Bienvenido

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2015!!!

miércoles, 31 de diciembre de 2014




HO!, HO!, HO!...

jueves, 25 de diciembre de 2014

Moitos estaredes sen palabras e preguntándovos como Papa Nöel entrou nas vosas casas para deixarvos xunto á árbore de Nadal os agasallos cos que estaredes disfrutando; senón é así, non vos preocupedes, xa que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente non se esquecerán das cartas que lles entregamos cando viñeron visitarnos ao cole. Para iso, lembrade o que hai que facer na noite de Reis senón queremos que nos pase como a Martiño… están máis cerca!

Siii..., unha vez aberta a última venta do noso Calendario de Adviento, a ventá do día 24 de decembro... chegou o NADAL!!!


E os nenos e nenas de 3 ANOS B, queren desexarvos un BO NADAL no que todos os vosos soños e desexos se convirtan en realidade.



E pola miña parte, neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer.

Un saúdo con delicioso sabor a turrón de chocolate con améndoas e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

GRAZAS, querido público!

viernes, 19 de diciembre de 2014

Por fin, por fin chegou o día tan agardado do Festival de Nadal, un día repleto de anécdotas e situacións divertidas que puxeron o mellor dos broches posibles a este 1º trimestre no cole dos maiores.


Baixo o título CIRCUS, agochábase a performance que gardamos con secreto ás nosas familias e que con traballo, constancia, entrega e ilusión, moooita ilusión, preparamos pouquiño a pouco, logrando converternos en todos uns profesionais do mundo do circo.

No escenario recreamos algúns dos números máis representativos do maior espectáculo do mundo: o circo… lembrades?

Comezaron o show uns FORZUDOS que excelentemente amosaron estar en plena forma co levantamento de pesas; tamén unha incrible DOMADORA que con arte e enxeño conseguiu que 3 feroces LEÓNS pasaran por dentro do aro e fixeran un exercicio de equilibrio... que valor!...
Logo foi o turno dun fantástico ENCANTADOR DE SERPES que logrou hipnotizar a unha serpe agochada no interior dunha caixa… incrible! Tamén os EQUILIBRISTAS que camiñaron con gran temeridade por unha corda de cor azul servíndose unicamente para o exercicio dunhas picas… uns auténticos profesionais!
Por último, no noso CIRCUS non podía faltar un número de maxia que correu a cargo dunha fermosa MAGA que amosou as súas dotes circenses facendo aparecer nada máis e nada menos que... un coello da súa chisteira!... E que dicir das 5 presumidas MAJORETTES que deleitaron ao público coas súas variñas de súper-bailarinas!...
Ah!... e quen falta?... Exacto!, os nosos PALLASOS, xeniais coas súas trompetas e narices de cor vermella... estupendos!...

TITIRICIRCUS. (Edit. Kalandraka)
Así pois, cadaquen metido no papel que nos tocou desenvolver no escenario, logramos emocionar a un público sempre entregado ante este tipo de acontecementos... uf, apenas quedaban sitios libres nas gradas do pavillón!...
Estabamos requete-guapísimos, extra-ideais,... non nos faltaba detalle! Familias, mil millóns de grazas pola vosa colaboración!...

Agora, despois dun 1º trimestre cargado de traballo, actividade e aprendizaxes, chegan as vacacións, pero non perdades de vista o noso blogue, xa que agardamos seguir sorprendéndovos tamén durante as vacacións de Nadal.

CiRcUs, CiRcUs!!!...

viernes, 12 de diciembre de 2014

 
SI, SI, SIII..., O FESTI XA ESTÁ AQUIIÍ!!...

A nosa posta en escena comezará da man de EVA e SABELA R.G. que serán as encargadas de abrir o telón que dará inicio a un dos espectáculos máis fantásticos do universo mundial...

CiRcUs!!!

