Bienvenido

ESCOLA DE NAIS E PAIS.

viernes, 16 de diciembre de 2016

Sabedores dos problemas de convivencia escolar de moitas aulas de Educación Infantil, esta semana foi a quenda das nosas familias... xenial!

*  *  *  *  *

Relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na resolución pacífica de conflitos, convértese nunha das finalidades da Educación Infantil, para iso, os centros e as aulas convértense nuns alicerces excepcionais para evitar situacións que en ocasións xeran situacións conflitivas dende idades temperás.
En todo caso familias, teremos en conta que os conflitos e pelexas nestas idades, forman parte do proceso de socialización xurdindo por factores como: diferenzas individuais (temperamento, idade e personalidade), problemas transitorios de saúde, situacións frustrantes, por non coñecer ou non comprender as normas que rexen a vida en grupo... complicado dabondo!

Porén, e dentro da autonomía pedagóxica e de xestión que a lexislación vixente lle concede aos centros docentes, establécese o Plan de Convivencia dentro do Proxecto Educativo (con actividades que terán como obxecto fomentar un bo clima de convivencia), tamén as Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia (onde se establecen as normas de convivencia e de conduta de obrigado cumprimento para a comunidade educativa).
Asemade, existe a figura do Dinamizador de Convivencia así como a Comisión de Convivencia integrada no seo do Consello Escolar. Mesmo no Portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro de EDUCONVIVES. GAL, se recollen diferentes protocolos e medidas para afrontar estas situacións xa dende a etapa de Educación Infantil.
Ademais de todo isto, nas aulas de Educación Infantil e dada a importancia do establecemento dun ambiente escolar que transmita sensacións de seguridade afectiva, emocional e persoal, establécense diferentes estratexias para evitar condutas maladaptativas tales como a técnica do semáforo (detente-pensa-actúa), a zona de mediación onde aprendemos a resolver pacificamente os conflitos, a retirada de atención ou a economía de fichas (ambas técnicas empregadas polo personaxe televisivo da SuperNanny), lectura de contos como o da Tortuguita, sesións de relaxación, obradoiros de ioga infantil, mindfulness... facilitando que a afectividade se convirta no fío condutor de toda situación de ensinanza-aprendizaxe.
A partir de todo este entramado de relacións e situacións de aprendizaxe, achegámonos ao desenvolvemento da Competencia Social e Cidadá na que traballamos habilidades sociais a través da resolución pacífica de conflitos que xorden na convivencia cotiá de forma construtiva, fomentando a toma de decisións autónomas e responsables, valorando e respectando a diversidade como un elemento positivo e enriquecedor.


Evidentemente, todas estas repercusións tan facilitadoras do noso densenvolvemento persoal e social, non se convertirían en realidades ricas e froitíferas sen o fortalecemento de vías de participación familia-escola, onde dependendo do caso, se establecen pautas para continuar na casa a labor moitas veces iniciada no ámbito escolar. GRAZAS familias por amosar comprensión, empatía e receptividade!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: