Cun chisquiño de retraso, esta semana farémosvos
partícipes do traballo desenvolto a partir da nova estación que agora si que si
comezou: o outono.
Se nos mergullabamos para a celebración do Halloween-Samaín da man das pantasmas Enrique
e Hu, nesta ocasión, a decoración do mural do noso corredor serviu de alicerce excelente
co que achegarnos á observación, descubrimento e identificación dalgúns dos
cambios e características que se producen no contorno e na vida das persoas coa
chegada do outono.
Para comezar, tomando como elemento representativo do
outono as follas das árbores, con pincel e témpera pintamos cadansúa folla do
outono de cor marrón, amarela, vermella, verde e laranxa... sabiades que as follas
do outono non son todas marrón?...
O certo é que, aínda que queda moito camiño por
percorrer, cada vez amosamos, nalgúns casos, máis interese por facer o traballo
cotiá do mellor xeito posible: agardamos a quenda de traballo con relativa paciencia,
traballamos amodo, sen correr, prestando atención ao traballo propio e non ao
alleo... non debemos esquecer que... non todo vale!
Ilusionados e expectantes cando saímos decorar o
corcho ao corredor, axiña descubrimos que había unhas letras que presidían o
mural nas que os nenos e nenas de 5 anos compuxeron con letras móbiles “OUTONO”
a partir do coloreado, picado e pegado de froitos propios destas datas como cogomelos,
noces, castañas...
No noso caso, recreamos unha vide con varios acios dunhas
uvas diferentes, tratábase dunhas uvas especiais...; pois na súa parte central
podíase ver a nosa fotografía, a mesma coa que identificamos a nosa cadeira
para sentar ou a percha na que colgamos as prendas de abrigo... fantástico!
Bonito, bonito quedou o corcho vestido de outono...
Ao tempo, grazas ás conversas dirixidas das asembleas
matinais, aprendemos a valorar a necesidade de abrigarse nesta época do ano.
Así, e tras ollar as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a
indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas
máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e
accesorios específicos desta estación (chuvasqueiros, botas, paraugas…)
recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.
Aha, así siii!... ben abrigadiños, aproveitando
os raios de sol de media mañá, gozamos do momento do patio no que deixamos que
o noso corpo corra, rode, trepe, salte, caia... xuntos formaremos o mellor
equipo!
Un saúdo e non
esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!
2 comentarios:
... marrón e amarelo.
Antes de nada agradecerche esta xaneliña onde fasnos partícipes do día a día dos nosos pequechos.
Paréceme estupendo aquelo de "... non todo vale..."
Cal é o truco para que estén todos sentados e traballando?
Publicar un comentario