Bienvenido

HORTA ESCOLAR.

viernes, 2 de marzo de 2018

Dende a semana pasada, contamos na nosa parrilla de clase con sesións mensuais e/ou quincenais -dependo do día do que se trate- de horta escolar, unha actividade que nos achegará á observación, descubrimento e identificación de elementos representativos do noso contorno físico e natural.
Comezamos lembrando algunhas das necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de respectar e coidar a contorna próxima: seres vivos, seres inertes, elementos naturais...
Neste senso, nunha das primeiras sesións coa “profe da horta”, desenvolvemos na aula un obradoiro no que cadaquén plantou unha semente, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
De xeito individualizado, un a un fomos pasando pola zona da asemblea, facendo co dedo un burato no que soterrar unha pipa a modo de semente.


Previamente, sabedores da necesidade de coñecer a semente que estabamos a plantar, identificamos nunha lámina as partes e cores dun xirasol. A “profe da horta”, convencida díxonos que nuns días comprobariamos como deses recipientes xerminarían uns brotes de planta.


Días despois, un dos primeiros cometidos foi atopar un espazo na aula no que ubicar a nosa improvisada plantación. Non podía estar en calquera lado, debía estar próxima ao sol, pois si algo nos quedou claro é que as plantas necesitan auga e luz para medrar. Axiña coidamos que o espazo máis indicado sería unha das mesas dispostas fronte ás fiestras da aula... fantástico!


Sen lugar a dúbidas o espazo escollido resultou do máis acertado, converténdose nun excepcional punto de encontro ao longo de cada xornada escolar: observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando, extraendo conclusións,... comprobamos día a día se verdadeiramente nace ou non unha planta e o crecemento resulta máis que evidente dun día para o outro... que interesante!


Agora xa, familias debedes estar preparadas para asumir moi pronto a necesidade de vixiar que nos responsabilicemos do mesmo xeito que na aula, do coidado das nosas plantas, pois antes do remate deste trimestre levarémolas para a casa e... non nos da chegado o día!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Marta dijo...

Moitas grazas por mostarnos semana a semana as actividades que fan @s nosos nen@s.