Familias!!... Estades tooodas convidadas, tan só quedan por ultimar uns pequenos detalles e... todo listo!!... Así que: dedos cruzados e facédenos sentir os vosos aplausos! A nosa actuación é por e para vos, familias!!...
 
Xa o sabedes, o vindeiro VENRES 19 de DECEMBRO ás 10:00h., agardámosvos no "Festival de Nadal"...

TITIRICIRCUS (Edit. Kalandraka)
 

MOMENTOS DELICIOSAMENTE MÁXICOS...

viernes, 5 de diciembre de 2014

Esta semana, incorporamos unha nova rutina á asemblea matinal aproveitando a inminente chegada do Nadal: a rutina do “Calendario de Adviento”... que emocionante!
Así, o luns 1 de decembro, o inicio da semana e da xornada resultou sorprendente, pois no banco da asemblea había unha caixa -nin moi grande nin moi pequena- cunha ilustración típica do Nadal na que aparecía Papá Noel no seu trineo repartindo agasallos na Noite de Nadal, pero... de que se trataba?...


Pois ben, tratábase do “Calendario de Adviento” co que realizaremos a conta atrás para o comezo do Nadal.
Cada mañá, o súper-encargado/a -con gorro de Papá Noel incorporado-, logo de escribir a data diaria, moi amodiño abre a portiña do día no que nos atopamos para descubrir que debuxo se agocha na chocolatina... mmm, delicious!...
Asemade, o súper-encargado/a diario ten outro cometido relacionado con esta nova rutina, pois cada mañá nomeará a un “axudante” que, -tamén con gorro de Papá Noel incorporado-, colabore no desenvolvemento normal desta nova actividade cotiá que tanta expectación levantou.




Sen dúbida, a introdución desta rutina cotiá, proporciona un cúmulo de experiencias que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, iniciación á suma e á resta, identificación e trazado de números… propicia multitude de conversas sobre esta data que tan máxica e especial nos resulta.
No noso “Calendario de Adviento”, aparece unha ilustración de Papa Noel no seu trineo co saco cargado de agasallos. Como non podía ser doutro xeito, do trineo tiran os seus compañeiros fieis: os renos.
Sabiades como se chama o reno que sempre sempre vai de primeiro?... Chámase Rodolfo, un reno do que o resto de renos se rían ata o momento en que Papa Noel o converte no seu principal axudante.
Rodolfo, é un reno diferente, especial, é o único reno que ten o nariz de cor vermella e sempre vai diante de todo para que Papa Noel non se perda polo ceo e os agasallos lles cheguen a todos os nenos e nenas que lle escribiron a súa carta.
A incorporación desta nova rutina ás nosas asembleas, supón o comezo dunhas semanas cargadas de sorpresas e de ilusións compartidas: rematamos o noso primeiro trimestre no cole dos maiores -momento no que levaremos todos os traballiños realizados para ensinar ás nosas familias-, celebraremos os derradeiros aniversarios do trimestre -EVA, JUAN RAÚL e YAIZA..., xa vos queda menos!-, a chegada próxima de Papá Noel e das SS.MM. os Reis Magos de Oriente,... e un senfín de cousas máis coas que dalgún modo, os maiores voltan a ser de novo un chisquiño máis nenos...
Lembrade... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

TOC, TOC! QUERES PASAR?

viernes, 28 de noviembre de 2014

Logo dun Halloween-Samaín escalofriantemente divertido e dun magosto sensacional, proseguimos na nosa aprendizaxe mergullados, antes da inminente chegada do Nadal, no traballo do centro de interese da casa-familia.

Comezamos coa lectura do conto da unidade titulado: “A chave dos bicos”; unha historia coa que descubrimos que en Nubaris os obxectos cobran vida e que tanto as dependencias dunha casa nubari como as accións que nela se desenvolven son perfectamente recoñecibles en situacións das nosas vidas.

