Esta semana, resultou máis diferente que de costume, pois
si ben o mércores tivemos unha sesión de contacontos, o venres acudimos a unha
exposición na biblioteca do cole sobre o noso mar... Comezaremos polo
principio...
Mergullados de cheo nas derradeiras actividades coas que pecharemos
xa este 2º trimestre o venres da vindeira semana, entre actividade e
actividade, acudimos o mércores, despois do recreo á aula de psicomotricidade.
Nesta ocasión, aínda que todos e todas levabamos vestida a roupa apropiada para
psicomotricidade, en tanto que tiveramos clase “de gimnasia” a primeirísima
hora da mañá, acudimos a esta dependencia por unha razón ben diferente... iamos
a escoitar un contacontos... si, si, un contacontos de verdade!
Linda á espreita (Edit. Xerais), narra a
historia dunha vaca diferente ás demais. Cada mañá, mentres a muxían, a vaca
Linda fitaba nerviosa e impaciente cara ao exterior da granxa porque había algo
que a Linda lle gustaba máis ca nada no mundo. O seu maior pracer consistía en
meterlle un susto ao carteiro e escorrentalo...
O contacontos, cun libro grande, moooi grande, conseguiu crear un ambiente de expectación total no
que non perdemos o máis mínimo detalle da historia de Linda, unha vaca
entrañable, divertida e xoguetona.
Xa na clase, a mirada amable de Linda, non podía pasar
desapercida entre as nosas actividades, e xurdiu a proposta de facer un debuxo
do conto, no que cada quen plasmou aquilo que máis lle chamou á atención aparecendo
nun lugar privilexiado a súa protagonista: a vaca Linda.
Ao longo deste trimestre,
foron moitos os contos lidos e traballados na clase, dando boa conta deles en
varias entradas do noso blogue, pois a súa utilización serviunos para crear un
clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a
aprendizaxe.
Máis concretamente, coa
narración de contos aprendemos a escoitar, a pensar, a ver as cousas cos ollos
da imaxinación, permitíndonos entrar na realidade por camiños novos e coñecer e
comprender progresivamente o noso pequeno-gran mundo, que non é tan doado como
pensades os maiores.
Todo isto ademais,
traballámolo na actividade do préstamo semanal na que cada semana un dos nosos
compañeiros e compañeiras convírtese nun contacontos que, cun ton de voz máis
ou menos alto, achéganos á historia que se recolle no conto escollido para a
ocasión.
Do mesmo xeito, a lectura de
contos na nosa aula, convértese nun excelente momento de relaxación co que,
tras o momento de xogo libre no patio ou nos rincóns, distendemos a atmósfera
da aula.
Por outra banda, e xa o
venres, acudimos a última hora á biblioteca do cole para levar a cabo a
actividade do préstamo semanal e realizar a lectura en voz alta e en gran grupo
das láminas que levamos esta semana: o N e o Ñ.
Pero nesta ocasión, tan
pronto entrar na biblioteca, 5 carteis mudaron o desenvolvemento normal da
actividade…
Tratábase da
exposición “Coidando o noso mar” do CEIDA (Centro
de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) coa que
se pretende sensibilizar sobre o importante valor natural e a fraxilidade dos ecosistemas
mariños, tendo en conta a incidencia das actividades humanas e os residuos que
estas xeran.
Para saber máis, facer click na imaxe da barra da esquerda. |
Coa simple observación das fotografías
que aparecían nos carteis, quen máis e quen menos fixo a súa pequena achega
acerca do necesario que resulta que todos e todas coidemos o noso mar para
poder desfrutar del cando cheguen as vacacións de verán.
Esta
exposición, serviu como complemento perfecto a unha sesión do proxecto de
divulgación e formación que a Cofradía de Pescadores de Rianxo está levando a
cabo e na que participamos fai xa algunhas semanas.
Tratábase
de descubrir e identificar, mediante o tacto, distintos obxectos e/ou produtos que teñen
orixe mariña. E claro, como podedes imaxinar, entre estes obxectos apareceron
elementos de orixe humana… pésimo!
E como premio a esta semana tan intensa no
que a actividade se refire…, que mellor maneira que pechar o trimestre que
levando os contos de prelectura que nos trouxo a SS.MM. o Rei Gaspar?... Algúns
xa lemos sen axuda… bueno, unha pouquiña si que precisamos,... a do dediño
lector!… xa o coñecedes?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se
alimentará dos vosos comentarios!
5 comentarios:
Este venres fará de derradeiro contacontos do trimestre:
- UNAI: "A casa da mosca chosca" (Edit. Kalandraka)
QUE CORTA SE ME FIXO ESTA AVALIACION, NON CHEGOU A NADA!!
Como pasa o tempo ...............
Xa viñeron os nosos nenos coas fichas desta avaliación, canto traballaron.
Dentro de nada xa serán os maiores de educación infantil
Boas mini vacacións, que ademais xa lle fan falla
Ola Jose Ricardo
Que tal che vai???
son MAURO, o teu pasado alumno
Ola MAURO!... Xa vexo que aínda que estás máis súper-maior que nunca te sigues lembrando do noso blogue.
Agardo que tiveras unhas notas extra-xeniais para pasar unhas estupendas vacacións.
Un bico para ti e outro para FROILÁN.
Publicar un comentario