Bienvenido

ESCULPINDO EMOCIÓNS!

viernes, 26 de noviembre de 2010

Este curso, participaremos de maneira activa no desenvolvemento dun proxecto de investigación didáctico e pedagóxico de carácter teórico-práctico no que investigaremos aspectos vencellados co mundo da ARTE e das EMOCIÓNS.
Estes dous alicerces non os trataremos de maneira illada ou parcelada, senón que a posta en práctica do proxecto enfocarase de tal maneira que ambas se traballen baixo o prisma da complementariedade.

No que respecta á intelixencia emocional, destacar que as emocións acompáñannos ao longo de toda a nosa vida, así que é importante aprender a aceptalas sen esixencias, sen culpabilizarnos, intentando comprendelas e identificando a súa orixe.
Ademais, a través do traballo das emocións, propiciarase a consabida adquisición de aprendizaxes orientadas ao coñecemento, valoración e control do noso corpo, de cales son as súas posibilidades e limitacións de acción, da capacidade para utilizar con certa autonomía os recursos dispoñibles...etc

Por outro lado, e tendo en conta o outro alicerce sobre o que se sustenta o traballo de investigación: o mundo da arte, a través do estudo de distintas obras escultóricas -tanto autóctonas como internacionais- tentaremos, non só, ser conscientes de cales son os nosos sentimentos, pensamentos e emocións, senón que ademais, comprobaremos se somos capaces de expresalos a través das distintas formas de comunicación e representación que temos ao noso alcance: linguaxe gráfica, verbal, matemática, musical, corporal e, especialmente a plástica.
Así pois, empregaremos a Expresión Plástica como un medio e non coma un fin, para desta maneira, contribuir a ser cada vez máis autónomos nas nosas actividades habituais, adquirindo seguridade afectiva, emocional e persoal, e desenvolvendo as nosas capacidades de iniciativa e confianza en nós mesmos.

Para traballar todos estes aspectos, participaremos na posta en práctica de diferentes actividades metodolóxicas de aprendizaxe, empregando recursos didácticos deseñados para tal efecto.
As secuencias de aprendizaxe tomarán como punto de partida as celebracións que se suceden no calendario escolar, traballando en cada momento aquel sentimento que se da en maior grao en cada data de especial significatividade e establecendo relacións con obras escultóricas -de todos os tempos e de diferentes culturas- que, dalgunha maneira, transmitan ao espectador esa sensación ou sentimento, axudando a contribuir ao desenvolvemento da competencia cultural e artística.

Buff, sen lugar a dúbidas, a posta en marcha deste proxecto titulado: “Esculpindo emocións!” convértese nunha proposta de traballo que pode resultar un tanto ambiciosa; pero non temos de que preocuparnos, xa que contaremos coa axuda e participación dos nenos e nenas de Patricia, Mary, Alicia, Carmen, María e Lourdes, nenos e nenas doutros coles que, ao igual que nós, están entusiasmados coa idea.
Ah!!... Esquecíamonos; podemos contar tamén convosco?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UN MAGOSTO DIFERENTE...

viernes, 19 de noviembre de 2010

Pois si, hoxe tivemos un magosto diferente, pero ollo, isto de diferente non implica, nin moito menos, que fose aburrido, xa que a pesar de que a choiva non quixera perderse a nosa festa e fixo acto de presenza ao longo da mañá, pasámolo fenomenal!
Foi unha semana "complicada", con moitos traspés e cun ritmo de traballo frouxo se temos en conta o de outras semanas, e é que xa sabedes que para nós calquera novidade que aconteza no cole afectános dunha sobremaneira, non vos podedes facer unha idea ata que punto.
En primeiro lugar, moi nerviosos, ilusionados, hiper-excitados... e todo o que poidades imaxinar elevado á máxima potencia, o profe foinos chamando para poñer a gorra-viseira elaborada ao longo destes días, por certo, un dos modelos máis comentados polo resto de profes do cole, quedaron abraiados do ben que debuxabamos... Estabamos moi moi guapos; e o profe?... Tamén!!!


Xa na asemblea levamos a cabo as rutinas de entrada: elección da súper-encargada, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico -hoxe Sandra tívoo doado... choiva!-, actividades de cálculo, de lecto-escritura... e conversas vinculadas co día de hoxe: o outono e os cambios que trae consigo no contorno natural e na vida das persoas.
Deste modo, aproveitamos as estupendas cestas que moitos dos nosos compañeiros e compañeiras trouxeron e que nos permitiron comprobar de primeira man algunha das súas propiedades en canto a cor, tamaño, textura... e que suscitaron curiosas e ocurrentes situacións. Todavía non entendemos como os tomates eran de cor laranxa. Estaban “caducados”, profe!

