Bienvenido

RIANXO: O MAR FEITO TRADICIÓN.

viernes, 15 de octubre de 2010

Esta semana tivo lugar a inauguración oficial da biblioteca do noso centro para este curso escolar e, como non podía ser doutro xeito, dende o “Equipo de Biblioteca” propuxéronse unha serie de dinámicas na que nos, unha vez máis, xogamos un papel indiscutible; comezaremos polo principio...
Neste 1º trimestre, dende a biblioteca decidiuse traballar un eixo temático intimamente vencellado coa vida da nosa vila, con Rianxo, pois ao longo deste trimestre traballaremos o mar, un elemento cunha carga especialmente significativa na nosa vila ao converterse nunha fonte de ingresos para moitas das nosas familias.
Á nosa clase, tocounos acudir ao acto de inauguración o xoves 14, pero os días previos levamos a cabo un intenso traballo na clase, pois para ese día debiamos ter cumpridos varios cometidos e así, poñer o noso graniño na dinámica proposta.
En primeiro lugar, tivemos que decorar un personaxe que ben podía estar sacado dun dos nosos contos preferidos. Tratábase dunha galiña que debiamos personalizar ao noso gusto para o que empregariamos distintas técnicas e materiais de expresión plástica, así que... imaxinación ao poder!!!
Unha vez máis, resultou grato comprobar como as pequenas cousas convírtense na nosa aula en algo importante creando un ambiente festivo que tan grato e estimulador resulta para o noso aprendizaxe, é algo así como un sopro de aire fresco que contribúe a distender a atmósfera despois de tanta actividade intelectual.
As técnicas e materiais aportadas na asamblea foron moitas e moi variadas, había galiñas para todos os gustos: “por que non lle pegamos papeliños de cores?”, “non, mellor purpurina brillante ou boliñas de plastilina”, “eu creo co mellor sería…”, vamos que estamos feitos uns auténticos artistas.
Despois de poñer en común distintos modos de personalizar a nosa galiña decidimos, de forma máis ou menos consensuada, empregar materiais tales coma ceras plásticas, plastilina, papel celofán e airon-fix e o certo é que a galiña resultante nada tiña que ver co modelo do principio, mirade, mirade…


Tomando como elemento motivador a galiña xa personalizada, agora tocaba poñerlle un nome e inventar o título dun conto no que esta se convertera en protagonista; así que todos e todas sentados na asemblea comezamos a pensar en distintos nomes e historietas divertidas para o noso personaxe: galiña Piruleta, Cotofina, Saca-huevos, Come-Come... pero finalmente nunha votación un tanto reñida, decidimos poñerlle de nome a "Galiña Tiruleca", si si, está ben escrito a nosa Galiña chámase TIRULECA.
A historia resultou máis sinxela e axiña, dunha forma organizada, comezaron a saír diferentes ideas. Tras eliminar as máis violentas nas que a galiña acababa pouco menos que nunha pota ao lume ou cazada por un cazador con machada incluida, escribimos no encerado: “A Galiña dos ovos de chocolate”, interesante elección que rapidamente decidimos reflexar na composición do personaxe mediante a estampación do noso dedo impregnado en témpera de cor marrón e branca, xa ca nosa galiña era moi especial e poñía deliciosos ovos de chocolate negro e branco.

Tamén ao longo da semana, o rincón da biblioteca da nosa aula cambiou os nosos libros de prelectura de sempre por contos que trouxemos das casas e cuxo denominador común era o mar e que propiciarán, no momento adicado en cada xornada ao xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, descubrimentos, aprendizaxes e coñecementos varios sobre a vida no fondo mariño.
O xoves, tocaba facer a posta en común na biblioteca do centro e perfectamente ataviados como mariñeiros e mariñeiras -estaban todos e todas requete-guapísimos-, dirixímonos cara a biblioteca.



Antes de entrar, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
No mural, rapidamente descubrimos a mensaxe que transmitía, pois amósase como imaxe central unha nena lendo da que lle saen distintos personaxes fantásticos: princesas, trasnos, bruxas, unicornios... e letras, moooooitas letras. Sen dúbida, a ilustración convírtese nunha invitación a entrar e vivir as aventuras que lles acontecen aos personaxes dos contos e relatos que nela se atopan, un estímulo que se traduce en motivación e inquedanza por aprender a ler e así non necesitar dos adultos para revivir eses fantásticos e marabillosos relatos dos nosos personaxes de ficción preferidos.



Xa dentro, lembramos un curso máis as normas de obrigado cumprimento para todos e todas cada vez que entramos na biblioteca facendo especial fincapé neso que sabedes que tanto nos gusta: falar. Logo de maneira organizada, puxemos o nome da nosa galiña, o título do conto e á Galiña Tiruleca nas caixas dispostas para tal efecto na parte central da biblioteca, non sen antes observar todas e cada unha das obras de arte que nela xa se atopaban, unha proba palpable do grao de compromiso e traballo en equipo adquirido polo profesorado do centro.



Finalmente, e para cerrar este acto de inauguración, o profe puxo no retroproxector existente na biblioteca o filme titulado "Fantasía 2000" de Walt Disney, centrando a proxección máis concretamente no extracto no que se mistura e vencella unha peza musical clásica coa vida existente no fondo mariño -The Pines of Rome- e que velaí vos deixamos para que poidades disfrutar tantas veces como queirades.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Que guapos!! tan so lles falta unha xeiteira para que o retrato pareza dos rianxeiros/as de primeiros do século pasado...
En canto á galiña, xa lles gostaría a moitos tela na casa eh???
Parabéns ó equipo da biblio e UN SORRISO PARA O PROFE