Bienvenido

"PÍCAROS NO MERCADO".

viernes, 31 de mayo de 2019


Dende a Área de Concello e Cidadanía de Lugo, esta semana participamos na campaña “Pícaros no mercado”; unha actividade coa que nos achegamos de xeito vivenciado ao Mercado Municipal e á Praza de Abastos.
Neste senso, esta temática non é nova para nós, pois no libro de actividades nº5 de MUNELA, cuxo centro de interese era o mercado, descubrimos, identificamos e valoramos o mercado como un espazo no que podemos encontrar todo tipo de produtos frescos con cores, olores e sabores moi variados.
Así, aprendemos que no mercado a xente compra verduras, carne, pan... e mesmo toma chocolate con churros a 5 euros como PABLO, BERTA e MUNELA... que memoria!
A primeira hora da mañá, expectantes e ilusionados, repasamos as normas de seguridade e de urbanidade para a saída: agarrados da nosa parella, non andar moi rápido nin moi despacio, non baixar da beirarrúa...
Aproveitando que o tempo acompañaba, percorremos a Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre, Praza de España, Doutor Castro... 


Que vida hai de boa mañá en Lugo, que bonito é Lugo, Lugo ten moito que ver... Lugo mola!
Xa logo, en primeiro lugar, visitamos a Praza de Abastos, mergullándonos de cheo en cada posto.


Na PESCADERÍA vendían pescados de mar e de río. Tamén marisco: langostas, centolos e peixes a granel!


Neste posto había un conxelador xigante que semellaba un armario... impresionante!


Na POLLERÍA vendían polos, pavos, ovos... mesmo hamburguesas e croquetas... excelente selección!


No posto da FROITERÍA había leitugas, tomates, patacas, cogomelos..., e moitas moitísimas clases de froitas: mazás, cereixas, plátanos, melocotóns... canta cor, canto brillo!... cada produto no seu lugar!...


Na CARNICERÍA vendían carne de vaca, de porco e de cordeiro... mesmo había porcos enteiros!... quedamos abraiados! e posiblemente sexa unha das cousas que máis nos chamaron a atención.


Xa para rematar a visita guiada pola Praza de Abastos, restaba visitar a PANADERÍA onde vendían distintos tipos de pan, galletas, rosquillas, pasteis, empanadas... mmm, canto arrecendía!


Por outra banda, tamén visitamos o Mercado Municipal cos mesmos postos e unha CAFETERÍA xusto na entrada,... que almorzo tan apetecible!...



Neste espazo, desenvolvemos unha actividade coa que recoñecer e valorar a importancia dunha dieta equilibrada como medida fortalecedora de saúde coloreando segundo o código de cor establecido os alimentos prexudiciais (cor vermella) e beneficiosos (cor verde).


Sorprendente o involucrados que estivemos na actividade, coidando de non saírnos do contorno e obstinándonos en rematar a actividade cando xa apenas restaba tempo... debiamos voltar ao cole!..., o seguinte grupo estaba agardando a súa quenda de visita!...


Para rematar, na clase, improvisamos unha asemblea na que cadaquén aportou a súa impresión e valoración, recreando tanto o noso posto favorito como as rúas de Lugo... os gladiadores romanos da Praza de España: un clásico... estupendo!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

VAI DE BAILE!...

viernes, 24 de mayo de 2019

Co gallo da celebración da Semana das Letras Galegas 2019, esta semana recibimos a visita dunha banda de música tradicional que nos achegou ás posibilidades que ofrece o folklore popular propio da comunidade.
Indubidablemente a música, constitúe unha forma peculiar de comunicar aspectos da vida cotiá; de aí que, debido á riqueza dos medios que utiliza, á sinxeleza das técnicas que emprega e á variedade de soportes sobre os que traballa, convertan esta materia nun compoñente indispensable na nosa clase.
Así pois, semanalmente recibimos unha sesión de Educación Musical que corre a cargo de COSME, o profe de Música, que cada xoves nos pon en contacto coa arte e as expresións musicais de todos os tempos e culturas.
Ao tempo, na nosa parrilla de clase, faise importante que cantemos, que gocemos das cancións; e boa proba disto é o repertorio que empregamos a modo de rito no establecemento dalgunhas rutinas cotiás: a canción dos bos días, dos días da semana, dos meses do ano, do silencio...


Pois ben, expectantes pola visita e tras formular hipóteses sobre quen se podería tratar, logo do patio acudimos ao salón de usos múltiples para ver quen se agochaba detrás das cortinas do escenario sobre o que o curso pasado sacaramos a foto de grupo que preside a porta da nosa aula... que memoria!


Tratábase dun gaiteiro acompañado da súa banda: dous homes e unha muller... fantástico!
Cada membro da banda ía ataviado coa indumentaria propia do traxe tradicional galego e cos instrumentos musicais que dominaban en cada caso: gaita, tamboril, bombo e pandeireta.


