
O
Arde Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun
obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu
pasado romano.
Así
pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti,
destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 14 ao 16 de xuño un completo
programa de actividades.
Neste
senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs
de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.),
revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas
a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que
vestimentas!
Falamos
de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo
como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos
a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos,
caracterizamos... é outro nivel!
Axiña,
recreamos a vestimenta que luciriamos no pasarrúas do venres nun folio no que
aparecía en números romanos o ano actual: MMXIX... que doado!
Neste
senso, un curso máis o que nos resultou especialmente interesante foi o
relacionado co combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo
aquilo que poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen
lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o
noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros,
lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Para
rematar, e como colofón final ao traballo desenvolto, hoxe venres participamos
activamente no pasarrúas organizado ata
a Praza de España que inaugura oficialmente o Arde Lvcvs MMXIX.
Agarrados
da parella establecida, cadaquén gozou do pasarrúas á súa maneira. Ilusionados,
percorremos parte da Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre, Praza de
España... canta xente!... cantas fotos!... respirábase ambiente de festa!...
Este
curso si que fomos ao xeito, sen carreiras nin sobresaltos inesperados...
fantástico!
Agora
xa, esta fin de semana queda gozar do pasado de Lvcvs Avgvsti máis vivo ca
nunca... que non se apague o lume!... que viva o Arde Lvcvs!...
Un saúdo e
non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!