Asemade, ao inicio de cada centro de interese, as asembleas matinais convertiranse nuns excelentes aliados á hora de detectar cales son os nosos coñecementos previos sobre o tema obxecto de traballo.
Deste xeito, e aproveitando estes coñecementos previos sobre o centro de interese da casa, centrámonos no recoñecemento e identificación das dependencias, espazos e obxectos propios dunha casa.


Pero… vivimos todos e todas nunha casa?... Nooon! Hai nenos e nenas que viven en pisos e outros nenos e nenas que viven en casas.
E... todas as persoas vivimos en casas ou en pisos?... Uf!, isto si que resultou máis complicado, achegándonos progresivamente a distintos tipos de construcións existentes xa en realidades lonxanas á nosa.
Para isto, e coñecedores das repercusións na estimulación do cerebro, da aprendizaxe e da memoria dos “Bits de Intelixencia”, comezamos a traballar con estes materiais convertíndose nun recurso didáctico excepcional que propiciaron un primeiro achegamento a diferentes tipos de vivendas tales como os rañaceos de Nova York, as casas colgantes de Cuenca e mesmo as casas flotantes de Amsterdam... que interesante!













O uso sistemático destas láminas, propiciou a observación e identificación dalgúns elementos representativos destas construcións: teñen tellado, chan, paredes, ventás, balcóns, portas…, aprendimos que están construídas de ladrillos, tellas, cristal, madeira… e, sobre todo, que cada dependencia emprégase para algo diferente: durmir, comer, descansar...
Por outra banda, e no tocante ao traballo do centro de interese da familia, falamos dos membros que compoñen as nosas unidades familiares, en que traballan, que cousas fai mamá e papá na casa... ocupando un lugar destacable nestas conversas dirixidas as nosas mascotas.
Para iso, apoiámonos nunha actividade que propiciou sempre un grato encontro entre familia-escola, consistente na decoración -con foto incluída- dunha casiña troquelada a partir do uso de diferentes elementos, materiais e técnicas da linguaxe plástica. Unhas incipientes obras de arte que serviron como elemento decorativo para o corcho frontal da aula.
Neste senso, o rincón de xogo simbólico (“rincón da cocinita”), convírtese nun espazo de aprendizaxe privilexiado ao proporcionar situacións nas que actuamos, planificamos e tomamos a iniciativa en distintas tarefas relacionadas coa vida en familia: imos á compra no súper, coidamos dos bebés, poñemos a mesa e facemos a comida… distintas situacións nas que asumimos os roles sociais dos membros da familia favorecendo a construción da identidade persoal.
Durante estes días, ademais, incorporamos unha nova compañeira de xogo. Siii..., é NUBA!, pero é unha NUBA diferente, unha NUBA especial... unha NUBA enooorme!!...
Con ela xogamos na cocinita e no súper...


Tamén nos convertimos en perruqueiros e médicos...


E traballamos como auténticos súper-maiores nas actividades que forman parte do segundo libro cuxo eixo é o corpo humano... case nada!!


Ah!... todo isto sen esquecernos de que NUBA, iniciou a semana pasada o seu roteiro por Rianxo. E para comezar, NICOLÁS e a súa familia, foron os primeiros anfitrións para NUBA, cantos sitios visitou, non parou!...


Para iso, os días previos ao inicio desta rutina que se desenvolverá de martes a martes, participamos activamente na recreación das páxinas que dan inicio a este roteiro no que NUBA se convertirá na nosa convidada especial.
Trazamos as nosas primeiras grafías a partir da escrita de palabras reais e contextualizadas, recreamos o país de NUBARIS, pegamos fotografías, debuxamos..., e botamos purpurina, moooita purpurina... quedou chulísimo!


