por todos e todas e, moi especialmente polo noso profe.
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!