Bienvenido

. . . N A V E G A R . . .

viernes, 6 de marzo de 2020


Estas semanas, a partir do conto “Muníbal el navegante”, estamos  descubrindo e valorando diferentes medios de comunicación e información.
Así, coñecemos que as persoas comunicámonos de moitas formas: falando, escribindo, mediante xestos, movementos...
O traballo sistemático dos mass media, permítenos corroborar que a principal forma de comunicarnos e expresarnos é a través do corpo. A través do corpo expresamos emocións, de aí que de cando en vez reservemos parte da xornada a mover o esquelete memorizando, cantando e mimando cancións que favorecen a comunicación vital libre non estereotipada.


Sabiades que medios podemos empregar cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe?... Cando nos queremos comunicar con alguén que está lonxe, podemos utilizar o teléfono, o correo postal e electrónico, a videochamada a través de APPs creadas para tal efecto...


Ao tempo, tamén podemos acceder á información a través de medios como a televisión, o xornal, a radio e mesmo Internet; de feito, actualmente a maior rede de información e comunicación que utilizamos é Internet.
Por outra banda, nun aula no que a organización dos tempos e espazos favorece progresivamente a continuidade entre Educación Infantil e Educación Primaria, non esquecemos o tempo de xogo libre e/ou semidirixido nos rincóns.
Neste senso, combinamos distintos momentos ao longo de cada xornada, pois nada ten que ver o ambiente cálido e acolledor que se crea no momento do traballo obrigatorio individual no que o silencio e concentración resultan fundamentais, co momento dos rincóns no que o balbordo resulta inevitable... que cambio!


Como saberedes, durante este curso presentáronse diferentes rincóns cos que xogamos aprendendo e aprendemos xogando: rincón de xogo simbólico, de biblioteca, de lóxica-matemática, de construcións, de expresión plástica... espazos de xogo e traballo para aprender a compartir, resolver positivamente conflitos cotiás, imaxinar e recrear situacións, construír...


Agora xa, na vindeira semana ultimaremos os derradeiros detalles do traballo impreso propio deste trimestre, e así adicar a recta final ao traballo da identificación e grafía dos habitantes de Letrilandia– O País das Letras que coñecemos durante este tempo... preparados!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: