Bienvenido

RESPÍRASE... ARDE LVCVS MMXVIII!

viernes, 8 de junio de 2018

Alomenos de momento, quedamos se o tan ansiado picnic que tiñamos preparado se o tempo así o permitía nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro, pero o que non coidabamos é que a semana nos agardaba unha nova visita á aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio... estupendo!
Así pois, desenvoltas as rutinas de entrada -prendas de abrigo e mochila no percheiro- e os rituais da asemblea -desta vez a súper-encargada foi SIRA-, organizámonos para acudir á “aula de plástica”, -como nós lle chamamos-.
No momento da entrada, os profes da Facultade organizáronnos en 2 grupos para desenvolver distintas actividades do alumnado de Maxisterio.
Desta vez, houbo de todo e para todos os gustos: creamos vidrieiras, construímos torres, compuxemos formas, tecemos telarañas... canto por facer!
Para comezar, coñecedores das posibilidades dos materiais propios da expresión plástica: papel celofán, creamos unha vidrieria nunha das fiestras: rachamos, aplastamos, enrrugamos, pegamos... canta cor!... que bonito!...


Tamén fixemos un primeiro achegamento á mesa de luz, explorando as posibilidades plásticas e creativas deste soporte, experimentando coa luz, as sombras, as cores... descompuxemos unha cara!



Creamos pequenas obras de arte na pizarra imantada coas pezas magnéticas dispostas para tal efecto: soles, casas, árbores... mesmo un avión!


Convertémonos en personaxes da época medieval no castelo elaborado con material de refugallo: formas, texturas, cores, fiestras... canto detalle!



Pintamos con máis ganas que nunca cunhas ceras estranas, raras, diferentes... eran ceras brandas! que deslizaban cunha facilidade incrible... orixinal a telaraña coas nosas creacións penduradas como auténticas obras de arte... arte, arte por todas partes!


Agora ben, se nos temos que quedar cunha actividade, sen dubidalo, quedamos coas pezas de construción, verdadeiramente deveciamos por este espazo. Construímos torres altas, tan altas que inventamos a forma para que non caese todo ao chan: primeiro as pezas longas, logo as máis curtas, botamos man dos compañeiros e compañeiras máis altos... canto rimos!



E a vindeira semana?... A nosa cidade recreará diferentes escenarios propios da época romana e castrexa,... en Lugo respírase xa Arde Lvcvs!


Para isto, que mellor maneira que todo o alumnado do CEIP ANEXA inaugure a fin de semana e o inicio do Arde Lvcvs que cun pasarrúas o venres 15 ás 10:00h. e así dar o mellor dos pistoletazos de saída a unha fin de semana que se presenta... prometedora!
Harpastvm (venres ás 23:30h.), Circvs Romano (sábado ás 18:00h.) e o espéctaculo Divinivm (sábado ás 23:55h.) son algúns dos acontecementos que se sucederán, sen esquecer a carreira II Mvrvs Lvcis (romanos vs. castrexos, venres ás 00:00h. polo adarve da Muralla)... canta festa!...
O pasarrúas transcorrerá pola Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre e fondo da Praza de España ata chegar ao concello. Voltaremos baixando a carón de Franciscanos e pasando por diante do Círculo das Artes, realizando de novo o percorrido á inversa... este cole como mola!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Sira dijo...

Parabens pola paciencia que demostraches durante o desfile do arde lucus, nenos en colo o ir e o volver, demostrache unha vez mais o bo profesor que eres