Bienvenido

BOA PASCUA!

viernes, 23 de marzo de 2018


E tras a conta atrás no calendario, hoxe venres 23 de marzo poñemos o punto e final ao 2º trimestre de 3 ANOS organizando e lembrando os materiais de MUNA realizados durante este tempo.
Comezamos a xornada con enerxía, restaba traballo dabondo e a primeirísima hora da mañá, na asemblea matinal, repasamos algunhas das actividades desenvoltas nos caderniños de Muna... canto traballo!
Nas actividades deste trimestre perfeccionamos habilidades e técnicas de uso cotiá no momento do traballo individual. Rodeamos, riscamos, unimos, coloreamos, pegamos gomets, pintamos con pincel... sen présa, prestando atención ao traballo propio e despreocupándonos do alleo... paciencia, moita paciencia!



Neste senso, axiña nos decatamos que parte das aprendizaxes e coñecementos estiveron canalizados grazas a MUNA, BERTA e PABLO.


Así pois, neste 2º trimestre mergullámonos de cheo nas linguaxes artísticas -plástica, musical e corporal- como medio para coñecer posibilidades e limitacións do propio corpo: similitudes e diferenzas cos demais, usos e posibilidades motrices, de xogo, de acción, expresión...
En primeiro lugar, a partir do conto nº3: Muna va al museo, achegámonos de novo ao museo como espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas de diferentes artistas: cadros, esculturas..., identificando cores, formas, texturas e materiais empregados.


Pola súa parte, o conto nº4: La fiesta de Muna, facilitou o descubrimento, identificación, valoración e respecto progresivo de emocións e sentimentos propios e alleos a partir do acontecido a Muna na súa festa de aniversario.


Ademais, este trimestre foron varias as situacións que se produciron na aula e que, dado o cúmulo de experiencias vividas, deixaron unha impronta no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe: a celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, as actividades introdutorias na horta escolar, o antroido, o xogo cada vez máis elaborado/organizado nos rincóns, obradoiros de expresión plástica... mesmo recentemente a visita dos bombeiros!


Siii, esta semana recibimos a visita dos bombeiros, feito que permitiu achegarnos ao seu traballo cotiá: funcións, instrumentos e lugar de traballo.




Interesante comprobar como lembrabamos as nocións de seguridade no caso de incendio vivenciadas no simulacro do mes de febreiro: tocar a porta para comprobar si está quente ou fría, no caso de que esté quente, saír agachados tapando o nariz e a boca co mandilón ao tempo que nos agarramos na fila... sen esquecer a bandeira de grupo que, ao igual que o noso mandilón, é de cor vermella... perfecto!


Agora xa, toca descansar, gozar destes días para repoñer forzas e así recibir o 3º trimestre con máis enerxía que nunca. Indubidablemente o 3º trimestre converterase no mellor dos finais posibles para pechar este primeiro curso no cole dos maiores como ben se merece... isto promete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CON BELINDA, DAVID MANUEL & ROSANA...

viernes, 16 de marzo de 2018

Unha semana máis, gozamos dunha das rutinas máis agardada de cada xornada escolar: o tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns.
Os rincóns en Educación Infantil contan cun importante calado no noso desenvolvemento integral: facilitando a estruturación espacial -pois para desenvolver depende que tipo de actividades debemos dirixirnos a un espazo da aula determinado-, a estruturación temporal -o xogo nos rincóns é o preludio ao momento da merenda-, o desenvolvemento do proceso de socialización infantil -compartindo, respectando, cooperando...-, a adquisición de cotas maiores de autonomía persoal e social -ao coller e recoller os materiais necesarios para cada momento -...
Durante este curso a nosa aula conta co rincón de expresión plástica, de lóxica-matemática, de construcións... posibilitando un clima de diversión e traballo no que a actividade lúdica se converte nun alicerce excepcional para a consabida adquisición de capacidades, competencias, habilidades e destrezas... e todo sen decatarnos!


A través do xogo relacionámonos cos demais, adquirindo pautas elementais de convivencia e de relación social, ao tempo que nos exercitamos na resolución pacífica de conflitos.
Neste senso, se temos que quedar cun rincón, o rincón de xogo simbólico é un dos nosos favoritos.


O rincón de xogo simbólico é o espazo da aula no que se reconceptualiza e se concentra o xogo en estado puro, favorecendo a imitación, a creatividade representativa e a imaxinación, así como a expresión oral destas. Neste espazo atópase a cocinita e menaxe propia, obxectos familiares para a habituación da vida práctica, o supermercado cos alimentos e a máquina rexistradora, as marionetas de man, os carriños de paseo...


Así pois, esta semana demos un pulo considerable ás múltiples posibilidades que ofrece este rincón, diversificando as actividades propostas a partir do coidado dos babies: Belinda, David Manuel & Rosana.
Aproveitando o interese que suscita en cada asemblea matinal o feito de que varios de nós contemos con irmáns pequenos, incluso recén nados e/ou a punto de nacer, no momento da merenda ollamos vídeos nos que aprendemos a xogar-coidar aos babies deste espazo da aula como si de babies de verdade se tratase, pois en ocasións, empregamos estes para facer todo aquilo que non se debe: tirar polo chan, lanzar ao aire... mesmo facer “guerra”... así non!
Con estas e outras actividades asumimos distintos roles sociais dos membros da familia, favorecendo a construción da identidade persoal, ao tempo que se eliminan posibles estereotipos ligados ao sexo...


Cociñamos deliciosas pizzas cos bloques lóxicos, organizámonos para poñer a mesa con todo o necesario (prato, cubertos, vaso...), paseamos cos carriños sen simular ser coches de F1, construímos motoserras, mangueiras a presión..., convertémonos en mascotas, e mesmo en Papá Noel, Mamá Noel e Rudolph... canta imaxinación!


