
Foi unha tarde especial, mooooooi especial, unha tarde de sentimentos encontrados: estabamos contentos porque para o próximo curso estaremos na planta dos maiores, pero tamén un pouquiño tristes, sabedores de que unha das etapas máis importantes nas nosas vidas, a Educación Infantil, remataba para sempre.
Onte á tarde vivimos a “Festa do Mandilón”, un acto simbólico que estivemos preparando con moitísima ilusión durante estes días.
Quixemos compartir con todas as familias asistentes, -que foron moitas-, a nosa derradeira asemblea. Tratouse dunha asemblea diferente, especial, xa que os profes foron Mauro e Paulo que, coa nosa axuda, foron explicando que era iso da “graduación”.
Xuntos fixemos unha flashback lembrando eses pequenos grandes-momentos que dalgún xeito marcaron a vida da nosa clase. Lembrades?...
A celebración dos magostos, unha festa que, curso tras curso, propiciou situacións divertidas que nos fixeron pasar momentos sensacionais.
Tamén o “Halloween”, convertidos en cabazas cando tiñamos 3 anos, en pantasmas con 4 anos e de esqueletes en 5 anos... terrorificamente divertidos!!!
Uf, e como esquecer o Nadal da nosa clase!... vivido dun xeito moi especial, compartimos soños e ilusións: as cartas e o e-mail das SS.MM. os Reis Magos, os agasallos, os ensaios de cada festival... Recordos inesquecibles que lembraremos sempre con especial cariño e que voltariamos a revivir unha e mil veces máis.
Finalmente chegaría o antroido, uns días cheos de fantasía nos que cada curso aproveitamos para convertirnos nos nosos personaxes favoritos. De piratas en 3 anos, de Pedro & Wilma Picapiedra cando tiñamos 4 anos e de pingüíns en 5 anos. Foron uns pasarrúas sensacionais e cada vez os disfrutamos máis...
E que me dicides das excursións e saídas realizadas durante estes 3 cursos?... Sen lugar a dúbidas, convertíronse en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que, dado o cúmulo de experiencias vividas, estiveron patentes na aula, propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuindo á interacción entre iguais e aos procesos de socialización infantil.
Por todo isto e por mil millóns de cousas máis, hoxe temos que estar mooooooi contentos, coa seguridade de que en setembro, e xa sen mandilón, agárdannos novos retos que comezarán a formar parte dos nosos recordos.
PROMOCIÓN 2008 - 2011
E lembrade. Nunca deixedes de soñar. Os soños poden facerse realidade... Atrévete a soñar!!!