Bienvenido

CON BELINDA, DAVID MANUEL & ROSANA...

viernes, 16 de marzo de 2018

Unha semana máis, gozamos dunha das rutinas máis agardada de cada xornada escolar: o tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns.
Os rincóns en Educación Infantil contan cun importante calado no noso desenvolvemento integral: facilitando a estruturación espacial -pois para desenvolver depende que tipo de actividades debemos dirixirnos a un espazo da aula determinado-, a estruturación temporal -o xogo nos rincóns é o preludio ao momento da merenda-, o desenvolvemento do proceso de socialización infantil -compartindo, respectando, cooperando...-, a adquisición de cotas maiores de autonomía persoal e social -ao coller e recoller os materiais necesarios para cada momento -...
Durante este curso a nosa aula conta co rincón de expresión plástica, de lóxica-matemática, de construcións... posibilitando un clima de diversión e traballo no que a actividade lúdica se converte nun alicerce excepcional para a consabida adquisición de capacidades, competencias, habilidades e destrezas... e todo sen decatarnos!


A través do xogo relacionámonos cos demais, adquirindo pautas elementais de convivencia e de relación social, ao tempo que nos exercitamos na resolución pacífica de conflitos.
Neste senso, se temos que quedar cun rincón, o rincón de xogo simbólico é un dos nosos favoritos.


O rincón de xogo simbólico é o espazo da aula no que se reconceptualiza e se concentra o xogo en estado puro, favorecendo a imitación, a creatividade representativa e a imaxinación, así como a expresión oral destas. Neste espazo atópase a cocinita e menaxe propia, obxectos familiares para a habituación da vida práctica, o supermercado cos alimentos e a máquina rexistradora, as marionetas de man, os carriños de paseo...


Así pois, esta semana demos un pulo considerable ás múltiples posibilidades que ofrece este rincón, diversificando as actividades propostas a partir do coidado dos babies: Belinda, David Manuel & Rosana.
Aproveitando o interese que suscita en cada asemblea matinal o feito de que varios de nós contemos con irmáns pequenos, incluso recén nados e/ou a punto de nacer, no momento da merenda ollamos vídeos nos que aprendemos a xogar-coidar aos babies deste espazo da aula como si de babies de verdade se tratase, pois en ocasións, empregamos estes para facer todo aquilo que non se debe: tirar polo chan, lanzar ao aire... mesmo facer “guerra”... así non!
Con estas e outras actividades asumimos distintos roles sociais dos membros da familia, favorecendo a construción da identidade persoal, ao tempo que se eliminan posibles estereotipos ligados ao sexo...


Cociñamos deliciosas pizzas cos bloques lóxicos, organizámonos para poñer a mesa con todo o necesario (prato, cubertos, vaso...), paseamos cos carriños sen simular ser coches de F1, construímos motoserras, mangueiras a presión..., convertémonos en mascotas, e mesmo en Papá Noel, Mamá Noel e Rudolph... canta imaxinación!


Sen lugar a dúbidas, esta iniciación no xogo simbólico dará paso a outro xogo máis elaborado, o xogo dramático, só queda seguir madurando...
E despois de tanto xogo e xoguete, a vindeira semana ultimaremos os derradeiros detalles do caderniño de ampliación de MUNA, organizaremos nas carpetas os materiais elaborados ao longo do trimestre, repasaremos contidos e actividades, será un final de 2º trimestre... xenial!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Isabel dijo...

Me encanta ver a los niños y sus actividades en el cole. Muchas gracias por el esfuerzo del blog.