Bienvenido

ESPANTALLO AMIGO.

viernes, 29 de mayo de 2015

Esta semana como unha actividade de apertura ao contorno e aproveitando os recursos culturais da nosa vila, asistimos ao “Auditorio Municipal de Rianxo”.

Para que asistiriamos por segunda vez ao auditorio?... Pois para gozar da que probablemente sexa a nosa primeira representación teatral e que mellor xeito de estrearnos que cunha obra clásica da literatura galega: Espantallo amigo de Xosé Neira Vilas.

Así pois, o xoves, sen tan sequera sacar o mandilón, baixamos en fila ao auditorio, non sen antes lembrar as normas que rexen as saídas á escola: ir agarrados un detrás doutro, camiñar amodo pola beirarrúa, con coidado de non caer á estrada... coma sempre, fixémolo fenomenal! Unha mágoa que a BRUNO se lle movese unha parede e non a vise... foi todo un valente!



Xa no auditorio, collimos sitio para sentarnos atopándonos cun vello conocido... JUAN RAÚL! que tamén estaba no auditorio onda a súa profe Lucía e os seus novos amiguiños e amiguiñas. O momentazo non tivo prezo e, o pobriño de JUAN RAÚL... quedou sen palabras!
Veña... que comeza a función! Apagaron luces e da man de Lucho Penabade e Tero Rodríguez (Os Quinquilláns Teatro), dous actores de longa traxectoria e ampla experiencia na produción de espectáculos teatrais pensados para o público escolar, mergullámonos na fermosa historia dun espantallo con corazón de pexego.


Conta a historia que o espantallo que o tío Ramón colocou na figueira non só logra salvar a froita, tamén fai medrar nos habitantes da eira a necesidade de coidar uns dos outros. Unha vez conseguido isto, o espantallo aproveita un refacho de vento para ver mundo. Na súa viaxe descobre un neno e unha nena moi pobres e, nun acto de xenerosidade absoluta, o espantallo decide deixar de existir para que os nenos teñan roupa, comida e leña con que pasar o inverno. Indubidablemente, a obra convértese nunha historia de xenerosidade para sorprendernos, para aprender, máis tamén para pensar.
Rimos, aplaudimos, cantaruxamos e, sobre todo, cos ollos moi, pero que moi abertos, non perdemos detalle do que acontecía no escenario: música e luces de tensión, un espantallo falangueiro e lume, no escenario houbo lume... fantástico espectáculo!


Esta representación teatral, ademais de achegarnos ao mundo do teatro, serviunos para reforzar algúns contidos traballados no centro de interese da primavera, incidindo especialmente na figura do espantallo ou “espantapájaros”. Do mesmo xeito, a partir do seu protagonista, identificamos as partes do corpo en nós mesmos e nos compañeiros e compañeiras, integrando novos elementos no noso esquema corporal.
Así pois, todas estas aprendizaxes integrámolas nuns fantásticos debuxos nos folios fluorescentes que tanto nos gustan e coa nosa cara como punto de partida... moitos parabéns, quedou un traballo estupendo!


E tras o teatro, para a lectura demorada na casa coa nosa familia, saímos da escola con cadanseu exemplar da obra, completando o ciclo creativo que vai de Neira Vilas a Os Quinquilláns e de Os Quinquilláns a ti.

Espantallo amigo (Edit. Galaxia)
E para a vindeira semana?... Mochila con pícnic preparado que o venres imos á praia!... que orixinais!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

O contacontos deste xoves será:
- SABELA R.G.: "Oh, as cores!”. (Edit. Kalandraka)