De xeito interactivo e organizado, descubrimos e identificamos algunhas características destes instrumentos musicais: familia á que pertencen, tipo de sons que emiten, partes e elementos... non sabíamos que a gaita “despedazada”... tamén soa!


Esta actividade, ao tempo permitiunos desenvolver a discriminación auditiva, a observación, a expresión e a representación musical, valorar e respectar a música tradicional... case nada!


E para rematar,... que mellor que xuntar música e movemento?... Bailamos e cantamos as cancións interpretadas, dende as cancións populares, as cancións de toda a vida como “A saia de Carolina”, ata as máis actuais que pedimos unha e outra vez a modo de despedida... que ben o pasamos!


Resultou un día ben divertido, un día de festa que marca no calendario o sprint final deste curso que entra xa na recta final... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2019.

viernes, 17 de mayo de 2019

Esta semana, puxemos o colofón final á Semana das Letras Galegas 2019 participando nas actividades propostas a nivel de centro.
O mes de maio celébrase o Día das Letras Galegas para homenaxear a escritores e escritoras que escribiron en galego e defenderon o noso idioma. Este curso homenaxeamos a Antón Fraguas Fraguas.
Así pois, comezamos realizando achegas a algúns detalles da vida e obra deste autor nado en Cotobade o 28 de decembro de 1905. Estudou no instituto de Pontevedra, co profesor Castelao, e empezou alí a facer un dicionario en galego con outros compañeiros. Xa logo, foi mestre onde gustaba de facer excursións cos seus alumnos e alumnas e mesmo deu clase aos rapaces e rapazas daquel tempo no IES Lucus Augusti, sito onda o noso centro.


Ao tempo de todos estes descubrimentos e pescudas, o xoves, véspera do Día das Letras Galegas, adicamos a xornada a mergullarnos de cheo no significado desta conmemoración desenvolvendo varias actividades impresas nas que traballamos a figura de Antón Fraguas Fraguas.
Dende a asemblea matinal, sabiamos que esta sería unha xornada diferente, pois logo do momento da merenda e do patio asistiriamos ao ximnasio ao acto organizado a nivel de centro, non había tempo que perder...
En primeiro lugar, compuxemos un crebacabezas de 4 pezas que, previamente recortamos seguindo a demarcación establecida. Parecía doado, pero o certo é que a parte do rabo da vaca era complicada dabondo...


Xa logo, debuxamos e coloreamos de cor vermella, rosa e/ou violeta/lila moreas de corazóns que ofrecían unha estupenda visión de conxunto a unha actividade impresa na que, en forma de marcapáxinas, coñeciamos máis curiosidades da vida e obra de Antón Fraguas Fraguas.


Posteriormente, tras a merenda, asistimos expectantes ao ximnasio onde os máis maiores do cole, interpretaron poemas e cancións como mostra da riqueza do noso folklore popular... parabéns!


Houbo de todo e para todos os gustos, un acto no que a máis dun lle houbese gustado participar, o curso que vén, ao converternos nos súper-maiores do mandilón, será a nosa quenda... fantástico!


E para rematar... que mellor que movernos ao son da música e celebrar todos xuntos un dos días grandes da nosa comunidade autónoma: o Día das Letras Galegas 2019.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PRIMAVERA COLORÍN COLORADA.

viernes, 10 de mayo de 2019

Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días son máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade... xenial!
As modificacións que se producen na contorna cotiá coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar, coñecer e identificar algúns elementos característicos do inverno e, máis concretamente, da primavera.
Así pois, nas asembleas matinais, axiña establecemos como elemento representativo da primavera as flores. Hai flores de case todas as cores, xa que coidamos que as flores de cor negra están mustias, marchitas, case mortas... 


Indubidablemente, esta conclusión serviunos para lembrar algunhas das necesidades básicas das plantas que, xa dun xeito máis sistemático, consolidaremos co traballo do libro de actividades nº6 de MUNELA.


Exacto!... lembramos que as plantas precisan auga, luz e terra, ao tempo que os coidados precisos dun xardineiro ou xardineira... fantástico, así si!


Esta e outras conversas, ao tempo, servíronnos para concienciarnos da importancia de non arrincar as flores e/ou plantas do contorno físico e natural próximo, de non pisar as zonas axardinadas da nosa cidade, as hortas... coidado, hai que mirar onde pisamos!
Neste senso, e como vén sendo decote neste 2º e 3º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos cando as condicións meteorolóxicas o permiten, acudimos á horta establecida nun lateral do patio dos maiores para realizar, do mesmo xeito que o curso pasado, diferentes plantacións que recolleremos no mes de xuño.
E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes, arco da vella e, sobre todo... flores, moitas flores!... Bonito, bonito, quedou o corcho do corredor vestido de primavera...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!