Logo, chegou o momento de ir pasando polas distintas estacións nas que se atopaban os xogos organizados, pero claro, a choiva, mudou un tanto a organización prevista -ti non estabas invitadaaaaaaa!!!- e, en lugar de realizar os xogos nos patios exteriores do centro, habilitáronse distintas dependencias de ambos pabillóns para disfrutar alí do tragacastañas -menuda puntería-, da culler e castaña -as caras de velocidade... o mellor!-, das carreiras de sacos -non faltaron os tropezóns e as caídas-, do magosto de cores -aquí deixamos a gorxa animando aos do noso equipo- e de coellos ao tobo -ao pandeiro quédalle pouco se seguimos dándolle con tanta forza-.
Xa na clase, máis tranquilos collimos as mochilas para merendar coma se dun día máis se tratase, pero... e as castañas?, onde estaban as castañas? O profe explicounos que estaban a piques de rematar de asalas e o cheiro que había no pabillón norte cando acudimos aos xogos o dicía todo, como ulía...

Mentres tanto, aproveitamos un anaco de tempo para realizar actividades de lecto-escritura coñecendo á Señora da Montaña, o M, e o que lle acontecera nun dos seus paseos polo bosque do País das Letras. Quedaramos intrigados e especialmente interesados na resolución da desaparición das súas fillas, as xemelgas N-Ñ...

E xa por fin, os nosos cestos coas castañas, unhas castañas que moitos de nos nin probamos porque como somos moi coitados, decidimos levarllas ás nosas mamás. E os papás?... Uff, eee, pois ninguén se lembrou deles, así que non comerán castañas.
Finalmente, un momento reservado para a expansión vital e a catarse; e a ritmo das nosas cancións preferidas movimos o esquelete con máis ou menos acerto, xa que claro, coma sempre, hai a quen lle gusta dar a nota e aproveitase para facer das súas:
foi súper-divertido!!!
Sen lugar a dúbidas, un día especial, pero...
as fichas?, cando facemos fichas profe???...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

SI, SI, SI..., O OUTONO XA ESTÁ AQUÍ!

viernes, 12 de noviembre de 2010

Sabedes que para o vindeiro venres celebraremos no cole o magosto?... O próximo venres disfrutaremos, un curso máis, do magosto que os profes do noso cole están preparando para celebrar a data na que nos atopamos. Será un día intenso no que todos e todas participaremos, moi merecidamente, nos diversos xogos que se organizarán no patio e que tantas situacións divertidas propiciaron xa outros anos: o tragacastañas, o magosto de cores, as carreiras de sacos... seguro que non falta un!
Ao longo desta semana, realizamos diferentes actividades cuxo eixo motivador foi o outono, o centro de interese que estamos a traballar dende fai algúns días.

Así, coa axuda da nosa mascota, a abella Pepa, observamos os cambios producidos nas árbores, o colorido das súas follas, como pouquiño a pouco aparecen novos fenómenos atmosféricos que o encargado constata e rexistra no panel do tempo e que nos obrigan a cambiar a nosa forma de vestir e a empregar os obxectos apropiados a estas novas condicións climáticas: o paraugas, chuvasqueiro, chaqueta, botas de auga...
Asemade, tamén coñecimos algúns dos froitos representativos do outono: castañas, noces, abelás, améndoas, uvas, mazás, laranxas, peras... unha actividade que non fixo máis que lembrarnos da necesidade de comer froita debido aos beneficios que nos suministra para a saúde, aportándonos vitaminas e axudándonos a estar sans e a previr enfermidades... están riquíiiiiiiisimos!!!
A partir desta semana, ademais, organizarase en cada un dos pavillóns do cole, sendas exposicións de froitos do outono que nos permitirán comprobar de primeira man as súas calidades en canto á textura (liso-rugoso), así como tamén verificar se sabemos clasificar estes froitos en secos e carnosos. Para levar a cabo esta exposición contamos convosco. Unha vez máis... mil millóns de grazas!
Pero sen dúbida, as actividades que máis nos gustaron foron a elaboración do cesto que empregaremos o venres para as castañas e a gorra-viseira que, aínda que non nos fará moita falta, por iso do pouco que se deixa ver o sol ultimamente por Rianxo, estamos contando os días para lucila.
Nesta ocasión, ao ter xa 5 anos, optamos por elaborar un modelo único e personalizado e, lonxe de decorala coa castaña un curso máis, desta vez optamos por outro deseño: un debuxo do outono.
Cada un de nós, no espazo delimitado para tal efecto, plasmou o seu concepto de outono: non faltan as árbores ás que se lles caen as follas de cor marrón e amarela, os cogumelos, os paraugas e choiva, moita, moita choiva...
Para ver os cestos das castañas teredes que agardar ata o venres porque durante esta semana ultimaremos os derradeiros detalles; en cambio, o resultado dos debuxos das viseiras, velaí van...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

