Metidos na intensa vida do cole
dos maiores, e máis ou menos adaptados a este cúmulo de novidades, estes días
introducímonos na aprendizaxe das normas, hábitos e rutinas que rexerán a vida
e actividade cotiá da nosa aula con tempos dispares como o momento da asemblea,
do traballo obrigatorio individual ou do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.
En
Educación Infantil, a posta en práctica dunhas rutinas, axúdanos a coñecer o
contorno que nos rodea, superando os nosos medos e temores ao descoñecido,
dándonos a oportunidade de anticiparnos ao que vai ocorrer e proporcionándonos
a seguridade, tranquilidade e confianza necesarias para unha correcta
adaptación e estancia na escola.
Queredes
saber cal é a nosa secuencia rutinaria?... Pois velaí vai!
Para
comezar, desenvolvemos os hábitos propios do MOMENTO DE ENTRADA, quitamos as prendas de abrigo, colgámolas no
percheiro identificado coa nosa fotografia e nome e sentamos na liña vermella
para desenvolver os rituais propios da ASEMBLEA.
A
zona da asemblea, convértese nun espazo da aula no que hai que estar cos ollos
e orellas abertas e coa boca pechada, moooi
pechada para dar comezo ao ritual dos bos días, o saúdo aos compañeiros e
compañeiras e á elección do súper-encargado,
protagonista de cada asemblea matinal...
O súper-encargado
elixe a pegatina do mandilón do profe,
rexistra no panel correspondente as
ausencias e presenzas, constata o tempo atmosférico con PIPO, o coello
espacial,
e iníciase de xeito individualizado na escrita real e contextualizada
de grafemas significativos a partir do propio nome.
Asemade,
terá encomendada a función de ser o maquinista do tren nas saídas e entradas da
aula... canto nos gusta ser os primeiros! Agora temos que aprender a non
soltarnos, camiñar despacio e non empurrar... nooon, así nooon!
Nestas
asembleas matinais, falamos acerca das actividades que levaremos a cabo durante
a xornada ao tempo que lembramos o realizado o día anterior, prestando especial
atención a aspectos vencellados coa lecto-escritura e a lóxica-matemática: revisamos
no mandilón que letras temos no noso nome, escribimos cantos faltan, cantos son
nenos, cantas son nenas, palabras significativas do centro de interese...
Este
momento, ademais de dar inicio e final á xornada escolar, constituirá por si
mesmo un elemento motivador para o desenvolvemento da linguaxe oral, xa que
aproveitamos para facer partícipe ao grupo-clase dos nosos pequenos-grandes
problemas, tentando progresivamente respectar as normas que rexen os
intercambios lingüísticos... que complicado!
Logo
da asemblea, desenvolvemos as actividades de aprendizaxe, -amodo, sen présa, agarrando a cera ao xeito...-,
para antes do recreo,
reservar un pequeno tempo para repoñer forzas co Momento da merenda.
Vedes
que durante a mañá non paramos, pero aínda queda o máis divertido, o MOMENTO DO CONTO e o xogo libre e/ou
dirixido nos RINCÓNS.
Así
pois, durante o período de adaptación, participamos en diversas actividades que
serviron para descubrir e coñecer algúns dos xogos e xoguetes cos que gozaremos
ao longo do curso. Axiña, cando pase máis tempo, teremos asignado un rincón a
cada equipo de traballo, pero antes, debemos aprender a xogar, recoller e
respectar as normas establecidas neste momento de xogo.
Ademais
destas rutinas, a nosa actividade diversíficase si cabe aínda máis coa incursión
no horario das actividades desenvoltas por teacher
Pili, Cosme, Pedro, María José e Verónica-Chús-Medines; os mestres especialistas
de Inglés, Música, Psicomotricidade, Relixión e apoios na aula,... fantástico!
Canta
actividade!... e o curso non acaba máis que de comezar. Sen lugar a dúbidas, o
noso primeiro ano no cole pinta ben, moooi
ben...
Un
saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Me encanta ver lo bien que lo pasan, genial!
Publicar un comentario