Bienvenido

ALL YOU NEED IS LOVE!

viernes, 3 de febrero de 2017

Ao longo desta semana, traballamos aspectos relacionados coa Educación para a Paz. Isto non quere dicir, nin moito menos, que este ámbito de traballo o limitemos unicamente a esta data, pois durante o curso en distintos momentos da xornada, traballamos elementos relacionados con este ámbito de acción da Educación en Valores.
Así, por exemplo, o momento da asemblea posibilita o traballo transversal desta temática no momento en que pouco a pouco avanzamos na escoita activa e atenta cara os demais, saber respectar opinións alleas e levantar a man antes de falar. Tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso consensuamos as normas que rexerán a vida da aula ou cando descubrimos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os nosos conflitos cotiáns.
Pois ben, todo isto foi traballado dun xeito máis dirixido e intencional nesta semana na que celebramos o Día Escolar da non Violencia e da PAZ.
Como non podía ser doutro xeito, comezamos coa lectura dun clásico desta data: Negros y blancos (Edit. Anaya), un conto que relata como unha encarnizada guerra entre elefantes “Negros y Blancos” non trae nada máis que morte e destrución... non perdemos detalle!


Indubidablemente, esta historia serviunos como alicerce de reflexión nas asembleas, as cales, se converteron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tanto escoitamos na nosa vida cotiá.
Día a día, os nosos faladoiros eran máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada -esta semana facíase indispensable-, relacionamos o concepto de PAZ con conceptos e accións como: “no pegar”, “recoger”, “hacer bien la ficha”... chegando entre todos e todas moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra. Quedaron uns debuxos cargados de PEACE & LOVE!


Do mesmo xeito, debuxamos a GUERRA: caras tristes, bágoas e todo o material bélico que poidades imaxinar saíron nuns debuxos incribles: pelexas, asasinos, bombas, pistolas, tanques... cada vez arriscamos máis, perfecto!


Case como broche final ao traballo desenvolto,  participamos nunha actividade proposta a nivel de ciclo, decorando o noso propio símbolo da Paz.
Este curso, decidiuse ir máis alá da archi-coñecida pomba da Paz, e traballamos o símbolo creado polo deseñador británico Gerald Holtom en 1958.


Xa que a gran maioría asocia como case único e exclusivo símbolo da Paz a pomba branca, pareceunos unha boa idea cubrir de pombiñas de cor branca o noso símbolo da Paz sobre fondo verde clara.


Picamos cadansúa pomba da paz ao ritmo de “No dudaría” de Antonio Flores e “All you need is love” de The Beatles e... símbolo listo!


E para rematar, que mellor que conmemorar este día que participando activamente na carreira solidaria organizada no pavillón dos maiores. Trátase moito máis que dunha actividade deportiva, a carreira “Kilómetros de Solidaridad”, permite recaudar fondos que irán destinados a nenos e nenas que atende a ONG “Save the Children”... fermosa iniciativa!















Uf!... unha semana ben intensa que rematamos coa rutina do contacontos, onde un SERGIO entregado, deleitounos con Chumba la cachumba (Colección Clave de Sol)... sensacional!!, moitos parabéns SERGIO!! sabemos que ser o primeiro non tivo que resultar nada doado!!...


Agora xa, será a quenda de DIEGO que sen pensalo dúas veces decantouse por todo un clásico: Los tres cerditos... excelente!


E conto a conto, con carautas, antefaces e disfraces, chegaremos ás tolerías do Antroido. “A viaxe ao mundo en 80 contos” é a temática escollida para este curso e sen apenas decatarnos, nós xa temos case o noso deseño!... Preparadas familias?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: