Bienvenido

PARAUGAS, KATIUSKAS E CHUBASQUEIRO...

viernes, 9 de marzo de 2018

Como xa vos contaramos a principio de curso, unha das rutinas que leva a cabo o súper-encargado na asemblea é a constatación do tempo atmosférico, asignando a PIPO, o coelliño espacial, o seu pictograma correspondente. Polo momento contamos co pictograma do sol, do sol con nubes, das nubes negras/grises e da choiva, valorando cada vez con máis forza a necesidade de recrear o pictograma da néboa, tan presente na nosa cidade.
Así pois, ao longo de practicamente todas estas semanas, estupefactos constatamos como o pictograma da choiva converteuse nun elemento presente no panel do tempo atmosférico. Houbo semanas nas que o pictograma da choiva foi... un pleno total!



Este feito, convértese na proba irrefutable da estación na que nos atopamos: o inverno, onde as baixas temperaturas, a choiva e os días máis curtos presentan modificacións na nosa vida cotiá fóra e dentro da escola: traemos paraugas, vestimos katiuskas... 


Neste senso, a saída ao patio exterior é unha misión imposible, cambiando este polo tempo libre e de lecer que pasamos no ximnasio, non é o mesmo, pero tampouco está de todo mal...
A partir destes feitos continuados, iniciámonos na formulación das nosas primeiras hipóteses sobre as calidades e propiedades da auga: cor, sabor, estados... Se algo nos quedou claro é que a auga é transparente, e como a cor transparente non existe, pintarémola de cor azul clara ou escura... perfecto!
Nin por un momento dubidamos en representar unha pinga de choiva  a partir dun dos troquelados de MUNA, prestando atención ás medidas de uso responsable da auga no desenvolvemento dos hábitos cotiás: hixiene das partes do corpo, cepillado de dentes, fregado da louza...


Por outra banda, aproveitando este cúmulo de circunstancias e sabedores das posibilidades que nos ofrece a literatura infantil, traballamos un dos contos da editorial Galaxia titulado: “Mola que chova”.
“Que chova e chova e non deixe de chover!”... A partir deste conto, descubrimos que nos días de choiva tamén é posible pasalo ben. Abonda con ter os ollos moi abertos para descubrir que tamén pode molar que chova.
O gato Rufo, aprende da man de Sabela, a súa dona, as múltiples oportunidades que lle ofrecen os días de choiva: marcar récords de salto na lama, imaxinar aos donos de todos os paraugas que levou o vento, e ata organizar carreiras de caracois... case nada!


Para rematar, e para deste xeito equilibrar actividade e descanso, coñecemos, memorizamos e mimamos unha nova canción titulada: “Arco Iris” coa que se cabe aínda máis, gozamos das inclemencias meteorolóxicas do inverno, ao tempo que identificamos as cores en elementos da realidade: vermella, verde, branca...


Todo xa case listo, entramos no sprint final deste 2º trimestre que aproveitaremos para rematar o derradeiro caderniño de MUNA no que poremos a proba as aprendizaxes adquiridas no que vai de curso... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

De novo agradecer os teus esforzos por facernos partícipes da apredizaxe dos cativos.
Agora tamen entendo a ansia por saltar nos charcos.