MOCHILAS VIAXEIRAS...

viernes, 5 de noviembre de 2010

A partir do martes da próxima semana, introduciremos unha nova rutina que contará cunha periodicidade semanal. Xa están aquí de novo as “Mochilas Viaxeiras”!
A actividade da “Mochila Viaxeira”, está pensada para que, dende a biblioteca escolar, se leve a cabo unha actividade que vos implique, unha vez máis, ás familias nunha dinámica coa que se pretende unha colaboración na formación de lectores novos.
Así, nesta proposta de traballo contaredes cun papel importante ao servir de guías no correcto uso dos materiais e na aportación persoal ao “Caderno de Viaxe”.
Trátase dunha actividade totalmente voluntaria que consiste en que durante unha semana (de martes a martes) -isto di o profe que é moi importante que o teñades en conta para, deste xeito, non dilatar demasiado a actividade no tempo- cada un de nós, elexido segundo a orde do panel de fichaxe de ausencias e presenzas, levará a “Mochila Viaxeira” para a súa casa. Nela, atópanse o “Caderno de Viaxe” e diferentes materiais educativos relacionados coa lectura.
Durante esa semana na que a “Mochila Viaxeira” permaneza en cada unha das casas, podremos visualizar, manipular, interpretar, ler... os materiais que nela se atopan; ademáis, cada familia deberá consensuar unha temática determinada para que sexamos nós os encargados de plasmala no “Caderno de Viaxe”.
No “Caderno Viaxeiro”, non teremos límite de follas, e as temáticas que se poden abordar son múltiples...
imaxinación ao poder!
Entre algunhas posibles ideas: textos de tradición oral (adiviñas, contos, lendas, retahílas, trabalinguas, cancións populares…), cartas, poesías, redaccións, debuxos, impresións e actividades levadas a cabo cos materiais da “Mochila Viaxeira” etc... todas elas servirannos de base para a asemblea matinal de cada martes.
Para que esta proposta de traballo se convirta nunha realidade que repercuta positivamente no noso proceso de ensinanza-aprendizaxe, resulta indispensable que sexamos nós os encargados de plasmar a temática no “Caderno de Viaxe”. De pouco ou nada serve unha folla estupenda e marabillosa da que pouco ou nada sabemos, debedes facernos partícipes e converternos nos verdadeiros protagonistas da actividade, do contrario a proposta de traballo carece de sentido.
O mércores, na asemblea matinal, o profe ensinounos os materiais que se atopan na “Mochila Viaxeira” e descubrimos moi ilusionados que non eran os mesmos que os do curso pasado... que guay!
Os materiais que levaremos na “Mochila Viaxeira” da nosa clase este curso serán:
  • Busca los animales de la Tierra. Edit. Susaeta.
  • Descubramos los castillos. Colección ¿qué?, ¿cómo?, ¿por qué?. Edit. Elfos.
  • Las brujas. Colección Leo y Veo. Edit. Susaeta.
  • O dragón voador. Colección Don Quixote e Breogán.
  • CD de Planeta Hoobs. La aventura de aprender. Deportes.
  • CD de Un País de Cuentos. Los hermanos Grimm. Mesita ponte. Juan el fiel.
  • CD interactivo. Three in a tree. Edit. Oxford.

Nembargantes, si repetiremos co mesmo “Caderno de Viaxe”, e ao longo desta semana repasamos brevemente algunhas das páxinas realizadas cando estabamos en 4 anos.
Resultou curioso comprobar como a gran maioría lembraba, máis ou menos, a quen pertencía cada aportación, quen nos axudara na casa ou mesmo o título dalgún dos materiais que se atopan na “Mochila Viaxeira”.
Así que xa sabedes: ese conto que tanto nos gusta, ese libro de poemas que contén palabras fermosas, esas imaxes que tanto nos abraian, eses DVD´s que fan bailar ás pedras, unha película de debuxos animados, un libro que aborda aspectos relacionados cos temas que andamos a traballar… viaxarán connosco ata as nosas casas a partir do próximo martes.
Un saúdo “cos brazos abertos como as páxinas dun libro” e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!