Bienvenido

ESPÍRITO DE NADAL.

viernes, 9 de diciembre de 2016

Como pasa o tempo!... Parece que foi onte cando comezabamos de novo o cole e xa rematamos o primeiro trimestre de 4 anos...
Esta semana ultimamos os derradeiros detalles da postal coa que participaremos no concurso organizado a nivel de centro. Se a nosa creación resulta gañadora, será a escollida para felicitar estas festas a todos os membros da comunidade educativa... case nada!
Indubidablemente, estes días festivos convertíronse, un ano máis, no momento ideal para montar na casa a decoración típica onde a árbore  segue sendo indiscutiblemente o referente básico. Así pois, quen máis e quen menos puxo a árbore de Nadal con bolas, luces e cintas, moitas moitas cintas...
Pois... que mellor que recrear unha árbore de Nadal na nosa postal?...
Para non complicarnos dabondo, partimos dun modelo dado no que en asemblea axiña identificamos o triángulo e o rectángulo. As cores estaban case definidas: verde clara ou escura para o triángulo, e marrón para o rectángulo.


Xa logo, debiamos picar ao xeito e sen présas polo contorno da árbore, prestando especial atención ás zonas delimitadas para tal efecto.


Parecía doado, pero as présas son as nosas peores inimigas e máis dun comezou de novo a súa postal... así non vale!
A medida que acababamos de picar a árbore, eliximos cartolina azul. Había ata 4 azuis distintos: clara, celeste, cyan e mariña.
Xa logo, gomet dourado con forma de estrela na parte máis alta da árbore e co dedo impregnado en témpera de cor vermella, as bolas...


Finalmente, démoslle o noso toque persoal: gomets prateados con forma de estrela espallados ao chou, e no chan... purpurina!, canto nos gusta!...
E para rematar, e como toda postal leva sempre unha mensaxe, escribimos un texto sinxelo que nos permite un achegamento á lecto-escritura partindo de situacións reais e contextualizadas.


Bonita, bonita, quedou a nosa postal de Nadal...


No edificio dos maiores, das 26 postais unicamente puxemos 4, unha de cada cor. Nembargantes, non hai de que preocuparse, na última semana de trimestre, todos levaremos a postal coa que adornar, agora si de verdade, a nosa árbore de Nadal.


Do mesmo xeito, durante estes días lemos un dos contos que non podía faltar: Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka).

Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka)
Tamén nas asembleas, deixamos claro que o que máis nos gusta do Nadal é a visita de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente. Uf!... canta cousa!... Pois ben, a partir da historia de Marcel e Tristán que conta: Un agasallo diferente (Edit. Kalandraka), aprendemos a valorar as pequenas cousas que nos rodean, comprobando como un anaco de tea pode converterse naquilo que desexemos... basta con deixar voar a imaxinación!

Un agasallo diferente (Edit. Kalandraka)
Ah!, e aos poucos, seguimos avanzando nos ensaios para o Festival de Nadal que terá lugar o martes 20 de decembro a partir das 10:00h. Unicamente quedan algúns detalliños e “marear” un chisquiño ás familias coas excentricidades do profe para que a actuación esté á altura dun Gran Musical... lograrémolo?... Unha mágoa que non estedes convidadas, familias!...  


Con estas e outras actividades descubrimos, coñecemos e valoramos os elementos representativos do Nadal, observando as modificacións que se suceden no contorno cotiá. Canto deu de si o acendido do alumbrado de Lugo e a festa que se organizou detrás da praza do concello... todo un acontecemento para CARLOTA, HÉCTOR, PABLO, ÁLEX & GAEL, ANTÓN...!! 
E xa para a vindeira semana, o colofón final a todo este ambiente cargado de mancheas de emocións, quilos de sorpresas e toneladas concentradas de ilusións compartidas onde as nosas familias aprenderán a crer nos Reis Magos, porque... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Teresa dijo...

Ohhhh deus! estou desexando que chegue ésta semana e peitear a Esteban con raia o lado e gomina...eso vai ser a caña! jeje. Por outro lado teño que agradecer que te preocupes tanto dos enanitos e impliques os papis para solucionar un problema que chegaría a ser unha penitencia para quen o sufre e que nós, os pais, descoñeciamos, é mui de agradecer xa que nós fomos testemuñas de nenos que deixaron o cole polo mismo problema pero xa mui agrabado e o alivio que ese neno sentiu o verse en un entorno mais amable, eu quero un cole donde todos os nenos sexan iguais e felices e si hai un problema atallalo inmediatamente...asi que felucitote pola capacidade de reaccion e por non esperar solucios impostas. Trasmites muita tranquilidade, gracias.