Sen lugar a dúbidas, esta iniciación no xogo simbólico dará paso a outro xogo máis elaborado, o xogo dramático, só queda seguir madurando...
E despois de tanto xogo e xoguete, a vindeira semana ultimaremos os derradeiros detalles do caderniño de ampliación de MUNA, organizaremos nas carpetas os materiais elaborados ao longo do trimestre, repasaremos contidos e actividades, será un final de 2º trimestre... xenial!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PARAUGAS, KATIUSKAS E CHUBASQUEIRO...

viernes, 9 de marzo de 2018

Como xa vos contaramos a principio de curso, unha das rutinas que leva a cabo o súper-encargado na asemblea é a constatación do tempo atmosférico, asignando a PIPO, o coelliño espacial, o seu pictograma correspondente. Polo momento contamos co pictograma do sol, do sol con nubes, das nubes negras/grises e da choiva, valorando cada vez con máis forza a necesidade de recrear o pictograma da néboa, tan presente na nosa cidade.
Así pois, ao longo de practicamente todas estas semanas, estupefactos constatamos como o pictograma da choiva converteuse nun elemento presente no panel do tempo atmosférico. Houbo semanas nas que o pictograma da choiva foi... un pleno total!



Este feito, convértese na proba irrefutable da estación na que nos atopamos: o inverno, onde as baixas temperaturas, a choiva e os días máis curtos presentan modificacións na nosa vida cotiá fóra e dentro da escola: traemos paraugas, vestimos katiuskas... 


Neste senso, a saída ao patio exterior é unha misión imposible, cambiando este polo tempo libre e de lecer que pasamos no ximnasio, non é o mesmo, pero tampouco está de todo mal...
A partir destes feitos continuados, iniciámonos na formulación das nosas primeiras hipóteses sobre as calidades e propiedades da auga: cor, sabor, estados... Se algo nos quedou claro é que a auga é transparente, e como a cor transparente non existe, pintarémola de cor azul clara ou escura... perfecto!
Nin por un momento dubidamos en representar unha pinga de choiva  a partir dun dos troquelados de MUNA, prestando atención ás medidas de uso responsable da auga no desenvolvemento dos hábitos cotiás: hixiene das partes do corpo, cepillado de dentes, fregado da louza...


Por outra banda, aproveitando este cúmulo de circunstancias e sabedores das posibilidades que nos ofrece a literatura infantil, traballamos un dos contos da editorial Galaxia titulado: “Mola que chova”.
“Que chova e chova e non deixe de chover!”... A partir deste conto, descubrimos que nos días de choiva tamén é posible pasalo ben. Abonda con ter os ollos moi abertos para descubrir que tamén pode molar que chova.
O gato Rufo, aprende da man de Sabela, a súa dona, as múltiples oportunidades que lle ofrecen os días de choiva: marcar récords de salto na lama, imaxinar aos donos de todos os paraugas que levou o vento, e ata organizar carreiras de caracois... case nada!


Para rematar, e para deste xeito equilibrar actividade e descanso, coñecemos, memorizamos e mimamos unha nova canción titulada: “Arco Iris” coa que se cabe aínda máis, gozamos das inclemencias meteorolóxicas do inverno, ao tempo que identificamos as cores en elementos da realidade: vermella, verde, branca...


Todo xa case listo, entramos no sprint final deste 2º trimestre que aproveitaremos para rematar o derradeiro caderniño de MUNA no que poremos a proba as aprendizaxes adquiridas no que vai de curso... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

HORTA ESCOLAR.

viernes, 2 de marzo de 2018

Dende a semana pasada, contamos na nosa parrilla de clase con sesións mensuais e/ou quincenais -dependo do día do que se trate- de horta escolar, unha actividade que nos achegará á observación, descubrimento e identificación de elementos representativos do noso contorno físico e natural.
Comezamos lembrando algunhas das necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de respectar e coidar a contorna próxima: seres vivos, seres inertes, elementos naturais...
Neste senso, nunha das primeiras sesións coa “profe da horta”, desenvolvemos na aula un obradoiro no que cadaquén plantou unha semente, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
De xeito individualizado, un a un fomos pasando pola zona da asemblea, facendo co dedo un burato no que soterrar unha pipa a modo de semente.


Previamente, sabedores da necesidade de coñecer a semente que estabamos a plantar, identificamos nunha lámina as partes e cores dun xirasol. A “profe da horta”, convencida díxonos que nuns días comprobariamos como deses recipientes xerminarían uns brotes de planta.


Días despois, un dos primeiros cometidos foi atopar un espazo na aula no que ubicar a nosa improvisada plantación. Non podía estar en calquera lado, debía estar próxima ao sol, pois si algo nos quedou claro é que as plantas necesitan auga e luz para medrar. Axiña coidamos que o espazo máis indicado sería unha das mesas dispostas fronte ás fiestras da aula... fantástico!


Sen lugar a dúbidas o espazo escollido resultou do máis acertado, converténdose nun excepcional punto de encontro ao longo de cada xornada escolar: observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando, extraendo conclusións,... comprobamos día a día se verdadeiramente nace ou non unha planta e o crecemento resulta máis que evidente dun día para o outro... que interesante!


Agora xa, familias debedes estar preparadas para asumir moi pronto a necesidade de vixiar que nos responsabilicemos do mesmo xeito que na aula, do coidado das nosas plantas, pois antes do remate deste trimestre levarémolas para a casa e... non nos da chegado o día!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!