Agora xa, a partir da vindeira semana, comezaremos a disfrutar das modificacións que se producirán na escola, e particularmente na nosa aula, coa chegada do Nadal. Seguide moi atentos ao noso blogue, isto non fai máis que comezar e... contamos convosco... familias!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CiEnCiA kIdS!...

viernes, 21 de noviembre de 2014

Sabedores das repercusións da apertura ao contorno no noso desenvolvemento integral, hoxe desenlvovimos a nosa primeira saída da escola... foi algo estupendo!
O certo é que os días previos, o profe xa nos anunciara que o venres, día no que lle poríamos o casco do espacio ao coelliño de cor vermella, asistiriamos ao Auditorio Municipal de Rianxo, ese edifício que se atopa onda o parque da ribeira, o parque que ten un barco pirata... sabedes?...
Pois ben, por fin chegou o día e moi nerviosos, desenvolvimos como se dun día máis se tratase a asemblea matinal.
Así pois, MICAELA levou a cabo unha a unha as rutinas cotiás establecidas para este momento da xornada: fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico -hoxe por fin nin nubes nin choiva... hoxe sol!-, escribimos a data, o nome da súper-encargada... etc... xa asoman as primeiras grafias recoñecibles nalgúns nomes... estupendo!...
Posteriormente, iniciamos unha conversa guiada acerca do mar e dos elementos que se agochan no fondo mariño. Entre todos e todas apuntamos unha gran variedade de especies: peixes, cangrexos, estrelas de mar, golfiños e... tabeiróns, estes por suposto non podían faltar!...


Posteriormente, achegámonos ao mexillón, unha das especies mariñas que se dan no noso contorno cotiá. Así pois, constatamos a cor da súa cuncha, a necesidade de quitarlle a cuncha para poder saborealos, a cor laranxa da súa exquisita carne, tamén descubrimos o lugar onde se crían: as bateas...
Tras este torbeliño de ideas, puxemos as nosas prendas de abrigo e dirixímonos ao auditorio.
Amodiño, moi amodiño transcurrimos polas rúas da nosa vila agarrados das ás de bolboreta da corda de paseo que, nesta ocasión era de cor azul.



Xa no auditorio, agardábannos unha profes, algunha con mandilón de cor branca coma o do profe. Pero... eran profes?... Nooon, eran científicas!...


De xeito organizado, onda os nosos amiguiños e amiguiñas de 3 ANOS A, rotamos polas 3 estacións, nas que se desenvolvían diferentes obradoiros.
No primeiro deles, coñecimos algunhas das especies que existen no fondo mariño: tartaturgas, cangrexos, polbos... e ata un tabeirón! Si, si... nun frasco de cristal entre un líquido transparente atopabase un tabeirón pequeno… quedamos sen palabras!


Alí tocamos, ulimos, experimentamos... algunhas das propiedades e cualidades físicas destas e outras especies mariñas... e ata escoitamos o rumor das ondas do mar nunha enorme caracola... fantástico!


Xa no segundo obradoiro, descubrimos e identificamos algunhas das propiedades da auga a través de diferentes experimentos nos que, convertidos agora si que si en todos uns científicos con gafas de súper-científicos incluídas, misturamos aceite cun líquido de cor azul, verificando coma o aceite quedaba na parte superior... e mira que remeximos!...










Finalmente, no terceiro e derradeiro obradoiro, centrámonos no mexillón e, moi especialmente no plancton, que é do que se alimenta este molusco.


Como era de agardar, as relacións con Bob Esponja non tardaron en aparecer e, coma o plancton é tan tan pequerrecho que apenas se pode ver, unha científica ensinounos un microscopio no que ollamos como este se movía dun lado para o outro sen parar...


Xa de volta na clase, o cúmulo de situacións vividas propiciou a constatación de diversos descubrimentos e aprendizaxes, especialmente no referido á adquisición de actitudes positivas cara a conservación e coidado do contorno natural, especialmente no referido ao fondo mariño.
Sen dúbidas, un día repleto de aprendizaxes que non fan senón contribuir á comprensión do noso pequeno-gran mundo…


Agora a seguir traballando que o 1º trimestre emprende a súa recta final e moi pronto comezaremos a vivir un dos momentos nos que ata os máis maiores voltarán a ser de novo nenos e nenas… o Nadal!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!